25/3/11

COMER LITERATURA

Menú de enganos. Un monllo de relatos de Manuel Núñez Singala, que publica Galaxia na súa colección Costa Oeste. A modo de literatura á carta (literatura con sabor ou historias para remoer) atopamos relatos para picar, entrantes, primeiros, segundos e sobremesas. Todos eles son pequenas narracións concisas e sintéticas; froito da observación da realidade e das súas contradicións; do que nos caracteriza e podería ser froito da investigación dun antropólogo. O humor, a retranca, caendo como poalla sobre os alimentos e a crueza servíndolle de bandexa. Podería ter un aire aos Retrincos de Castelao pero máis distantes, máis froito destes tempos, sen lirismo nin sentimentos, tomada a realidade a distancia, dándolle unha nova volta de torca a cada situación como se se tratara de cazadores cazados, xogando coas dobres interpretacións e chegando a lembrar as gueguerías. Con esa dose de crueldade, para facer pensar, para remover o noso mundo e as nosas conciencias, para zarandearnos e obrigarnos a ver o que non queremos. O autor, que conta no seu haber con libros como Comedia bífida ou En galego, por que non? demostra o dominio dos recursos do discurso, das trampas que se agachan no pensamento e na linguaxe.

No hay comentarios: