1/3/11

Libro solidario



Milú é un libro solidario, no que o 10% se doa á Fundación Meniños. O autor, Manuel Rivas, dona os seus dereitos, e a ilustradora, Aitana Carrasco, cede a imaxe. Tamén solidario polo tema que trata: a situación dos rapaces e rapazas que están en situación de desvantaxe social, correndo riscos de exclusión social e han de ser acollidos por outras familias.
O pai de Milu tráelle un televisor cando volve de navegar. A nena trátao como se fora unha amiga e máis aínda cando as cousas empezan a ir mal casa: perda de emprego do pai, caída no alcoholismo, abandono familiar, depresión da nai, ...
Unha realidade moi dura, tratada con tenrura, pero sen ocultala.
Un texto poético e simbólico, con elementos apoiados na tradición do país, elementos psicolóxicos de gran interese e elementos actuais tratados con moita orixinalidade. Un texto de gran simbolismo onde as metáforas non están tanto na linguaxe como no discurso.
A ilustradora, consegue realizar un percorrido paralelo pleno de simbolismo, con moitas referencias ao pasado. Un paxaro acompaña o decorrer da historia de Milu e Nana (ese televisor que fai o papel de amigo, espello, acompañante ... e que recibe ese nome, porque no momento en que o pai llo entrega di “Para ti, anana”, e ela repite Nana)
Texto e ilustracións son dignos de moita atención e unha análise pormenorizada. Un libro que dá para observar, para comentar, para descubrir...

No hay comentarios: