Unha historia triste? Unha historia de amor? Unha historia de corazóns rotos? Matías ten un taller artesanal no que repara corazóns danados: quenta os xeados, cose os rotos, cambia a hora dos que se poñen tristes cando lembran o pasado; para os “males do corazóns” acode ao paso do tempo... de forma que aceptemos que os danos emocionais poden ter un remedio caseiro e sinxelo -sen quirófano nin outras terapias- como aqueles outros arranxos que facemos coa axuda dun bo e entendido traballador. Non hai frialdade no trabalo senón todo o contrario, empeño e tenrura, materiais cos que -pola noite- os fabrica. Ao chegar a primavera, tal como Luís o reloxeiro de Los gozos y las sombras, Matías saca o corazón da caixiña e vai á casa de Beatriz para facerlle o agasallo de cada ano: un corazón para aquela que non ten; ela recíbeo sen darlle valor porque ignora que en cada un deses corazóns hai un anaquiño do de Matías. Un día, cando o artesán abre o peito para sacar un novo anaco de corazón, dáse conta de que só queda ese, e... o silencio faise no taller. Beatriz bota de menos o agasallo na primavera e vai buscar a Matías. Alí o atopa, co peito baleiro, e co anaco final de corazón no medio dunha obra a medio facer, bota a correr e volve con todos os seus presentes, busca os anacos entre os cascallos e vainos colocando no peito de Matías; el esperta nos seus brazos pero ela deseguida lle di que non lle volva dar eses sustos e marcha igual de distante que sempre. A vida sigue igual e Matías continúa levándolle un novo corazón cada primavera, ela sigue a recibilos distante ...pero un medio sorriso descóbrea. A xenerosidade sen límites e a capacidade de sacrificio do amor Roxo e azul son as cores que utiliza o ilustrador mexicano, as cores do corazón. Delicadas e etéreas son as imaxes de Beatriz e Matías, debuxos finos e cheos de detalle fronte aos fondos nos que o paso do tempo semella deixar as súas pegadas con texturas de calidades; os colaxes creando unha sensación surrealista de soño e de mundos que non comprendemos ao cen por cen; os fíos (que unen e curan, cos que se xoga igual que fai ese gato co nobelo) e as latas (nas que semellan gardarse as pezas), as caixas que conteñen os regalos,... Con texto de Arturo Abad e ilustracións de Gabriel Pacheco, dentro da colección Q de OQO.
No hay comentarios:
Publicar un comentario