30/3/11

Teatro para ler



Unha estraña xoia, unha obra de teatro que é a segunda que se publica nesta colección, despois de Unha primavera para Aldara de Teresa Moure. Esta peza, dunha filla de galegos afincados no país vasco, é a primeira xuvenil dunha recoñecida autora dramática, ganadora de prestixiosos premios e guionista ademais de actriz. Neste caso, presentasenos un case monólogo no que unha moza se enfronta a si mesma, ao seu corpo, despois dun longo proceso de anorexia. Marta está ante o espello como ante un tribunal, sen saber se é o escenario dun teatro ou simplemente un non lugar ao que foi dar despois da última crise e fala consigo mesma, coa imaxe no espello ou coa bascula que foi a medida do seu tempo, o seu examinador diario, a amiga permanente. A imaxe da portada ten o valor das evidencias, unha lectura visual da obra que sintetiza á perfección o seu contido. Unha obra para ler, para falar e comentar, para reflexionar acerca dun problema está aí, ao carón, axexándonos.

29/3/11


Macarrón de narices de Xoán Babarro con expresivas ilustracións de Marcos Calo, publicado na colección Merlín duro. Conta unha historia que comeza con dedicatoria rimada do autor “Para os nenos e as nenas que coman macarrón con tomate e lean este conta ata o remate”. Entra no relato o narrador desta magnífica maneira “Narices é un país que non está nin cerca, nin lonxe. A distancia desde onde nós vivimos deica Narices non é maior ca unha baixada de pálpebras. No reino de Narices existe un enorme pazo con vidreiras de cebola, paredes de pedra de azucre, tellados de cenoria e xardíns de pirixel.” Xa estamos introducidos nun mundo de fantasía que terá moito que ver cos alimentos e as preferencias, e que deixamos en branco para que as cabeciñas vaian dándolle voltas, iso si, adiantemos o remate a modo de porta de peche: “Acaban contando as crónicas que, unha vez repostos da desfeita, o tubo-rei, o tubo-raíña e os demais uralitas, descansaron unha tempada de macarronate e sometéronse a un réxime de xamón, compota de mazá e ensalada de pirixel. E volveron ser gordiños e guapos, como era toda a xente de narices. Mais disque lles quedaron para sempre uns fociños de macarrón con bico de O.” E finaliza o autor: “Pero..., xa se sabe, un fento é un fento, un chanto é un chanto e un conto é un conto.” Que ninguén se leve a engano.

28/3/11

Recomendado pola biblioteca do CEIP Os Casais


Pilú pilú!, así pía un paxariño pluvial, que recibe o nome de corredor exipcio. Cóntase a historia de como este pito ve chorar ao crocodilo, cada día, despois de comer e. Pregunta a causa a uns e outros, pero as respostas non o convencen, así que remata preguntándolle ao mesmísimo comellón, porque ao paxaro pódelle máis a curiosidade que o medo. Así descubre a razón, que o levará a entrar na bocaza do crocodilo para axudarlle. Unha historia na que se explica a simbiose entre os crocodilos e os paxaros que lles limpan os restos de comida, entre os dentes, ao tempo que se alimentan. Dous animais que se complementan e benefician mutuamente.

Tradución do castelán dun texto de Susana Isern con ilustracións de Katharina Sieg, publicado na colección O de OQO.

Máis recomendacións do CEIP Os Casais


A nai do heroe, un novo álbum da colección Q de OQO.


Traducido do castelán; un texto de Roberto Malo e Francisco Javier Mateos con ilustracións de Marjorie Pourchet.

Imaxes minuciosas con moita información, que amplían a historia que se conta.

Unha historia que xira arredor dun valente cabaleiro que se ve polos camiños -e sen querer- acompañado pola nai; unha nai que é como moitas, moi nai e moi disposta a non deixar só ao seu fillo, aínda que sexa un heroe xa adulto.

Andando camiño, vaise demostrar que ata os máis cruentos personaxes teñen nai, que se establecen un lazos sedosos e indisolubles entre estas e os seus fillos, e que só con mentalas todo se enche de emoción e bos desexos. Nai e nadal, case riman en consoante.

Agora, que non vai dar tempo de medrar ata a xubilación, está ben ter presente o papel das nais e todo o que poden facer polos reinos...

O nome do heroe, Dick Van Dyke, pode traer ... certas reminiscencias.

25/3/11

COMER LITERATURA

Menú de enganos. Un monllo de relatos de Manuel Núñez Singala, que publica Galaxia na súa colección Costa Oeste. A modo de literatura á carta (literatura con sabor ou historias para remoer) atopamos relatos para picar, entrantes, primeiros, segundos e sobremesas. Todos eles son pequenas narracións concisas e sintéticas; froito da observación da realidade e das súas contradicións; do que nos caracteriza e podería ser froito da investigación dun antropólogo. O humor, a retranca, caendo como poalla sobre os alimentos e a crueza servíndolle de bandexa. Podería ter un aire aos Retrincos de Castelao pero máis distantes, máis froito destes tempos, sen lirismo nin sentimentos, tomada a realidade a distancia, dándolle unha nova volta de torca a cada situación como se se tratara de cazadores cazados, xogando coas dobres interpretacións e chegando a lembrar as gueguerías. Con esa dose de crueldade, para facer pensar, para remover o noso mundo e as nosas conciencias, para zarandearnos e obrigarnos a ver o que non queremos. O autor, que conta no seu haber con libros como Comedia bífida ou En galego, por que non? demostra o dominio dos recursos do discurso, das trampas que se agachan no pensamento e na linguaxe.

24/3/11

Novela de época


O segredo de Marco Polo, é a última novela de Francisco Castro, publicada na colección Costa Oeste de Galaxia. Un relato ambientado na Venecia do século XIII. Trata de historia de amor entre un aprendiz de soldado, fillo do Primo Xeneral e unha "principessa", sobriña do Dogo e obrigada a un matrimonio de conveniencia. Esta historia, é a continuación doutra anterior e frustrada entre a nai deste mozo e Marco Polo, o navegante que viaxa ás Indias mentres a súa amada ha de casarse cun home de armas e deixar que este quen profille o froito dese outro amor; pero o fío queda unido no nome do rapaz: Marco. Cando ela morre o neno ha de vivir con este home que non o quere. Comeza o relato con Marco seguindo coa vista a Naria, caendo ao canal por vela,... sufrindo por un amor que non confesa. E daquela aparece Marco Polo, un estraño que volve á cidade con cargado de cousas exóticas e miles que aventuras que comparte co mozo ao que decide axudar para que esa historia de amor teña un final feliz e poida conseguir que ela o queira,...

23/3/11

Novas de literatura



O pintor do sombreiro de malvas acaba de ser seleccionado para a exposición The White Ravens 2011. O libro de Marcos Calveiro e ilustrado por Ramón Trigo, foi premio Lazarillo.

Premios


Sopa de xarope de amora. Obra de teatro ganadora do IV premio Manuel Mª de literatura Dramática Infantil 2009 Neira Cruz, o seu autor, ao tempo que continúa coa obra narrativa, vai incrementando a súa produción en obras dramáticas, que ademais reciben son premiadas, como sucede con esta, O punto da escarola ou A noite da raíña Berenguela. Unha obra en tres escenas e con moi bo ritmo. Unha historia marabillosa, con ingredientes actuais (novas tecnoloxías, princesas que non queren casar...). Un científico namorado que quere coñecer a receita que só sabe a súa cociñeira. A historia de amor de sempre, adobada con humor e os mil e un xogos de palabras. O humor e o amor correndo un á par do outro para producir unha obra divertida, gustosa de ler e ver; a receita axeitada para crear lectores e espectadores de teatro.

22/3/11


Brais e os demais de Manuel Darriba, un autor xa coñecido na literatura xuvenil por libros como Experimentos coa mentira ou Paf xarope introdúcese, neste caso, na narrativa infantil. As ilustracións son de Ana Santiso. Está publicado na colección Árbore de Galaxia. En primeira persoa cóntanos Brais quen é, como é, os anos que ten (case nove), cales son os seus amigos, como é a súa familia, que é o que sente... Unha historia sinxela coas doses correspondentes de realismo e fantasía. Unha de rapaces, con afectos e valores, con amores correspondidos e rexeitados, con humor e aventuras, moitas aventuras.

21/3/11

DÍA DA POESÍA


Un libro. Un comentario, que nos chega desde o CEIP Os Casais. Título: O meu gato é un poeta Autor : Fran Alonso Editorial: Xerais, colec. Sopa de libros 1ª edic.: febreiro 2011 A piques de celebrar un novo día da poesía, un libro para disfrutar xogando coa lingua, coas verbas, mestura de brincadeira e seriedade; un libro reivindicativo, non só da poesía, tamén do xogo, da actualidade, do amor, do cambio… e ata de “acción poética”. Un libro que acolle un amplo espectro de idades, para divertirse con pequen@s que aínda non len (pero son quenes de xogar cambiando palabras, sílabas, letras, sen coñecer o que son), con aquel@s que inician a lectura coma un descubrimento, para @s reaci@s á poesía, para demostrar que a linguaxe é divertida, para @s que queren algo máis (sentimento, ideas, pensamentos…) Un libro para disfrutar a soas e para compartir. Unha felina ferramenta para empregar nas aulas. Unha innecesaria desculpa par facer estalar de versos as bibliotecas. Acompañado dun CD no que autor recita seis das poesías e unha clave de acceso á páxina web.

18/3/11

NOVAS



A semana pasada tivo lugar a VI Noite da Edición, organizada pola Asociación Galega de Editores (AGE), na que se entregaron os seus galardóns anuais a... Construtores de Xulio Gutiérrez e Nicolás Fernández - Premio Ánxel Casal ao mellor Libro de Non Ficción Contos para nenos que dormen deseguida de Pinto&Chinto - Premio Xosé Neira Vilas ao mellor Libro Infantil Todo é silencio de Manuel Rivas - Premio Ánxel Casal ao mellor Libro de Ficción Estremas de Ana Romaní - Premio Ánxel Casal ao mellor Libro de Poesía e Teatro 30 gramos - Premio Lois Tobío ao Mellor Libro Traducido Colección Rodribrico - Premio Díaz Pardo ao Libro Ilustrado Gramática práctica galega de Xoán López Viñas - Premio Xosefa Vilarelle ao Libro educativo Xosé Neira Vilas - Premio Xosé Mª Álvarez Blázquez ao autor do ano Asociación Culturgal - Premio Rosalía de Castro á inicitiva editorial Espazo Lectura - Premio Fernández del Riego de Promoción do Libro e da Lectura Tamén se entregaron as distincións honoríficas a ... Ir Indo e Hércules de Edicións polo seu 25 aniversario Xosé Agrelo Hermo, ex director e editor de Toxosoutos Alfonso García Sanmartín, Socio de honra pola traxectoria profesional

NOVAS

Na pasada semana, celebrouse a VI Noite Galega da Edición, organizada pola Asociación Galega de Editores, para entregar os seusgalardóns anuais. Estes foron: Construtores de Xulio Gutiérrez e Nicolás fernández - Prmeio Ánxel Casal ao Mellor Libro de Non Ficción Contos para nenos que dormen deseguida de Pinto e Chinto - Premio Xosé Neira Vilas ao mellor libro infantil Todo é silencio de Manuel Rivas - Premio Ánxel Casal ao Libro de Ficción Estremas de Ana Romaní - Premio Ánxel Casal ao Libro de Ficción 30 gramos - Premio Ánxel Casal ao Libro traducido Colección Rodribrico - Premio Ánxel Casal ao Libro ilustrado Gramática práctica galega - Premio Xosefa Vilarelle ao Libro educativo Xosé Neira Vilas - Premio Xosé Mª Álvarez Blázquez ao autor do ano Asociación Culturgal - Premio Rosalía de Castro á iniciativa editorial 2010 Espazo Lectura - Premio Francisco Fernández del Riego e as distincións honoríficas para ... Ir Indo e Hércules de Edicións polo 25 aniversario Xosé Agrelo Hermo, director de Edicións Toxosoutos. Alfonso García Sanmartín, socio de honra.

17/3/11

JOSEFINA ALDECOA


Unha data para lembrar a Josefina Aldecoa: unha educadora, filla e neta de educadoras que beberon nas fontes da Institución Libre de Enseñanza, e que puxo en marcha o colexio Estilo, do que explicaba "Quería algo moi humanista, dando moita importancia á literatura, ás letras, á arte; un colexio que fora moi refinado culturalmente, moi libre, no que non se falara de relixión, cousas que daquela eran impensables na maior parte dos centros do país". Unha pedagoga que publicou El arte del niño, Historia de una maestra, La educación de nuestros hijos... Unha escritora que adoptou o apelido do seu home (Ignacio Aldecoa) cando quedou viúva. E, desta autora, recollemos a presentación editorial dunha das súas obras para nenos e nenas, Pinko y su perro. "Chega o verán e Pinko, que vive nunha gran cidade, marcha de vacacións á casa dos seus avós no pobo. Alí goza indo ao río, ao campo, subindo á casa da árbore que o seu avó construíu para el... Pero o que máis lle gusta é o seu novo can Tom. Unha tarde Pinko sae ao monte para cazar bolboretas. Cando se quere dar conta, xa está a anoitecer e non sabe como volver á casa. Por sorte, aparece o seu can Tom e lévao de regreso á casa. Cando as vacacións se rematan, Tom e Pinko vanse xuntos á cidade."

Libro con referencias


Amar unha serea de X. H. Rivadulla Corcón con ilustracións de Antonio Seijas, publicado na colección Árbore de Galaxia. Comeza coa cita de Novoneyra “Ser poeta é ser verdadeiro” En primeira persoa nárrase a historia de Varucho, un neno de oito anos, fillo de mariñeiro, que vive en Muxía e se namora dunha serea o primeiro día de escola. A serea é unha nena que vai en cadeira de rodas, chámase Almudena e acaba de chegar da Coruña. O neno ha de ir axustando a súa relación con esta nena, cometendo erros e avances no tratamento coa diferenza. Farao coa axuda da irmá, pero especialmente dun vello amigo do seu avó que traballa no cine do pobo, o Pulgas, e tamén da señora Dans que fai a limpeza no cole. Un mundo real no que personaxes soñadores e románticos loitan por sobrevivir, como pode observarse nesa caixa de galletas na que o Pulga garda os seus tesouros: Os Eidos asinado polo autor, unha foto con Díaz Pardo, un debuxo asinado por un Luís –que pode ser Seoane-... Unha serie de referencias, colocan a obra nun contexto real, engadíndolle a valoración da cultura actual a través de libros como Profecía do mar de Bernardino Graña ou Abracadabras de Marica Campo ou da visita do poeta Isidro Novo. Unha serea convértese na metáfora dunha rapaza en cadeira de rodas, e a minusvalía transfórmase en orixinalidade. Algo a ter en conta!

16/3/11

Un álbum de Pepe Cáccamo


Un home impuntual. Pepe Cáccamo escribe este álbum con ilustracións de Manuel Pizcueta e publícao na colección d´Os duros de Árbore, en Galaxia. En primeira persoa nárrase a historia dun home impuntual. Sempre hai algo que frustra os seus propósitos de puntualidade, nin de pequeno é quen de chegar á escola, nin de mozo ás citas coas mozas; perde os trens, os barcos e os avións; non chega a tempo ás entrevistas de traballo, tampouco chegou ás festas ás que foi convidado, nin sequera á que organizaran para o seu trinta aniversario... En fin, perdeu o tempo do gozo de cousas que lle apetecían, incluso chega tarde á cita coa menciñeira que garantira a curación dos seus desarranxos de impuntualidade... cando ve que non vai chegar tírase nas vías do tren pero ao atrasarse tampouco consegue suicidarse; por iso, sabe que nunca vai chegar puntual nin tan sequera ao encontro coa súa propia morte, nin para o final do relato no que está a contar isto. Unha historia moi apropiada para adultos, especialmente para os que sufrimos esta doenza, en carne propia ou allea. Ilustracións cun ar surrealista, case de figuracións abstracta, que apoian a situación central dese reloxo que marca os instantes.

14/3/11

PREMIO IBEROAMERICANO DE LITERATURA INFANTIL EDICIÓNS SM


PREMIO IBEROAMERICANO DE LITERATURA INFANTIL EDICIÓNS SM Este premio convocouse por primeira vez no ano 2005 co propósito de impulsar a literatura infantil e xuvenil en toda América Latina e recoñecer a traxectoria de autores que escriban para o público infantil e xuvenil. Convócao anualmente o Instituto SM para a Educación xunto coas institucións que conforman a Asociación do Premio: Centro Rexional para o Fomento do Libro en América Latina e o Caribe (CERLALC), International Board on Books for Young People (IBBY), Organización de Estados Iberoamericanos para a Educación, a Ciencia e a Cultura (OEI), e a Oficina Rexional de Educación para América Latina e o Caribe da Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura (UNESCO/OREALC). En 2011 a OEPLI propón a candidatura de AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ. Esta noticia, que nos envía GALIX (Asociación Galega para o Libro Infantil e Xuvenil), énchenos de ledicia, pois este sería un bo momento para que -de novo- un escritor galego reciba este galardón. Lembremos que o primeiro premiado foi Juan Farias.

11/3/11

PREMIO ASTRID LINDGREN



O Premio de Literatura en Memoria de Astrid Lindgren é un premio de literatura infantil e xuvenil establecido polo Goberno sueco en 2002, para honrar a memoria de Astrid Lindgren, unha das escritoras máis populares e máis lidas en Suecia e no mundo. Para este galardón, Gálix (Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil) propón á escritora Fina Casalderrey e ao ilustrador Miguelanxo Prado (autor do cartel "Bibliotecas escolares, espazos de lecturas"). As súas candidaturas serán tidas en conta próximamente na xuntanza do xurado que outorgará o premio.

10/3/11

Unha tradución a ter en conta


Unha entrada que nos achega Maribel, desde o CEIP Os Casais


Título: O gran libro dos medos do rato pequeño Autora : Emily Gravett Editorial: Patasdepeixe, novembro 2010 Premiado no 2008 coa Medalla Kate Greenaway Unha coidadísima edición pon nas mans do lector ou lectora os medos deste rato nun álbum ilustrado que non ten desperdicio dende a cuberta, cun furado rilado por onde asoma o protagonista, ata a contracuberta, onde un detallado- e tamén rilado- ticket de compra aporta información sobre o libro. Xa na guarda, onde o pequeno rato arrastra un lapis noviño, aparecen coma iconos as fobias e medos que sufre, e unha declaración de intencións da autora de amosar o libro coma de autoaxuda, recomendando usar a arte (colaxe, debuxo, escrita) nas mesmas páxinas do álbum para superar as fobias propias. Iníciase así a viaxe, páxina a páxina, de fobia en fobia, deste ratiño con cara de susto permanente, acompañado sempre do lapis co que expresa os seus medos, e que vai minguando según avanza a narración dos mesmos, deixando restos en cada páxina. Na parte superior de cada páxina atópase o nome da fobia xunto co seu significado, identificada cun dos debuxos da guarda. Todas reais, agás un par delas : nonseiondeestoufobia e hippopotomonstrosesquipeda… Frases moi breves en primeira persoa. E páxinas para ollar demoradamente, cheas de humor… ou arrepío. Follas furadas, esquinas riladas, recortes de prensa con novas e publicidade, mapas despregabeis, bocetos a lapis, fotos e collages, chiscadelas a algún clásico da literatura infantil británica, notas pegadas con “tiritas” (usadas). Case ao final descubre que anque é moi pequeno… A historia remata realmente na última garda, non se poden pasar por alto os anaquiños de papel onde o ratiño fixo os últimos debuxos, nin os obxectos que o arrodean no seu niño Un libro para disfrutar unha e outra vez.

4/3/11

Novidades


A VISITA DOS DOMINGOS de Matteo Gubellini xa coñecido, entre nós, por ter ilustrado A casa da miña avoa (tamén en OQO), preséntanos este álbum escrito e ilustrado por el. A nena é visitada cada domingo polo monstro... podería dar medo a espera, pero ¡non!, ao monstro recíbeo cunha aperta e a continuación fan todo xuntos, almorzan coma monstros, xogan coma monstros,... alá andan os dous xuntos facendo monstruosidades; pásano como ananos ata que... cando cae a noite volven cansos á casa, asustan á nai, e chega a hora do descanso. Daquela o pai quita o disfrace de monstro e a nena vaise a durmir mentres pensa que xa lle está tardando o próximo domingo. Porque os domingos, recibe a visita do monstro e van xuntos facer monstruosidades. Un libro para reivindicar a complicidade cos pais.

2/3/11

Proposta para o premio Ándersen


Agustín Fernández Paz foi proposto pola OEPLI (Organización Española Para el Libro Infantil) para o premio Ándersen, o coñecido como Nobel da literatura infantil e xuvenil que concede o IBBY (International Board on Books for Young People) cada dous anos como recoñecemento ao conxunto da súa obra. Desde a constitución deste galardón, en 1956, só un español, José María Sánchez-Silva, autor da novela "Marcelino, pan y vino", o obtivo, en 1968. Agustín Fernández Paz é un dos nosos autores máis prolíficos e premiados: Premio Nacional de Literatura por O único que queda é o amor, premio Lazarillo con Contos por palabras, premio Merlín por As flores radiactivas, Edebé xuvenil por Trece anos de Branca e Edebé infantil por A escola dos piratas, Rañolas con Cartas de inverno, Raíña Lupa por Cos pés no aire, Protagonista Jove por Aire negro, varios dos seus libros forman parte das Listas de Honra do IBBY e dos White Raven... A OEPLI tamén o propuxo para o Premio Iberoamericano de Literatura Infantil Ediciones SM, que se convoca desde 2005 co propósito de recoñecer a traxectoria dos escritores que traballan para o lectorado infantil e xuvenil. Tal como dícía Cunqueiro e recolle Fernández Paz, "o home -a muller- precisa, coma quen bebe auga, beber soños". Os lectores e as lectoras de Agustín, alimentados cos seus soños, desexamos que ese premio chegue ás súas mans, que será coma se o recibiramos tod@s nós, é dicir, a literatura galega.

Taller de corazóns... obradoiro de afectos?


Unha historia triste? Unha historia de amor? Unha historia de corazóns rotos? Matías ten un taller artesanal no que repara corazóns danados: quenta os xeados, cose os rotos, cambia a hora dos que se poñen tristes cando lembran o pasado; para os “males do corazóns” acode ao paso do tempo... de forma que aceptemos que os danos emocionais poden ter un remedio caseiro e sinxelo -sen quirófano nin outras terapias- como aqueles outros arranxos que facemos coa axuda dun bo e entendido traballador. Non hai frialdade no trabalo senón todo o contrario, empeño e tenrura, materiais cos que -pola noite- os fabrica. Ao chegar a primavera, tal como Luís o reloxeiro de Los gozos y las sombras, Matías saca o corazón da caixiña e vai á casa de Beatriz para facerlle o agasallo de cada ano: un corazón para aquela que non ten; ela recíbeo sen darlle valor porque ignora que en cada un deses corazóns hai un anaquiño do de Matías. Un día, cando o artesán abre o peito para sacar un novo anaco de corazón, dáse conta de que só queda ese, e... o silencio faise no taller. Beatriz bota de menos o agasallo na primavera e vai buscar a Matías. Alí o atopa, co peito baleiro, e co anaco final de corazón no medio dunha obra a medio facer, bota a correr e volve con todos os seus presentes, busca os anacos entre os cascallos e vainos colocando no peito de Matías; el esperta nos seus brazos pero ela deseguida lle di que non lle volva dar eses sustos e marcha igual de distante que sempre. A vida sigue igual e Matías continúa levándolle un novo corazón cada primavera, ela sigue a recibilos distante ...pero un medio sorriso descóbrea. A xenerosidade sen límites e a capacidade de sacrificio do amor Roxo e azul son as cores que utiliza o ilustrador mexicano, as cores do corazón. Delicadas e etéreas son as imaxes de Beatriz e Matías, debuxos finos e cheos de detalle fronte aos fondos nos que o paso do tempo semella deixar as súas pegadas con texturas de calidades; os colaxes creando unha sensación surrealista de soño e de mundos que non comprendemos ao cen por cen; os fíos (que unen e curan, cos que se xoga igual que fai ese gato co nobelo) e as latas (nas que semellan gardarse as pezas), as caixas que conteñen os regalos,... Con texto de Arturo Abad e ilustracións de Gabriel Pacheco, dentro da colección Q de OQO.

1/3/11

Libro solidario



Milú é un libro solidario, no que o 10% se doa á Fundación Meniños. O autor, Manuel Rivas, dona os seus dereitos, e a ilustradora, Aitana Carrasco, cede a imaxe. Tamén solidario polo tema que trata: a situación dos rapaces e rapazas que están en situación de desvantaxe social, correndo riscos de exclusión social e han de ser acollidos por outras familias.
O pai de Milu tráelle un televisor cando volve de navegar. A nena trátao como se fora unha amiga e máis aínda cando as cousas empezan a ir mal casa: perda de emprego do pai, caída no alcoholismo, abandono familiar, depresión da nai, ...
Unha realidade moi dura, tratada con tenrura, pero sen ocultala.
Un texto poético e simbólico, con elementos apoiados na tradición do país, elementos psicolóxicos de gran interese e elementos actuais tratados con moita orixinalidade. Un texto de gran simbolismo onde as metáforas non están tanto na linguaxe como no discurso.
A ilustradora, consegue realizar un percorrido paralelo pleno de simbolismo, con moitas referencias ao pasado. Un paxaro acompaña o decorrer da historia de Milu e Nana (ese televisor que fai o papel de amigo, espello, acompañante ... e que recibe ese nome, porque no momento en que o pai llo entrega di “Para ti, anana”, e ela repite Nana)
Texto e ilustracións son dignos de moita atención e unha análise pormenorizada. Un libro que dá para observar, para comentar, para descubrir...

25/2/11

En branco e negro


O insólito ascenso de Madame Pòl
Con texto e ilustracións de Nicolás Arispe, dentro da colección Maremar de Factoría K de libros. Con ilustracións en branco e negro a modo de gravados antigo, cóntase a historia de Madame Pol, unha dama que se presta voluntaria para unha sesión de maxia. Pero pasa algo inesperado: unha corrente de vento e unha fiestra aberta inoportunamente permiten que saia voando. Todos observan o fenómeno; o ministro de asuntos estraños organiza un rescate que se retrasa demasiado... e ela vaise. A última vez vírona entrar no bosque, daquela pensaron que se perdera, pero como as cousas de maxia se resolven con maxia... de pronto aparece nun armario do teatro do que saíu.

24/2/11

NOVIDADES


A sesta dos Enormes, publicado por OQO, na súa colección Q.

O álbum, con texto de Pep Bruno (que xa conta en galego con obras como A cabra boba, Libro de contar, Pétala, A noite das mudanzas e A casa da miña avoa) e ilustrado por Natalie Pudalov (que tamén participara en A voda do galo), é unha verdadeira xoia que, polo seu barroquismo, podería lembrar un xardín das delicias.

Un conto para cada quen... Sempre se fala de que un libro espera por ti, que cada un de nós ha de atopar o libro que será a porta de entrada á literatura, e tamén que as persoas mediadoras han de tentar poñer ao alcance das pequenas e pequenos eses tesouros que deben descubrir.

O mesmo pasa cos contos; á hora de entregarse ao sono, cando dá gusto escoitar esa historia que nos vai lenvando cara a mundos fantásticos, debería haber un relato pensado para cada un como fai o pai dos Enormes. Ademais, ese conto responde a unha pregunta e para máis introduce na ao neno na historia e non de calquer amaneira, senón tendo que realizar unha acción de gran responsabilidade.

23/2/11

De cando os corvos falaban...


Filiberto e Sofonisba Xavier Seoane escribe esta historia, despois dunha incursión na literatura infantil con Historia do can que caeu no tinteiro, publicada na colección Árbore. O protagonista lembra vellos tempos nos que a súa vida non era tan convencional e vivía á beira dunha fraga coa muller e a filla. Daquela tiña amizade cun vello corvo (Filiberto) e a súa compañeira (Sofonisba). Este corvo que desenvolve un papel fundamental de liderado e fonte de sabedoría... é unha especie de rei e podíamos dicir que representa a alma dese bosque. Chegado desde o norte, despois de percorrer diferentes terras ao longo dos séculos, e agora xa asentado, conta e dá consellos ao resto dos animais e aínda aos humanos, fuma e bebe compartindo co protagonista xantares e cheminea nas noites de conversa. Unha historia que nos traerá a lembranza de Cunqueiro e Rivas, da fantasía tocando mitoloxías nórdicas e propias, das aves que o son e non o son, dos corvos tan presentes na nosa literatura. Os valores medio ambientais camiñan á par das evocacións de Merlín e a súa tradición. Unha especie de realismo máxico, con realismo na vida familiar e maxia en todo o que ten que ver cos animais, en especial con esta parella de corvos. A ilustradora, Ana Santiso, achégalle unhas imaxes para mirar detidamente, especialmente algunha na que evoca imaxes relacionadas coa tradición pictórica. Está publicado en Ala Delta da editorial Tambre, destinada a rapaces e rapazas a partir dos 10 anos.

22/2/11

De cores


Oh, as cores de Jorge Luján e Piet Grobler, na colección Maremar de Kalandraka. Coa ilustración como verdadeira protagonista; unha imaxe que semella minimalista, moi delicada, a modo de aguadas. Cada cor no seu lugar: o beixe na area, o azul no ceo..., pero tamén asociado a sentimentos e sensacións. Cada cor é presentado cunha pequena rima, moi sinxela pero acaída, cunha linguaxe suxestiva e aberta.

21/2/11

NOVA COLECCIÓN DE POESÍA


Nace a colección de poesía infantil "Lúa Lueira" da editorial Espiral Maior. Unha editora especializada en poesía, que despois dunha primeira incursión na infantil, a través da antoloxía O libro dos cen poemas de Xosé Mª Álvarez Cáccamo e Marisa Núñez, se decidiu a crear unha colección destinada aos máis novos. Benvida! Sempre será ben recibida unha nova colección de poesía para a infancia. Lembremos que a poesía segue a ser un xénero minoritario. Por iso nos gusta recoñecer o valor de premios como o Arume de poesía, convocado pola Fundación Neira Vilas cada dous anos, e a través do cal se van incorporando novos nomes á nómina de poetas, que tamén escriben para nenos e nenas. Atopamos poemarios, sobre todo, na colección Merlín, algúns en Altamar,... pero sempre son poucos. Recollemos da presentaicón editorial a seguinte nota, en relación ás dúas primeiras obras: "Parece unha rosa, de Rosalía de Castro e Cantiga do mazarico, de Emilio Pita (con ilustracións de Isabel Pintado ambos) son os primeiros títulos da colección 'Lúa Lueira', pensada pola editorial Espiral Maior para acender o gusto pola poesía entre os primeiros lectores. 'Lúa Lueira' quere unir o elemento literario e o lúdico, presentes na expresión poética. A nova colección nace co ánimo de de que nesas primeiras lecturas, os nenos capten os matices de linguaxe e expresión propios do xénero lírico e vaian adquirindo maior vocabulario e sintaxe. Nos dous primeiros títulos apóstase por rescatar dous escritores clásicos, cunha expresión poética acaída para o xeito de entender o mundo dos ccativos. Tanto o álbum de Emilio Pita coma o de Rosalía de Castro coidan moito o ritmo e converten a lectura nunha sorte de xogo e de canción."

10/2/11

...SEN PALABRAS


Compostela é un libro sen palabras. Só con imaxes.

Un álbum, un libro de artista, un caderno de viaxe.

O ilustrador ao que coñecemos pola súa colaboración con Carlos López (Pinto e Chinto) en obras como Contos para nenos que dormen deseguida, Minimaladas, Novas minimaladas, Suca, Tito Longuirón ou Circo Regatoni realiza un percorrido pola cidade de Santiago, ao tempo que a retrata, facendo paradas nos lugares que lle gustan e nos cafés, para tomar un descanso. El, co sombreiro e a bicicleta como obxectos identificativos, vainos ensinando a cidade, visualizándoa para que a modo de xogo adiviñemos onde está en cada momento.

Volver a Santiago, unha vez máis, agora da súa man. Un interesante traballo que dará que falar!

Unha colaboración do Consorcio de Santiago e a editorial Kalandraka.

Así nos convida:

"... Tome o tempo que precise, vaia na procura do momento en que non teña nada que facer nin nada polo que preocuparse (...)"

2/2/11

NOVAS DE PRENSA







Boas novas, das que nos gustan, das que nos fan sentir que os lectores e lectoras sabes escoller as súas lecturas.

No xornal de hoxe cóntasenos que está a saír do prelo a segunda edición de Chamádeme Simbad de Francisco Castro. Tamén sabemos, de boas mans, que Makinaria de Carlos Negro se está reeditando; poesía! quen dixo que non se lía poesía?

E tamén, polo xornal enterámonos de que a obra de Neira Cruz, Jan estivo alí, foi traducida ao coreano.

Quen dixo que a nosa literatura non está de noraboa?

31/1/11

RED DE SELECCIÓN


A Fundación Germán Sánchez Ruipérez viña mantendo unha rede de selección de libros infantís e xuvenís, o resultado da cal se publicaba na páxina, onde se poden atopar as publicacións destas escollas a partir do ano 2002/2003 e ata o 2008 / 2009, á espera da última. O que comezara presentándose por idade: de 3 a 7 anos, de 8 a 11, de 12 a 15 (as tres primeiras) converteuse nunha publicación na que se recollían todas as idades (3 a 15, a partir de 2006 / 2007) e perdeu o formato papel na última edición. A crise vai facendo os seus estragos... Unhas seleccións nas que se recollía o mellor do publicado nas catro linguas, revisado por expertos de organizacións representativas de todas elas, coordinados por Pablo Barrena, como se pode ver ... ALIN. Amigos y Amigas del Libro Infantil y JuvenilAsesoría de Bibliotecas Escolares. Consellería de Educación. GaliciaAsociación Española de Amigos del Libro Infantil y Juvenil / Revista LazarilloClijCAT. Consell Catalá del Llibre per Infants / Revista FaristolFundación Germán Sánchez RuipérezFundación Municipal de Cultura, Educación y Universidad Popular de GijónGALIX. Asociación Galega do Libro Infantil e XuvenilGaltzagorri Elkartea (Asociación vasca de literatura infantil y juvenil)Grup de Treball de Bibliteques Infantils i Juvenils del Col.legi Oficial de Bibliotecaris-Documentalistes de Catalunya • Haur Liburu Mintegia. Facultad de Humanidades y Ciencias de la Educación. Mondragon Unibertsitatea • Peonza. Revista de Literatura Infantil y Juvenil Red de Bibliotecas de la Comunidad de MadridRevista CLIJ (Cuadernos de Literatura Infantil y Juvenil)Revista Primeras NoticiasSeminari de Bibliografía Infantil i Juvenil. Associació de Mestres Rosa SensatSeminario de Biblioteca y Literatura Infantil. C.P. Miguel Servet de Fraga (Huesca)Seminario de Literatura Infantil y Juvenil de GuadalajaraSeminario de Literatura Infantil y Juvenil / Revista Platero • Coordinación da red: Pablo Barrena Os recursos desta rede están á disposición de todos os mediadores e mediadoras, como apoio para a súa propia selección. Uns materiais fundamentais que referendan unha escolla obxectiva e de referencia, algo que estamos a necesitar sempre.