17/1/13

Botando a mirada atrás: un conto de Nadal...

Mentres resolvemos un problema coa subida de imaxes ao blogue, vai unha de TEXTO.


"Desde o alto, distinguiu unha aglomeración de xente arredor dun edificio inundado de luces. Un lugar ideal para iniciar a investigación que o traía á Terra. Seleccionou unha persoa que permanecía inmóbil e introduciuse nela.
O home non notou nada, agás un lixeiro calafrío que atribuíu ao aire xélido daquela tarde. A translación funcionara sen problemas, e Xhantl foi asimilando aos poucos a nova realidade. Estaba na Terra, no interior dun humano, e experimentaba por vez primeira a estraña sensación de ser el e, ao tempo, ser outro diferente.
A persoa chamábase Moncho e levaba máis de tres horas de pé, diante daquelas portas polas que entraba e saía un río de xente. Os que marchaban, cargados de bolsas e paquetes, pasaban ao seu carón sen repararen nel. Só alguén, de cando en vez, depositaba unha moedas no bote que sostiña na man dereita.
Xhantl ficou abraiado coa fervenza de sensacións e sentimentos que Moncho albergaba. Cansazo, frío, dor nos pés. Desexo de berrar, de rebelarse ante aquela exhibición de riqueza. Vergonza de se atopar alí. De sentir as olladas de desprezo, ou de noxo, ou de indiferenza, ou de mágoa, que de todo había. A amarga sensación de invisibilidade, de non ser ninguén.
Comezaba a empardecer, e decidiu marchar. De camiño, pasou por unha praza onde algúns adolescentes colocaran un gran cartel, «ÁRBORE DOS DESEXOS», ao pé dunha moreira que estendía xenerosa as súas pólas espidas. Invitaban a canta persoa pasaba a escribir un desexo nunha tarxeta e pendurala logo da árbore.
Tras uns momentos de dúbida, Moncho achegouse ao banco onde unha rapaza sostiña unha caixa con tarxetas de cores rechamantes. Colleu unha de cor verde e escribiu cun rotulador o seu maior desexo. E despois pendurouna nunha póla da moreira; cuberta de follas de cores, a árbore experimentaba unha inesperada primavera.
Xhantl achegouse e leu algúns daqueles desexos: «Que non haxa ninguén sen casa», «Que os poderosos deixen de roubarnos», «Quero ter un can como Milú», «Que algún ano me toque a lotería»...
A rapaza do banco irradiaba alegría, cun sorriso permanente nos ollos e nos labios. Xhantl non o dubidou: abandonou a Moncho e, nun instante fugaz, mudou para o interior de Sara. O entusiasmo e as ganas de vivir bulían no corpo daquela moza. Que ben, experimentar a calor que dá a alegría!
Algún tempo despois, os mozos recolleron as cousas e acordaron marchar. Un reloxo luminoso marcaba as nove, e tamén a data daquel día: 24, decembro. Camiño da casa de Sara, coas rúas cada vez máis baleiras, Xhantl observou unha especial animación nun baixo comercial onde os carteis de «ALÚGASE» case tapaban os vidros dos escaparates. Non o pensou máis: o extraterrestre afastouse de Sara e introduciuse no corpo de Paulo, un home de pelo roxo que falaba con expresión animada.
As seis persoas que alí se reuniran afanábanse en arranxar o sitio, estendendo cartóns no chan e, por riba deles, uns colchóns e os sacos de durmir. No centro, dúas caixas da froita, sobre as que colocaran os alimentos e bebidas daquela noite.
A luz dun cámping gas iluminaba aqueles rostros, máis animados conforme transcorrían os minutos. Cearon, beberon, riron; e cantaruxaron en voz baixa, non querían que ningún policía lles viñese estragar a noite.
-Logo hoxe non queredes algún conto?- preguntou Paulo.
Os outros xa debían saber da súa arte, porque se meteron nos sacos de durmir e se acomodaron sobre os colchóns. Fíxose o silencio e as palabras comezaron a agromar da boca de Paulo:
-Isto pasou nun lugar preto de Fisterra. Vivía alí unha muller que...
O relato fluía cada vez con maior lixeireza e iluminaba os ollos de todos. E Xhantl, fascinado ante aquela fervenza de palabras, comprendeu por fin por que os científicos do seu planeta se interesaban tanto polos habitantes da Terra. Posuían o don marabilloso de imaxinar, de crear outros mundos e novas vidas por medio das palabras. Si, ficaría no corpo de Paulo, aprendendo aquela habilidade marabillosa: o engado das historias, a maxia das palabras que aniña -durmida, ás veces- no interior de todas as persoas."

16/1/13

ILUSTRACIÓNS DE CONTOS QUE DESEÑAN PEZAS DE ROUPA


Os personaxes dos contos O coelliño branco e A cebra Camila, ilustrados por Óscar Villán, pasaron a decorar as pezas de roupa que se están a vender en CASA K, unha tenda "para vestir de conto" tal como a presenta a súa publicidade. Outra maneira de continuar vinculados a eses personaxes que atopamos nos libros.
Según se nos explica, trátase de pezas para nenos e nenas de dous a seis anos. As roupas contan co selo Oeko-Tex, un certificado que dende 1992 garante produtos téxtiles inocuos para a saúde e o medio ambiente.
Non sabemos se son os mellores tempos para o lanzamento desta línea de produtos arredor de libros, pero estamos certas de que terán un deseño moito máis artístico e de calidade que moitos outros que hai no mercado. Así que... sorte na aposta!


15/1/13

PREMIO ESTORNELA DE TEATRO


O pasado 16 de decembro fíxose público o Premio Estornela de Teatro para nenos,  convocado pola Fundación Neira Vilas.
O xurado acordou fallar a VII edición de dito premio en favor de Diana Varela Puñal, pola súa obra Arlequino Viceversa.  Da obra gañadora os membros do xurado apreciaron o ben logrado movemento escénico, a amenidade da trama, o léxico rico e asequible, a alusión á cultura popular (entroido, filloas, etc), a cordial relación interxeracional e a transmisión de valores humanos integrada no seo da familia, así como a relación cordial entre nenos e nenas.
Dada a calidade das obras presentadas, o xurado considerou oportuno conceder mencións de honra ás obras A fraga das árbores das palabras de Carlos Labraña e O corazón do bosque de Lino Braxe.
Aquí podemos ver aos premiados anteriores.

14/1/13

PREMIO PURA E DORA VÁZQUEZ


Por que está triste Miañas? de Ángela Fernández Rey, resultou ganadora da X edición do "Premio Pura e Dora Vázquez de Narración", que convoca a Deputación de Ourense. O xurado destacou da obra premiada o feito de que fomenta e transmite o sentido do compañeirismo, a amizade e a solidariedade entre os nenos; o áxil ritmo narrativo e unha linguaxe perfectamente acaida para o público infantil; o rápido ritmo narrativo da historia que "atrapa" ao lector de principio a fin e cuns diálogos moi ben conseguidos; a orixinalidade do enfoque narrador da obra (que radica en que transmite a través dos animais os valores máis destacados do ser humano) e a capacidade para poñer en valor o fomento da literatura dirixida aos máis novos e o xénero literario da fábula.
Ao tempo, o xurado, declara que a edición permitirá acadar un perfecto equilibro entre narración e ilustración ao quedar aberta o certame X Premio Pura e Dora Vázquez de Ilustración, por medio do cal esta obra será enviada aos interesados en participar que poderán entregar os seus traballos ata o 20 de decembro deste ano.
vexamos os premiados anteriores neste enlace.

11/1/13

A TODA MÁQUINA!


Así vai a preparación do XIV Salón do Libro de Pontevedra con ese título que acolle todo o que podemos considerar máquina e non ten que quedar unicamente nesa definición que se recolle na páxina de inicio " invento humano que reduce o esforzo necesario para realizar un traballo".
Vai de máquinas e sabemos onde comezamos pero non onde podemos rematar. de calquera maneira, o salón do libro sempre nos ofrece esa oportunidade anual para encontrarnos arredor das exposicións, os obradoiros, presentacións, mesas redondas, teatro, concertos, coloquios, cursos, ensaios e outras actividades.

A toda máquina!


 

10/1/13

Premio Barriga Verde




Raúl Dans alzouse co Premio Barriga Verde de textos para teatro de monicreques, na categoría dirixida ao público infantil, con Un mosquito de nome Henri, unha historia de superación e de aprendizaxe protagonizada por un personaxe visionario e inconformista que soña con ser aviador pese ás dificultades coas que se topa.
Dela valora o xurado o seu ritmo áxil e a claridade da estrutura, así como a abundante comicidade nos textos e súa profundidade conceptual. O ditame refírese tamén aos numerosos e variados personaxes, coas súas singulares características, que conforman un conxunto harmónico no cal se adoptan comportamentos e emocións propias dos seres humanos, de xeito que mosquitos, avespas, formigas e outros insectos se teñen que enfrontar a alegrías, frustracións, medos, ilusións e desenganos.
Este texto supón a primeira incursión do autor na literatura dramática infantil.Aquí podemos ver todos os premios anteriores.

21/12/12

ÁLBUM PREMIADO


O ilustrador galego é, neste caso, tamén autor, como sucedera con Voces na lagoa do espantallo, Baile de colores, La gallina churra, El Rally de los locos, Gago por merenda, O xigante e a lúa (con Gloria Sánchez), A princesa e o dragón, Antoloxía da poesía galega para nenos, Teodomiro soña con dragóns, Mis historias perdidas...
Que pasa cun gato que pode converterse en rato e de novo en gato ... e de novo en rato? Unha vida difícil, sen dúbida ¡e moito que aprender!

20/12/12

DE NENAS E DE LIBROS


Esta é a páxina que dentro de Álbum de mulleres (Consello da Cultura Galega) recolle unha serie de artigos e recursos para poñer en relación muller e literatura infantil. 
Artigos de Agustín Fernández Paz, Marilar Aleixandre, María Reymóndez  ou Montse Penas. Monográficos das revistas Andaina ou Festa da palabra silenciada. Ligazóns a páxinas de interese no tratamento do tema.
Unha páxina a ter en conta, aínda cando non estea actualizada ou algún dos enlaces non funcione, porque moito do que aí se di segue vixente e pendente de logro.
A favor das nenas e dos nenos non estereotipados!

19/12/12

Premio para FANTASMAS DE LUZ

Fantasmas de luz de Agustín Fernández Paz, foi Premio de Creación Literaria dos Premio da Crítica 2012.
Así se nos conta na sección de actualidade da AGE (Asociación Galega de Editores):
"O xurado desta modalidade acordou outorgar por unanimidade o premio a Fantasmas de luz de Agustín Fernández Paz publicado por Edicións Xerais de Galicia. O xurado apuntou como razóns para premiar esta obra "a súa capacidade de enfiar cine e literatura na arquitectura da novela, unha das marcas poéticas do autor; o tratar problemas da sociedade de hoxe que levan á invisibilidade dos excluídos, aínda que a historia se sitúe nunha etapa anterior á crise; o facelo con humor, fina ironía e unha ollada atenta aos problemas profundos da nosa sociedade; e, por último, pola súa mensaxe final que, malia as denuncias, está cargada de optimismo e esperanza nun futuro mellor."
Esta obra tamén acadou o Premio AELG ao Mellor Libro Infantil e Xuvenil, 2012
As ilustracións de Miguelanxo Prado complementan de maneira inmellorable unha obra editada con todo o detalle ao alcance. Prado podería considerarse o ilustrador de cabeceira dos libros de Fernández Paz. Unha parella a ter moi en conta!

18/12/12

CONTOS NA REDE


Galaxia acaba de abrir unha páxina (GalaxiaTales) de contos interactivos  que se poden adquirir e ler dende calquera dispositivo. Son contos en galego español e inglés, que conteñen animación, música e locución. de cada un deles pódese ver previamente ao redor dun 20 por cento do seu contido. O proxecto arranca con Unha sorpresa para Goruk de Daniel Landesa con ilustración de María Longa e Así comezaron as aventuras da Rosa dos Ventos e Xan Pericán de Joel Franz Rosell con ilustración de Luis Castro Enjamio.
Así nolo contan na presentación editorial.
Podemos entrar e ver.

17/12/12

COMER... COMER DE PREMIO


"Os prestixiosos premios Gourmand Beste in the world veñen de galardoar Os cogomelos na cociña e outras cousas, editada por Baía Edicións, na categoría "Best Single Subject Cookbook", sendo a gañadora de España en galego. Tamén foi recoñecida a obra da mesma editorial Sopas frías e quentes, na categoría "Best Translation Cookbook", sendo a gañadora de España en galego.
Asemade, o libro de Ideaspropias Editorial, Inglés profesional para servicios de restauración, foi o gañador dos prestixiosos premios Gourmand World Cookbook en España na categoría de Mellor Libro para Profesionais da Alimentación. O título optará, o próximo 23 de febreiro de 2013 no evento Gourmand Best in the World que se celebrará en París, ao Premio ao Mellor Libro do Mundo.
Os gañadores de cada país compiten contra os gañadores na mesma categoría doutros países polo "Best in the World". Os resultados anunciaranse o sábado 23 de febreiro de 2013 no teatro Le Carrousel du Louvre de Paris. Todos os detalles do evento da Paris Cookbook Fair do 22 ao 24 de febreiro 2013 estarán disponibles na páxina web www.cookbookfair.com."
Así se nos conta na páxina da Asociación Galega de Editores
Sabíamos que a gastronomía era unha das razóns polas que o turismo che achegaba a Galicia, pero fomos un pouco máis alá, son os nosos libros os que tamén resultan coñecidos en todo o mundo. A por eses premios e moitos máis! 







12/12/12

POESÍA E FOTOGRAFÍA


Xardín de inverno, o novo libro de Ledicia Costas, é unha boa mostra de fotografía poética ou poesía fotográfica. Nel danse a man Ledicia e DNL, o mesmo que ilustrara Páxinas de carricanta ou Mans, sempre con fotografías.
Xardín de inverno é o que temos en Galicia. Xardíns de camelios que florecen nesta epoca, de camelias que estran os chans das hortas e parques. Este é o meu xardín, di unha muller que ben o merece, cando pasa por un dos parques da cidade. "Xardín de inverno" ten algo de tristeza escrita nos xenes, de muller que expresa os seus silenzos, de aí que non nos sorprendan poemas como este:

"fálanme ao oído e son máis de unha:
a conciencia da miña nai,
a voz da miña avoa
(hoxe soñei que estaba viva
pero aparecía con cara de morta),
as palabras desgarradas das que me escoitan

a moitas outras non as coñezo de nada,
pero sei que teñen 14 cordas vocais

       todas elas recítanme versos de lobishomes
                                                      e de mundo

      tantas voces levo ao lombo
(mulleres de palabra viva
mulleres de carne)
que ás veces nácenme antenas no corazón

escóitoas en estéreo
teñen o costume de falarme á vez,
unhas sobre outras

      son surtidores de verdades"
        

                                               

10/12/12

TITOÁN. BANDA DESEÑADA CON PREMIO


Certamente trátase dunha boa entrega, que nos achega a figura de Castelao e a súa obra dunha maneira clara e interesante. Non podería dicir o mesmo do segunda entrega, Castelao. O pobre tolo, que resulta escura e confusa -ao meu entender- ata o punto de considerar que se trata dunha oportunidade perdida, que se debería remediar se o obxectivo é continuar a colección dedicada ao artista e político galego. Como o tempo non pasa en balde, como os coñecementos que temos sobre estas figuras do noso pasado non son tantas nin de tanta calidade... faise necesario que as referencias sexan claras e as actitudes reflexionadas (dentro do posible).

NOVAS EDITORAS (E NON TAN NOVAS)



Cada vez que unha nova editora se atreve a sacar a cabeza alegrámonos, é unha nova posibilidade, e confiamos en que non nos defraude.
Así, recibimos a Patasdepeixe hai un tempo, e lemos os seus libros (O incrible neno devorador de libros, O gran libros dos medos de rato pequeno, Perdido?, A vaca que puxo un ovo...) con gusto. Agora, preséntase Bululú da man de títulos como O Crebanoces, As estrambóticas viaxes de Gulliver, ... tamén temos noticia de Quequeres Edicións. aínda que non fumos quen de atopar ningún dos seus libros ata a data.

4/12/12

EXPOSICIÓNS desde BDBanda

BDBanda acaba de presentar dúas novas exposicións didácticas dirixidas a centros de ensino. Unha delas,  As bases da banda, unha reedición dunha exposición anterior que, neste caso, se presenta coa escola de cómic O Garaxe Hermético, dentro das súas propostas de accións formativas. Un folleto informativo recollido da páxina de Bdbanda dá idea do que imos atopar.  
A segunda, Cantigas de Santa María. Arte BDieval, xira en torno a esta obra medieval como narración gráfica. Está elaborado xunto coa Associaçon Galega da Língua, que se encargará da distribución.Un folleto acompaña a presentación na páxina xa citada.

Cada vez máis, as exposicións están a demostrar a súa potencialidade á hora de visibilizar determinados xéneros e aprendizaxes. De aí que nunca veña mal o seu coñecemento. A este respecto, tamén debemos lembrar outras que teñen en marcha a Secretaría Xeral de Cultura (As orixes do cómic en Galicia...) e El Patito Editorial 

30/11/12

DÍA DA LIBRARÍA - CALENDARIO DO LIBRO E DA LECTURA

Un tempo para pasar por esa tenda que sempre nos debe acoller no barrio, para mirar novidades e clásicos, para poñerse ao día das actividades que organizan, para escoller o que queremos levar á casa ou á biblioteca escolar na que traballamos.
Un calendario para ter presente todas as datas relacionadas co libro e a lectura, para lembrar que autores andan cumprindo anos, para non esquecer os días D (aqueles no que desembarcan os xéneros e aspectos minorizados). Libros, sempre libros, saíndonos ao paso. Lecturas para todos os días e para cada ocasión. 
Lecturas e libros, acompañándonos nos camiños da vida. 
Parabéns á Secretaría Xeral de Cultura por este novo cartaz no que aparecen reflectidas as datas a celebrar.

NOVA FANTASÍA. Segundas partes

Da man da biblioteca do CEIP Os Casais, facémonos eco desta nova achega.
Lembramos a aparición da primeira entrega da seria arredor do mundo secreto do profesor Basilius Hoffman, O ladrón de soños. Agora, fai a súa entrada a segunda parte baixo o título Un faro na escuridade. Fantasía que sae do forno peza a peza, a demanda, para cubrir esa necesidade de soños. Urco é a editora que lle dou saída a esta aposta, dentro da súa colección Alcaian
Da presentación editorial recollemos:
"A serie do mundo secreto de Basilius Hoffman comprende un ambicioso proxecto de fantasía que abrangue vários medios artísticos, centrados todos eles arredor dunha serie de cinco novelas escritas por Fernando M. Cimadevila e ilustradas por Iván Valladares coas que nos mergullamos nun mundo estraño e complexo, un universo onde o profesor Hoffman: arqueólogo, historiador, lingüista e, sobre todo, explorador de mundos ocultos, serve de guía ao seu novo sobriño Peter nunha viaxe na que as lendas e os mitos de moi diferentes culturas do noso propio mundo conflúen cara a unha única e asombrosa revelación que marcará o destino da humanidade."



29/11/12

PREMIOS E PREMIADOS


No marco da xornada estatal de ciencia ficción (XXX Hispacon) foi entregado o  premio Ignotus de banda deseñada a  David Rubín. pola obra El héroe. Este premio é outorgado por Pórtico, a Asociación española de Fantasía, Ciencia Ficción e Terror á mellor obra de cómic no 2012. 

27/11/12

Un novo premio para os nosos creadores


De culturagalega.org recollemos a seguinte nova:
"A obra Leviatán valeulle ao galego Ramón Trigo o Premio Lazarillo de Álbum Ilustrado. O galardón, convocado pola Organización Española do Libro Infantil e Xuvenil, está dotado con 7.000 euros e considérase un dos máis importantes no seu campo a nivel estatal. O premio destaca a orixinalidade da proposta pictórica do autor e a capacidade de crear unha historia anovadora con referencias clásicas."
Trigo xa tiña acadado varios premios entre os que destacamos o Ciudad de Alicante (co álbum Casa vacía, publicado en Anaya e o premio Internacional Álbum Ilustrado Biblioteca Insular Cabildo de Gran Canaria 2007 con A casa da fin do mundo.





LECTURAS EN ABERTO


Na páxina da Biblioteca Virtual Galega podemos atopar unha entrada a unha listaxe de obras de literatura infantil e xuvenil ás que podemos acceder directamente. Ben é certo que nalgún dos casos se trata de textos de autores de LIX, máis que de literatura destinada á infancia ou mocidade, pero nunca virá mal dar un paseo por ese itinerario posible.
Agradecemos a xenerosidade e o papel sempre facilitador desta biblioteca á que acudimos unha e outra vez.
Para catar... aquí tedes un poema de Xoán Babarro:
"Eu brandín a lanza de don Quixote
e levei o escudo de don Lanzarote.
Eu percorrín Francia, África e Constantinopla co Tirant,
estudei a máxica palabra de Chilam Balam,
vin no Camiño das Estrelas florece-la lanza de Roldán,
loitei no bando de Sandokán
e colgueime nunha liana con Tarzán.
Atravesei Suecia voando,
pasei mil e unha noites con Xerezade contando,
entrei na illa dos demos con Rama loitando
e na de Robinson Crusoe, buscando... e buscando...
Sufrín prisión con Ollantai
e cantei na China con Li Ioucai.
Fíxenme amigo de Huckleberry Finn,
co último mohicano convivín,
collín no colo o can de Tintín
e con Gulliver en ananiño me convertín.
A beberaxe de Panorámix tomei,
polo espello de Alicia pasei
e en Tutira carneiros maorís criei.
Dei con Phileas Fogg a volta ó mundo
e coñecín o vello contador vagabundo."

Nova recomendación


Novamente, desde o CEIP Os Casais, se nos recomenda o seguinte libro O rastro que deixamos de Agustín Fernández Paz, apoiándose na páxina de lanzamento. De recollemos a descrición que segue:
O libro "(...) mostra dúas liñas de traballo esenciais (na súa obra), a memoria da infancia e o oficio da escrita. Na primeira parte, baixo a epígrafe «As paisaxes da memoria», reúnense escritos onde predominan as vivencias da nenez e da mocidade, naqueles anos en que asistiu á creación do mundo na súa Vilalba natal. Os textos da segunda, titulada «O oficio de escribir», fálannos da súa paixón pola lectura e pola escrita, así como da súa fe na forza das palabras para cambiar o mundo e cambiar a vida."

23/11/12

Presentación mundial dunha obra de Miguelanxo Prado na Coruña


Da man do CEIP Os Casais chéganos unha boa nova. Fala o autor de Ardalén:
“Tardei moito en poder ver unha obra miña en galego. E agora, ver que esta se edita ao tempo, e que sae mesmo antes que as versión internacionais, e que a presentación mundial se fai na Coruña, é unha satisfacción. É como unha cadea que se fecha, e non foi sen tempo”, sinala Prado, que en diferentes ocasións, ao longo de anos, amosara o seu descontento por non poder ter a súa obra publicada na súa lingua orixinal. El Patito Editorial corre coa versión en galego dun volume que edita Norma en castelán e que está xa dispoñible nas librarías de todo o país.
Ardalén supón ademais o debut do autor no formato de novela gráfica, abandonando o habitual álbum europeo. “Hai anos que tiña as liñas básicas da historia, e posiblemente o feito de que se estivese cocendo tan a lume lento foi en parte por esa cuestión. A narración esixía un espazo para desenvolver e non funcionaba nun álbum nin sequera de 64 ou 80 páxinas. A previsión inicial era de 180 e acabei facendo 256. Vin que era a historia idónea para facer cousas a nivel de elementos narrativos, que xa levaba tempo querendo tentar”.

22/11/12

LIBROS SOLIDARIOS


As que rubimos montañas é un libro solidario, promovido por Implicadas/os no desenvolvemento, e no que se recollen poemas de autoras etíopes (Yemoddish Bekele; Mihret Kebede; Tigist Mitiku; Misrak Tefere; Azeb Yosef; Abebech Diriba) e galegas (María Reimóndez; Antía Otero; Lucía Aldao; Estíbaliz Espinosa; Marga do Val; María Lado; María do Cebreiro).
Tod@s as persoas creadoras, que elaboran o libro, participaron de xeito totalmente desinteresado, de forma que as ganancias do produto irán directmaente a proxectos de cooperación. Para máis información pódese escribir a info@implicadas.com.

21/11/12

GATIÑOS DE SERIE


Gatiño e o balón, Gatiño e a neve... Títulos que van aparecendo nunha nova serie da editorial Kalandraka, dirixida aos máis pequenos. Texto mínimos e sinxelos acompañados de ilustracións limpas con liñas suaves e cores intensas, un verdadeiro gusto!
Dúas historias mínimas nas que os valores se presentan sen aditamento, porque veñen ao caso; no primeiro deles ese balón será a ocasión de descubrir a necesidade de compartir, tamén para ser feliz; no segundo, gatiño negro e coelliña branca darannos ocasión para relativizar a cor propia (branca e negra) en base á de fondo (neve e carbón).
Ao texto Joel Franz Rosell e ás ilustracións Constanze V. Kitzing.

20/11/12

ESCRITA A CATRO MANS


O neno can, un título sorprendente: afea dicilo… como que neno can? A quen se lle ocorre?
Pois si, un título ben posto. Un libro dedicado “a todos os nenos e nenas de calquera recuncho do mundo. E a ti, claro...”. Unha obra escrita por Fina Casalderrey e Francisco Castro e publicada pola editorial Galaxia. “A favor de UNICEF”, á que a editora lle doará parte dos beneficios das vendas.
Adaptacións de artigos da Convención dos Dereitos da Infancia abren cada conto. Un monllo de contos protagonizados por rapaces e rapazas de diferentes lugares do planeta que ven vulnerados os seus dereitos.
(...)
"Ela, fascinada co enredo, continúa a arrincar cachos do bocadillo e a guindarllos polo aire. Aakesh captúraos ao voo cunha habilidade asombrosa.
As gargalladas da nena alertan os seus amigos, que se achegan para presenciar o espectáculo.
- Anda, un neno can!
(...)
- Como te chamas? -pregunta á fin.
- Aakesh. E ti?
- Lanka -responde- Cantos anos tes, Aakesh?
- Dez, creo que dez... -dubida el.
- Dez! pero se es máis baixo ca min e veño de facer hoxe nove! Será porque es un neno can?
- Só son un neno. O meu can é este -responde Aakesh mentres lle pasa a man polo lombo a Choiva.
- E quen che ensinou a coller a comida polo aire?
- A fame, creo..."
Pódese dicir doutra maneira pero nunca tan claro e contundente.
Un libro necesario neste momento, no que moita rapazada está no albor da pobreza. Un neno que ten por amigo a un can e pode coller a comida coma el, ao voo, porque a fame é "neghra".
Cinco relatos de calidade escritos coa solidariedade por bandeira e a sensibilidade por himno. Fina e Fran unidos nun bo proxecto que seguramente teña continuidade. Agora tócanos lelo e mirar de ilustracións de Patricia Castelao.

16/11/12

A modo de diccionarios

Tres libros, tres. O terceiro deles acaba de saír e merece a pena ler, igual que os dous anteriores. Pode que sexa literatura para adultos á que a mocidade lle resulte difícil acceder totalmente, pero o que non se pode negar é que unha liña de traballo moi interesante para traballar a escrita creativa.
Da man de Manuel Veiga, chéganos esta novidade... 
Do G ao Z. Diccionario indignado e humorístico. "O diccionario máis completo para os momentos máis apurados" esa é a súa frase de enganche, e non lle falta razón. Unha entrada, na que se incorporan as bibliotecas escolares e que queremos traer a esta páxina (aínda que non sex apara nada das máis logradas "Títulos. Certa experiencia nas bibliotecas esoclares indica que moitos nenos pobres lían, nos anos sesenta, Un mundo feliz de Huxley; algunhas nenas intentaban facer o mesmo con Casa de bonecas de Ibsen. Un dos títulos que máis leva a engano é O bo soldado de Ford Madox Ford, posto polo editor, durante a Primeira Guerra Mundial. pensando que animaría as vendas. Na obra non aparece ningún soldado e, lonxe dunha intención moralista, o que ofrece é unha relación de parella, rica, contraditoria e nada convencional." 


Este libro dános a ocasión de citar outros dous, indispensables. Elucidario de Gonzalo Navaza e Abelcebú de Carlos Negro. Un bo momento para dar unha volta por estes interesantes diccionarios.  

13/11/12

Benvido ao mundo dos premios


Si, queremos darlle a benvida a ese lugar de honor a Bandada que acaba de saír á luz, despois de conseguir o V Premio Internacional Compostela de álbum ilustrado. Esta obra de María Julia Díaz Garrido e David Daniel Álvarez Fernández é dunha calidade sobresaínte, tanto na creación como na edición, no contido e no continente. Unha fábula, da que se nos di na presentación editorial "que propón unha profunda reflexión sobre a historia da humanidade: o desenvolvemento dunha sociedade que inicialmente busca o coñecemento, o progreso técnico e científico, o benestar e un bo porvir, pero que neste tránsito perverte os seus principios xerando violencia e dominación dos fortes sobre os débiles".
Bandada é un produto inesperado, que nos lembra outros tempos nos que a literatura era máis comprometida. O resultado da obra, en branco e negro e gran formato, fai que abramos as mans, igual que a mente ao que sempre estivo aí, nos libros e na realidade, a necesidade de pensar sobre o que facemos e o que sucede. Imos lendo eses textos mínimos e escollidos con verdadeira pracer, imos admirando as imaxes que nos remiten ao debuxo primordial e intelixente, imos seguindo a trama e semella que todo vai a peor... pero aínda nos peores momentos, a esperanza aparece e sempre hai un grupiño no que se garda o tesouro dun futuro distinto e mellor. 

7/11/12

A FAVOR DAS NENAS


Nese empeño de Kalandraka por recuperar textos que xa se consideran clásicos na literatura infantil e traelos á nosa lingua, aparece agora Rosa caramelo o célebre libro con texto de Adela Turín e ilustracións de Nella Bosnia.

Esta obra que xunto con Artur e Clementina forman parte da colección, que no seu día publicara Lumen co nome, “A favor de las niñas”, consituiuse nunha literatura pioneira no empeño por facer visible a muller (nena ou adulta) que asume roles diferentes aos establecidos naquel momento, propoñendo modelos diferentes. Algo que continúa a ser necesario, a pesar dos anos transcorridos... por iso seguimos recoñecendo o traballo desta editora.

6/11/12

ANTOLOXÍAS

O libro está composto dunha breve introdución biobibliográfica seguida dunha escolma de medio cento de textos aproximadamente, clasificados en apartados temáticos aos que anteceden unhas sucintas liñas explicativas. Os textos van acompañados de colaxes que achegan unha nova lectura dos poemas.
Neste caso, a antoloxía e introdución corre a cargo de Elsa Baluja. As ilustracións son de  Jacobo Muñiz, nun estilo que lembra a Elena Odriozola.

5/11/12

NOVIDADE


CARTAS DE INVERNO, esa novela de Agustín Fernández Paz que é record no número de edicións, acaba de ser pasada a banda deseñada.
O autor, fala así desta nova versión:
“Este Cartas de inverno de Antonio Seijas recolle a historia, os personaxes e os ambientes que creei no seu día, comezando pola omnipresente mansión onde todo sucede. Trátase da mesma historia, narrada a través da linguaxe do cómic e a través doutra mirada. A capacidade de suxerir que teñen as palabras trasládase aquí ás elipses narrativas. A tensión creada coas palabras trasládase ás imaxes e á montaxe das viñetas. Os estados de ánimo atopan a súa correspondencia na paleta de cores utilizada polo autor. Todas as pezas encaixan para conformaren unha obra con valor de seu. De aí que declare a miña alegría ante a publicación destas novas Cartas de inverno.”