23/11/12

Presentación mundial dunha obra de Miguelanxo Prado na Coruña


Da man do CEIP Os Casais chéganos unha boa nova. Fala o autor de Ardalén:
“Tardei moito en poder ver unha obra miña en galego. E agora, ver que esta se edita ao tempo, e que sae mesmo antes que as versión internacionais, e que a presentación mundial se fai na Coruña, é unha satisfacción. É como unha cadea que se fecha, e non foi sen tempo”, sinala Prado, que en diferentes ocasións, ao longo de anos, amosara o seu descontento por non poder ter a súa obra publicada na súa lingua orixinal. El Patito Editorial corre coa versión en galego dun volume que edita Norma en castelán e que está xa dispoñible nas librarías de todo o país.
Ardalén supón ademais o debut do autor no formato de novela gráfica, abandonando o habitual álbum europeo. “Hai anos que tiña as liñas básicas da historia, e posiblemente o feito de que se estivese cocendo tan a lume lento foi en parte por esa cuestión. A narración esixía un espazo para desenvolver e non funcionaba nun álbum nin sequera de 64 ou 80 páxinas. A previsión inicial era de 180 e acabei facendo 256. Vin que era a historia idónea para facer cousas a nivel de elementos narrativos, que xa levaba tempo querendo tentar”.

No hay comentarios: