Si, queremos darlle a benvida a ese lugar de honor a Bandada que acaba de saír á luz, despois de conseguir o V Premio Internacional Compostela de álbum ilustrado. Esta obra de María Julia Díaz Garrido e David Daniel Álvarez Fernández é dunha calidade sobresaínte, tanto na creación como na edición, no contido e no continente. Unha fábula, da que se nos di na presentación editorial "que propón unha profunda reflexión sobre a historia da humanidade: o desenvolvemento dunha sociedade que inicialmente busca o coñecemento, o progreso técnico e científico, o benestar e un bo porvir, pero que neste tránsito perverte os seus principios xerando violencia e dominación dos fortes sobre os débiles".
Bandada é un produto inesperado, que nos lembra outros tempos nos que a literatura era máis comprometida. O resultado da obra, en branco e negro e gran formato, fai que abramos as mans, igual que a mente ao que sempre estivo aí, nos libros e na realidade, a necesidade de pensar sobre o que facemos e o que sucede. Imos lendo eses textos mínimos e escollidos con verdadeira pracer, imos admirando as imaxes que nos remiten ao debuxo primordial e intelixente, imos seguindo a trama e semella que todo vai a peor... pero aínda nos peores momentos, a esperanza aparece e sempre hai un grupiño no que se garda o tesouro dun futuro distinto e mellor.
No hay comentarios:
Publicar un comentario