Filiberto e Sofonisba Xavier Seoane escribe esta historia, despois dunha incursión na literatura infantil con Historia do can que caeu no tinteiro, publicada na colección Árbore. O protagonista lembra vellos tempos nos que a súa vida non era tan convencional e vivía á beira dunha fraga coa muller e a filla. Daquela tiña amizade cun vello corvo (Filiberto) e a súa compañeira (Sofonisba). Este corvo que desenvolve un papel fundamental de liderado e fonte de sabedoría... é unha especie de rei e podíamos dicir que representa a alma dese bosque. Chegado desde o norte, despois de percorrer diferentes terras ao longo dos séculos, e agora xa asentado, conta e dá consellos ao resto dos animais e aínda aos humanos, fuma e bebe compartindo co protagonista xantares e cheminea nas noites de conversa. Unha historia que nos traerá a lembranza de Cunqueiro e Rivas, da fantasía tocando mitoloxías nórdicas e propias, das aves que o son e non o son, dos corvos tan presentes na nosa literatura. Os valores medio ambientais camiñan á par das evocacións de Merlín e a súa tradición. Unha especie de realismo máxico, con realismo na vida familiar e maxia en todo o que ten que ver cos animais, en especial con esta parella de corvos. A ilustradora, Ana Santiso, achégalle unhas imaxes para mirar detidamente, especialmente algunha na que evoca imaxes relacionadas coa tradición pictórica. Está publicado en Ala Delta da editorial Tambre, destinada a rapaces e rapazas a partir dos 10 anos.
No hay comentarios:
Publicar un comentario