29/3/11


Macarrón de narices de Xoán Babarro con expresivas ilustracións de Marcos Calo, publicado na colección Merlín duro. Conta unha historia que comeza con dedicatoria rimada do autor “Para os nenos e as nenas que coman macarrón con tomate e lean este conta ata o remate”. Entra no relato o narrador desta magnífica maneira “Narices é un país que non está nin cerca, nin lonxe. A distancia desde onde nós vivimos deica Narices non é maior ca unha baixada de pálpebras. No reino de Narices existe un enorme pazo con vidreiras de cebola, paredes de pedra de azucre, tellados de cenoria e xardíns de pirixel.” Xa estamos introducidos nun mundo de fantasía que terá moito que ver cos alimentos e as preferencias, e que deixamos en branco para que as cabeciñas vaian dándolle voltas, iso si, adiantemos o remate a modo de porta de peche: “Acaban contando as crónicas que, unha vez repostos da desfeita, o tubo-rei, o tubo-raíña e os demais uralitas, descansaron unha tempada de macarronate e sometéronse a un réxime de xamón, compota de mazá e ensalada de pirixel. E volveron ser gordiños e guapos, como era toda a xente de narices. Mais disque lles quedaron para sempre uns fociños de macarrón con bico de O.” E finaliza o autor: “Pero..., xa se sabe, un fento é un fento, un chanto é un chanto e un conto é un conto.” Que ninguén se leve a engano.

No hay comentarios: