20/11/12

ESCRITA A CATRO MANS


O neno can, un título sorprendente: afea dicilo… como que neno can? A quen se lle ocorre?
Pois si, un título ben posto. Un libro dedicado “a todos os nenos e nenas de calquera recuncho do mundo. E a ti, claro...”. Unha obra escrita por Fina Casalderrey e Francisco Castro e publicada pola editorial Galaxia. “A favor de UNICEF”, á que a editora lle doará parte dos beneficios das vendas.
Adaptacións de artigos da Convención dos Dereitos da Infancia abren cada conto. Un monllo de contos protagonizados por rapaces e rapazas de diferentes lugares do planeta que ven vulnerados os seus dereitos.
(...)
"Ela, fascinada co enredo, continúa a arrincar cachos do bocadillo e a guindarllos polo aire. Aakesh captúraos ao voo cunha habilidade asombrosa.
As gargalladas da nena alertan os seus amigos, que se achegan para presenciar o espectáculo.
- Anda, un neno can!
(...)
- Como te chamas? -pregunta á fin.
- Aakesh. E ti?
- Lanka -responde- Cantos anos tes, Aakesh?
- Dez, creo que dez... -dubida el.
- Dez! pero se es máis baixo ca min e veño de facer hoxe nove! Será porque es un neno can?
- Só son un neno. O meu can é este -responde Aakesh mentres lle pasa a man polo lombo a Choiva.
- E quen che ensinou a coller a comida polo aire?
- A fame, creo..."
Pódese dicir doutra maneira pero nunca tan claro e contundente.
Un libro necesario neste momento, no que moita rapazada está no albor da pobreza. Un neno que ten por amigo a un can e pode coller a comida coma el, ao voo, porque a fame é "neghra".
Cinco relatos de calidade escritos coa solidariedade por bandeira e a sensibilidade por himno. Fina e Fran unidos nun bo proxecto que seguramente teña continuidade. Agora tócanos lelo e mirar de ilustracións de Patricia Castelao.

2 comentarios:

Anónimo dijo...

este libro leemolo os nenos de 5ºA e 5ºB o ano pasado e gustounos moito

Anónimo dijo...

Gustounos a toda a nosa clase leva moitas verdades etc...