21/2/11

NOVA COLECCIÓN DE POESÍA


Nace a colección de poesía infantil "Lúa Lueira" da editorial Espiral Maior. Unha editora especializada en poesía, que despois dunha primeira incursión na infantil, a través da antoloxía O libro dos cen poemas de Xosé Mª Álvarez Cáccamo e Marisa Núñez, se decidiu a crear unha colección destinada aos máis novos. Benvida! Sempre será ben recibida unha nova colección de poesía para a infancia. Lembremos que a poesía segue a ser un xénero minoritario. Por iso nos gusta recoñecer o valor de premios como o Arume de poesía, convocado pola Fundación Neira Vilas cada dous anos, e a través do cal se van incorporando novos nomes á nómina de poetas, que tamén escriben para nenos e nenas. Atopamos poemarios, sobre todo, na colección Merlín, algúns en Altamar,... pero sempre son poucos. Recollemos da presentaicón editorial a seguinte nota, en relación ás dúas primeiras obras: "Parece unha rosa, de Rosalía de Castro e Cantiga do mazarico, de Emilio Pita (con ilustracións de Isabel Pintado ambos) son os primeiros títulos da colección 'Lúa Lueira', pensada pola editorial Espiral Maior para acender o gusto pola poesía entre os primeiros lectores. 'Lúa Lueira' quere unir o elemento literario e o lúdico, presentes na expresión poética. A nova colección nace co ánimo de de que nesas primeiras lecturas, os nenos capten os matices de linguaxe e expresión propios do xénero lírico e vaian adquirindo maior vocabulario e sintaxe. Nos dous primeiros títulos apóstase por rescatar dous escritores clásicos, cunha expresión poética acaída para o xeito de entender o mundo dos ccativos. Tanto o álbum de Emilio Pita coma o de Rosalía de Castro coidan moito o ritmo e converten a lectura nunha sorte de xogo e de canción."

No hay comentarios: