16/3/11

Un álbum de Pepe Cáccamo


Un home impuntual. Pepe Cáccamo escribe este álbum con ilustracións de Manuel Pizcueta e publícao na colección d´Os duros de Árbore, en Galaxia. En primeira persoa nárrase a historia dun home impuntual. Sempre hai algo que frustra os seus propósitos de puntualidade, nin de pequeno é quen de chegar á escola, nin de mozo ás citas coas mozas; perde os trens, os barcos e os avións; non chega a tempo ás entrevistas de traballo, tampouco chegou ás festas ás que foi convidado, nin sequera á que organizaran para o seu trinta aniversario... En fin, perdeu o tempo do gozo de cousas que lle apetecían, incluso chega tarde á cita coa menciñeira que garantira a curación dos seus desarranxos de impuntualidade... cando ve que non vai chegar tírase nas vías do tren pero ao atrasarse tampouco consegue suicidarse; por iso, sabe que nunca vai chegar puntual nin tan sequera ao encontro coa súa propia morte, nin para o final do relato no que está a contar isto. Unha historia moi apropiada para adultos, especialmente para os que sufrimos esta doenza, en carne propia ou allea. Ilustracións cun ar surrealista, case de figuracións abstracta, que apoian a situación central dese reloxo que marca os instantes.

No hay comentarios: