12/5/08

PAlAbrAs brAncAs de Elvira Riveiro Tobío


Libro de poesía que resultou finalista do último premio Merlín. Da autoría de Elvira Riveiro Tobío, esta é a súa primeira obra dirixida ao lector infantil, despois de ter publicado Arxilosa.


O ilustrador, Fino Lorenzo, achega uns colaxes magníficos gozaremos tanto coma os poemas.


O libro proponse o reto de construír poemas nos que só se poida contar coa vocal A. Un traballo difícil que se mestura co xogo, ese divertimento que lembra e cita aquel outro de Navaza A torre da derrotA elaborado todo el con palíndromos. Sempre é interesante atopar un bo libro de poesía, e máis cando este lle propón un reto ao lector, unha especie de aposta que semella propoñerlle a continuación do xogo, da busca doutras palabras que tampouco teñan outras vocais, a construción de novos poemas utilizando este recursos: a limitación. Porque tamén da dificultade podemos saír con imaxinación, orixinalidade e incluso reivindicación, porque paz, Bagdad, basta, xa ... escríbense con A. E non só a PAZ. Vexamos que e como... Camaradas Papá plancha as sabas, mamá sacha as patacas, papá lava as pratas, mamá apaña as laranxas, papá arranxa a casa, mamá arranxa as zapatas ... Caramba! Xa basta! Traballar cansa! ... Para acabar, fan gran manxar para xantar: pasta branda á malabar! ... Para acabar, papá abraza a mamá mamá abraza a papá.

PAlAbrAs brAncAs de Elvira Riveiro Tobío


Libro de poesía que resultou finalista do último premio Merlín. Da autoría de Elvira Riveiro Tobío, esta é a súa primeira obra dirixida ao lector infantil, despois de ter publicado Arxilosa. O ilustrador, Fino Lorenzo, achega unhas colaxes que nos obrigan a unha nova e lúdica lectura, neste caso de imaxes. O libro proponse o reto de construír poemas nos que só se poida contar coa vocal A. Un traballo difícil que se mestura co xogo, ese divertimento que lembra e cita aquel outro de Navaza A torre da derrotA elaborado todo el con palíndromos. Sempre é interesante atopar un bo libro de poesía, e máis cando este lle propón un reto ao lector, unha especie de aposta que semella propoñerlle a continuación do xogo, da busca doutras palabras que tampouco teñan outras vocais, a construción de novos poemas utilizando este recursos: a limitación. Porque tamén da dificultade podemos saír con imaxinación, orixinalidade e incluso reivindicación, porque paz, Bagdad, basta, xa ... escríbense con A. E non só a PAZ. Vexamos que e como... Camaradas Papá plancha as sabas, mamá sacha as patacas, papá lava as pratas, mamá apaña as laranxas, papá arranxa a casa, mamá arranxa as zapatas ... Caramba! Xa basta! Traballar cansa! ... Para acabar, fan gran manxar para xantar: pasta branda á malabar! ... Para acabar, papá abraza a mamá mamá abraza a papá.

PALABRAS BRANCAS de ELVIRA RIVEIRO TOBÍO

Trátase dun poemario que resultou finalista do último premio Merlín. Unha obra realizada con todas as consoantes que se queira e cunha soa vocal, a "a"; buscando as posibilidades desa letra, as palabras que con ela se poden construír, os poemas nos que está prohibida a entrada de ningunha outra vocal. Un xogo lingüístico, unha maneira de buscar a beleza saltando ese obstáculo; un exercicio que lembra e cita o de Navaza en A torre de derrotA, no que se mestura a dificultade do traballo e o pracer do xogo. Da autoría de Elvira Riveiro Tobío, a creadora de Arxilosa, esta é a súa primeira incursión na literatura infantil. Unha entrada con moi bo pé, acompañada polos colaxes de Fino Lorenzo, ese artista da composición emno recortado. Un libro que permitirá entrar nesa posibilidade de encontro coa poesía, co xogo poético, cos recursos propios... Imaxinádesvos buscando outras palabras só con A? Imaxinádesvos creando poemas con elas?

7/5/08

LEÓN DE BIBLIOTECA


Un álbum que disfrutaremos todos sen ter en conta para que idades vai dirixido.

A súa autora Michelle Knudsen ten dito: Calquera persoa que ame as bibliotecas sabes que son lugares máxicos e especiais, onde todos son benvidos e calquera cousa é posible. Teño atopado moitos amigos marabillosos nas bibliotecas, tanto nas páxinas dos libros como entre a xente que traballa con eles". Tamén ela o ten feito, traballar en bibliotecas, de aí que sexa quen de escribir unha historia tan fermosa.

... Porque non só hai só ratos na biblioteca. ¿Que pasará cando un león se fai usuario? Pois que a utiliza como ben debido é, que o pasa ben escoitando os contos ou colaborando coa bibliotecaria nos seus traballos. Sempre cumpre as normas, pero un día, ante un imprevisto, terá que saltalas e daquela... ¡hai que ser compresivo pois se o fai por algo será!

Un libro, con magníficas ilustracións de Kevin Hawkes, editado por Ekaré.

Un libro para estar nun lugar destacado nas bibliotecas escolares e infantís, porque a partir de agora ¿que se atreverá a dicir que semellamos ratos de biblioteca? ¡Leóns é o que somos! Leóns de biblioteca.

5/5/08

MADE IN GALIZA por Séchu Sende


Un libro de relatos en torno ao galego e a súa situación. Séchu Sende pon en xogo toda a creatividade para mirar o idioma dende olladas diferentes, todas elas cunha certa carga de ironía. Unha observación detallada do fenómeno sociolingüístico con moita economía na escrita e moita xenerosidade na reflexión. Pensar e repensar para que mentres botamos unhas risas nos deamos contas de quen somos e de que falamos. Made in Galiza está a ser un libro de éxito, porque nos gusta que nos fagan rir mentres pensamos e pensar mentres rimos. E para mostra ... un anaquiño: "(...) A xente que nunca chegaba a falala explicaba, na madurez ou na senectude das súas vidas e por tanto cando xa chegaban a reflexionar profundamente sobre o problema, que non se atrevían a falar a lingua porque aínda non estaban preparados; ou levando a man á cocorota e rascando co dedo índice dicían que lles parecía imposíbel ou que xa era demasiado tarde; ou, cunha vaga esperanza e confiando nas xeracións vindeiras, dicían A ver se os meus fillos o conseguen" Dábanse algúns casos extraordinarios, si, de nenos e nenas precoces na aprendizaxe e uso do seu idioma, que chegaban á escola falando na súa lingua, se ben eran excepcións que confirmaban a regra: unha porcentaxe mínima entre a inmensa maioría dos que, acabados os estudos obrigatorios e mesmo os universitarios, non conseguían botarse a falar no idioma daquel inaudito país."

2/5/08

DAS NOVAS COUSAS DE RAMÓN LAMOTE


Quen non lembra o clásico Das cousas de Ramón Lamote?

Aquela obra de Paco Martín conseguiu que por primeira vez recaera o Premio Nacional de Literatura Infantil nun libro de literatura galega.

Corría o ano 1986 e fóra das nosas fronteiras lingüísticas falábase deste personaxe tenro e retranqueiro que se ría da burocracia e lle facía acenos a unha fantasía que tocaba no absurdo. Nese mesmo ano entra na Lista de Honra do IBBY e en 1988 pasa a estrear, tamén, a presenza galega na lista dos White Ravens. Un libro de éxito escrito desde nós... para contarnos.

Paco Martín facíase acompañar das ilustracións de Xoán Balboa, pasando a constituírse nunha desas parellas duradeiras (ilustrador/escritor) que tan bos froitos teñen achegado.

Pois ben, pasados os anos, volven de novo, da man de Ramón Lamote. Nesta entrega, Das novas cousas de Ramón Lamote, retomamos ao profesor de chairego e debuxante de soños, agora xa xubilado pero con ganas e forza para seguir. Tres novas aventuras nas que Lamote consegue un mundo un pouco menos insolidario e máis libre, á conta de ricos e políticos con ganas de transcender e coa axuda das súas amigas.

Un verdadeiro pracer retomar as aventuras de Lamote -para aqueles que o coñeceramos fai un tempo- e unha oportunidade de internarse nese imaxinario, para aqueles que aínda o descoñecen.

Quedamos á espera de todas as cousas que Ramón Lamote, Paco Martín e Xoán Balboa teñan a ben.

Sempre agradecidas...


25/4/08

A NENA PÁLIDA de XOSÉ MIRANDA


Tres relatos co denominador común do misterio, ese fantástico que entra pola porta de atrás da realidade e nos fai vela doutra maneira. Neste xénero do terror (suaviño e ben levado) semella mergullarse este autor. Asentado na tradición oral, recreándoa e introducindo elementos da máis pura actualidade. Así, o último dos relatos “Un trasno no tour de Francia” que coloca a este ser mítico no medio da competición facendo das súas. Riremos aínda que zumegue frustración o segundo deles “Aprendendo a nubeira” pois non sempre é posible herdar as mañas da familia. Faranos pensar moito o primeiro deles “A nena pálida”, vexamos o por que: “(...) E fuxín, baixei as escaleiras e metinme no meu cuarto. Non volvín subir ao faiado. E non é por medo. É que estou moi ocupada pensando en cal é a maneira de conseguir que non me pase algún día o mesmo, e que a nena que son siga sempre, sempre, vivindo dentro de min e non teña que refuxiarse nun faiado (...)”

En branco e negro, de puro carbón, as ilustracións de Ramón Trigo, ambientando o misterio.

15/4/08

OS ÁNDERSEN NA NOSA LINGUA




Na categoría de ilustración, o Ándersen 2008 foi para Roberto Innocenti, de quen Kalandraka publicou o seu extraordinario Pinocchio e A historia de Erika. A editorial conmemorou, coa publicación deste último libro, a liberación do campo de concentración de Auschwitz. A historia que se conta neste álbum fóralle narrada a Ruth Van der Zee pola propia Erika, a protagonista. Unha historia triste de xudeus nos días de nazismo, ilustrada marabillosamente por Roberto Innocenti, en escuras cores como negros foron aqueles tempos. Este ilustrador, nacido en Florencia en 1940, xa fora nominado anteriormente para este premio que agora acada, e conta con galardóns como a Mazá de Ouro na Bienal de Ilustración de Bratislava ou a Medalla de Prata da Sociedade de Ilustradores de Nova York. Tal como se comentaba na entrada anterior, teríamos que felicitarnos, todos e todas, pola boa saúde do sistema literario infantil e xuvenil galego que conta con obras traducidas ao galego tanto do premio Ándersen de creación literaria como do Ándersen de ilustración, e felicitar ás editoriais que nos colocan na primeira do panorama internacional.

11/4/08

ASÍ COMEZOU TODO


Así comezou todo ou 34 historias para descubrir a orixe do mundo. Hai uns días fíxose público que o premio Ándersen – o equivalente ao Nobel da literatura infantil- recaeu sobre o escritor suízo Jürg Schubiger, coautor desta pequena xoia publicada por Xerais e traducida por Patricia Buján. Comeza así: “Ben, había algo branco e máis nada. Algo redondo, redondo por todas partes e duro.. Moi grande por todas partes. Algo máis longo ca largo. De ... poñamos, entre dez e doce metros de lonxitude. Era un ovo. Algo petou dende dentro contra a superficie dura, coma alguén que chamase á porta. Ninguén contestou: “Pase”, ou mellor dito: “Saia”. Ninguén abriu. Era unha muller pequena. Precisou de toda a forza pequena para poder facer un buraco no ovo. A muller pequena botouse fóra, con coidado, para non estragar xa o primeiro día a saia nova. Detrás dela viña un home pequeno, e detrás do home pequeno unha casiña xa amoblada, un xardinciño con roseiriñas e abeleiriñas, unha pitiña, un poliño, un cadeliño cun axóuxere pequeno, e unha moto pequena que facía un ruído atronador.” Así que xa sabedes como foi que comezou todo... Agora só queda dicir como vai continuar, e nese sentido, habería que ter en conta a boa saúde do sistema literario galego, non só nas obras de produción propia senón, tamén, nas versións ao galego de obras que proveñen doutras linguas. Neste caso, unha obra do premio Ándersen está vestida coas roupas do noso idioma, como diría Fina Casalderrey.

28/3/08

"A flor máis grande do mundo" de Pablo Etcheverry


¿E se as historias para nenos foran de lectura obrigatoria para adultos? ¿Serían realmente capaces de aprender aquilo que levamos tanto tempo ensinando? -pregunta Saramago nesta curtametraxe. Nela, o Nóbel pon historia e voz, prestando tamén a súa imaxe en plastilina, como podemos ver. Un relato ao que acompaña unha reflexión sobre a literatura infantil e a defensa da natureza envolto na música de Emilio Aragón e o bo facer de Juan Pablo Etcheverry, xa coñecido pola curtametraxe Minotauro, Pablo en el laberinto. Esta peza foi nominada aos Goya na categoría de Mejor Corto de Animación pode verse na páxina seguinte:



27/3/08

As poesías musicadas de Álvarez Blazquez


... Porque na biblioteca hai algo moito máis que libros e porque a poesía complétase cando se recita en voz alta e se canta... facémosvos partícipes dunha nova:

Acaba de saír ao mercado o CD "Entre o Miño e o mar de Vigo".

Os poemas para nenos/as, do autor das Letras Galegas 2008, publicados en Roseira do teu mencer e O que ben che quer aparecen agora musicados por Eloi Caldeiro e presentados por Miguel Anxo Mato Fondo.

Un destes poemas, para abrir boca:


O año pitaño

vai no paraño.

A cabuxa luxa

marchou onda a bruxa.

O gato cegato

fuxiu ao burato.


O coello vello

anda no cortello.

O galo ralo

rubiuse no valo,

i a galiña tiña

está na cociña.


Anda, neniña,

deixaos estar,

e imos brincar

coas cunchas do mar.

25/3/08

NEGROS E BRANCOS


Cando a presentación editorial o di, o mellor é transcribilo:

"Hai moito tempo, todos os elefantes do mundo eran brancos ou negros, e odiábanse entre si. A guerra non tardou en estoupar e, durante tempo e tempo non se volveu a ver ningún elefante sobre a Terra. Ata que un día saíron da selva os netos dos elefantes amantes da paz... "

(Agora seguimos nós)

Os elefantes que saíron da selva e que eran descendentes daqueles outros, negros e brancos, que fuxiran da guerra eran grises, totalmente grises. Dende entón viven en paz. Pero, ultimamente os elefantes de orellas pequenas e os de orellas grandes míranse dun xeito estraño.

(¿Que pasará, non pasará? Tal vez se impón un "Continuará...")


Un bo libro a diferenza.

24/3/08

IMAXINA ANIMAIS


Búscanse animais nos obxectos máis cotiáns e atópanse, xa diso sabían moito os surrealistas. Faino, neste caso, Juan Vidaurre e conségueo... mostrándonolos cuns mínimos retoques para que descubramos eses ollos polos que ver cando se animalizan as cousas ou esa paisaxe de fondo na que colocar os animaliños a pacer ou dar unha volta. Este traballo pode lembrar as poéticas visuais de Brossa ou Chema Madoz -a través de fotografías- tal como se comenta na presentación editorial. Feito o labor da imaxe comeza o do texto. Daquela, Ballesteros, dálle outra reviravolta que nos lembra a Cunqueiro cando andaba a apañar gatipedros, e recrea esas personaxes que pasan a chamarse Abrenoites, Metrocol, Tibulatas ou Bolbopecha. Pon a imaxinación a soñar e invéntalles unha historia que de tan sorprendente resúltanos natural ¡como a vida mesma! na que se agachan todas esas cousas-animais que podemos non ver á primeira mirada pero que unha vez nos coloquemos as gafas de observar a fantasía descubriremos ... ampliando ese animaliario marabilloso onde han de estar a esperar por nós. E aí é onde o libro se abre e nos introduce nun xogo infinito no que seremos partícipes e ... seguiremos a crear.

18/3/08

O REINO VERDE DE XOÁN BABARRO


O libro vai daqueles tempos nos que sabíamos falar cos animais e eles entendíannos, respondíamos ao canto da perdiz, descubríamos o carapucho da bublela ou remedábamos o cuco...

Neste libro de poemas, Xoán Babarro establece un diálogo coa poesía popular, a modo de recoñecemento e pago por todo o que nos ten aportado; por iso, cada poema é introducido por uns versos desa outra poesía da que descoñecemos autor porque é de todos e todas e a tod@s pertence.

Un xogo que pode lembrarnos aquel outro que realizara Antonio García Teijeiro en "Na fogueira dos versos" coa coa tradición culta.

E como mostra un boton:

Era si,

era non.

que te comerá

o papón...!


O papón

non sabe comer

nin con garfo

nin con culler

nin nenas

nin nenos

nin grandes

nin pequenos

¿Que comerá?

Comerá a guerra

e parará,

comerá a inxustiza

e acabará,

comerá a miseria

e desaparecerá,

comerá...



17/3/08

O QUE BEN CHE QUER


Unha manchea de poemas, escritos por Xosé Mª Álvarez Blázquez para a súa filla Colorín, presentados por Pepe Cáccamo e ilustrados pola súa irmá Berta Cáccamo. Esta, realiza unhas acuarelas con delicados trazos, unha figuración mínima e suaves cores, acompañando os versos e deixando nas nosas mans un produto delicado.

Parte dos poemas pertencen ao libro Roseira do teu mencer e parte son inéditos.

Entre eles gustaríanos compartir con vos aquel que lle dá título ao libro, e que ademais conta cunha das ilustracións máis interesantes.


O que ben che quer

eche o vilorico que anda polo ler.


Ise si que é bo

que viu dende lonxes aguillando o vó

somentes por verte e que o viras ti,

para que os dous brincases; ti co teu oh, oh,

e el co seu chi, chi.


O vilorico

de longo bico

e longas patas de gabirú

que nin di cu - cu

nin anda con trolas de chicherico.


- Que non diga o moucho,

que no diga o cuco,

que non diga a poupa

que che queren muito...


O que ben che quer

está silandeiro enriba de un pé.

Sabes ti quen é?

Éche o vilorico que anda polo ler.



12/3/08

GRAN LIBRO DOS RETRATOS DE ANIMAIS


Con el comezou a colección OQart da editorial OQO Nel, croata Sujetlan Junakovic modifica algúns dos retratos que forman parte da historia da pintura para substituír os homes e mulleres retratados por animais que pasan a ser os protagonistas da imaxe. Esta galería de retratos de animais compleméntase cos comentarios nos que se achegan datos sobre o retratado, a época ou o artista nun ton nada alleo ao humor. Un bo punto de partida para un xogo de espellos no que a pesar do aviso de que “calquera semellanza coa realidade é pura coincidencia”, buscaremos aquel outro cadro que se nos imita a este, localizarémolo, compararémolos e riremos mentres nos movemos entre obras de arte. Esta obra acaba de ser galardoada cunha Mención de Honra na Feira do Libro de Bologna.

10/3/08

Santiago, balada inxenua de Federico García Lorca


¿A que lembramos aquel marabilloso poema de García Lorca que ten que ver con Santiago, o apóstolo, e o camiño lácteo que conduce ata nós? Esta noche ha pasado Santiago su camino de luz en el cielo. Lo comentan los niños jugando con el agua de un cauce sereno. ¿Dónde va el peregrino celeste por el claro infinito sendero? Va a la aurora que brilla en el fondo en caballo blanco como el hielo. (…) Pois ben, anda polas bibliotecas e librerías un libro estupendo no que á poesía de Lorca lle pon imaxes Javier Zabala, cunha técnica mixta na que traballa dende o colaxe ás agoadas e ceras, ¡un luxo! Pois ben, este álbum acaba de obter a Mención de Honor do Xurado da Feira do libro infantil de Bologna, na sección de poesía 2008

6/3/08

O teatro tamén se le

BOAS NOITES A peza teatral de Paula Carballeira, ganadora do I Premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil 2006 convocado polo IGAEM. Unha obra divertida con diálogos áxiles e unha historia chea de imaxinación e humor. ¿Qué pasa cando os pais buscan que a súa filliña sexa a máis lista, a máis, guapa, a máis do máis…? Pois que a mandan a clases de judo, de inglés, de conservatorio, de baile, de natación… e ela ten que facer iso despois das clases e dos deberes e … ¿que tempo lle queda? Só o da noite, un tempo de liberdade para xogar e poder vivir aventuras imaxinarias. Daquela, Pedro Chosco empeñado e facela durmir e ela en manterse esperta, ata que dan cunha solución … á que poderán asistir todos os lectores e lectoras desta peza sobre o estrés infantil e os seres marabillosos da fantasía infantil. Unha peza para ler e unha peza para ver.

5/3/08

TARTARUGA

"Tartaruga" de Xaquín Marín, na colección Xiz de cor da editorial Baía. Un álbum para mirar e remirar, para ler e pensar. A combinación completa de imaxe e texto realizada por un ilustrador, humorista e escritor. Todo arredor da tartaruga que se fai preguntas e aseveracións, que filosofa sobre a vida e os tempos, os camiños longos ou os pasos curtos, para rematar conformándose porque, polo menos, onde se cansa durme ¡é o bo de levar a casa con un! Bo libro, e cando haxa ocasión non perder a oportunidade de asistir á presentación, pois Xaquín Marín é un creador para coñecer e escoitar, para observar mentres debuxa tartarugas individualizadas...

25/2/08


Só un segundo, o álbum con deseño e ilustracións de Flavio Morais e da autoría de Silvio Freytes, editado por Kalandraka, ven de recibir o premio Daniel Gil de Deseño Editorial ao Mellor Libro Infantil. Dísenos que tanto o deseño coma as ilustracións están inspirados na cultura popular do norte do Brasil, o país orixinario de Morais, nunha técnica denominada “xilogravado de cordel”, o mesmo que a tipografía coa que aparece o texto baseada nos rótulos das tendas. As imaxes cun ar primitivo e tonalidades terra recoñécense polos trazos grosos que as mostran estáticas, acompañando así a historia dese segundo de tempo detido no que suceden unha serie de acontecementos. Un libro sobre o paso do tempo representado no reloxo que mostra ese segundo no que os nosos ollos van pasando dunha imaxe a outra, dunha mirada a outra, percorrendo o espazo que se recolle na lámina final. Unha obra que conxuga a arte en diversas facetas, a tradición e a vangarda, o infantil e contemporáneo.

20/2/08

¿En Fisterra?


Eu vivía na fin do mundo de Ramón Trigo obtivo o primeiro premio do II Concurso Internacional de Álbum Ilustrado “Biblioteca Insular. Cabildo de Canarias” e foi publicado o ano pasado pola editorial Tambre – Edelvives. Móstranos unha historia con magníficas ilustracións e uns pequenos e suxestivos textos. A través desas imaxes e a narración en primeira persoa contáxianos a maxia de vivir fronte ao horizonte e querer saber qué hai máis alá. Cando pregunta, os veciños dinlle que detrás desa raia nada hai ou monstros horribles aos que se debe temer… só o fareiro lle fala doutras posibilidades e tras elas se irá nun final aberto e cheo de posibilidades. Seguro que vos apetece velo e lelo, descubrindo ata onde compartimos imaxinario.

19/2/08

Minimaladas ¿Historias mínimas de animais?


Minimaladas, premio Merlín de literatura infantil 2007. Escrito por Carlos Vázquez e ilustrado por David Pintor, foi publicado por Xerais fóra de colección para que puidéramos gozar dun formato no que o texto se ve envolto pola imaxe atrapando ao lector. Minimaladas vai de historias mínimas de animais. Unha delas, a modo de cata: “Este era un camaleón que non podía sabía cambiar de cor. Vendo que os demais camaleóns si podían, púñase verde de envexa. Ás veces burlábanse del, e púñase vermello de ira. Chegou a enfermar, e púxose amarelo. Coa febre deliraba, e creu ver unha pantasma, e agarrou pavor, e púxose branco. O pobre camaleón andaba negro. Para consolalo, a súa nai preparoulle unha torta enorme, e púxose morado.” O autor, guionista do dúo Pinto&Chinto, do que tamén forma parte o ilustrador, confesa que as oitenta e catro historias comparten o denominador común do humor.

18/2/08

Personaxes de conto


Piratas, bruxas e outros amigos de Daniel Ameixeiro, con ilustracións de Federico Fernández, publicado por Galaxia na colección Árbore. No estilo ao que o autor nos ten acostumados e lembrando un tanto aquela fermosa historia de Xan e Pericán. Neste caso, reúnense varios relatos rimados nos que o xogo e o nonsense se fan protagonistas, todo adobado cun certo humor e unhas areas poéticas. E deso vai, de piratas, bruxas, princesas e outros personaxes de conto, todo ese repertorio de oficios que andan pola tradición dun imaxinario que sigue dando voltas polas cabeciñas. Agora xa recreándoas, inverténdoas, obrigándoas a vivir noutros tempos nos que as cousas non son o que eran. Dous creadores, imaxe e palabra, ao servizo dunha obra que dá para ler.

4/2/08

De nenos e tempos difíciles

O NENO DO PIXAMA A RAIAS, do escritor irlandés John Boyne, está a ser un éxito editorial. De aí a importancia de que Factoría K o teña traducido ao galego e publicado dentro da súa colección Narrativa K. Inicitivas coma estas son pasos adiante na normalización lingúística e no fomento da lectura. Trátase dunha novela na que paso a paso nos imos adentrando nun mundo que nos resultará coñecido, pero visto desde ollos dun rapaz de nove anos, ao que acompañamos seguindo a seu pai a un novo traballo, coñecendo lugares “diferentes” e amigos … nun medio extraño –por chamarlle dalgunha maneira- que el traduce á súa candidez. Un libro que admite varias lecturas, que lles gustará aos máis grandes e aos que non o son tanto; un libro dos que anima a ler porque, coma nun cofre, gárdanse eses tesouros que nos fan amar a lectura. Un libro que nos poñerá a falar de historias, de tempos que non podemos esquecer, de riscos que andan sempre á volta da esquina, … doutros libros.

1/2/08

Poesía infantil nas Letras Galegas 2008

“Hai moitos anos naceu en Vigo unha nena que non tiña nome. Os seus pais, que andaban a rir, ao vela colorada de alegría e cos ollos azuis como auga dunha fonte, souberon que s e chamaba Colorín. E así a chamaron. (…) Cando a nena tiña un ano, o pai escribiu este libro para contar como chegara un día Colorín voando no vento.(…) Por iso o libro, que ao principio tampouco non tiña nome, chamouse Roseira do teu mencer. O mencer de Colorín, os seus primeiros días e meses de luz, está relatado aquí en versos pequenos que son para cantar.” Así nos presenta Xosé Mª Álvarez Cáccamo a súa irmá e o libro de poemas que para ela escribira seu pai, Xosé Mª Álvarez Blázquez, ao que este ano se dedica o Día das Letras Galegas. Un libro sentido e para os sentidos, para que todos os nenos e nenas poidan gozar nun ano no que as letras tamén van dirixidas, expresamente, a eles.

11/12/07

O neno que tiña medo dos robots. O robot que tiña medo dos nenos.

(Miguel Vázquez Freire/José Tomás. Edebé-Rodeira). Dous libros nun, dúas historias, dous protagonistas, dúas portadas, dous títulos… para un mesmo tema. O medo ao diferente, o temor ao descoñecido, contado dunha maneira moi sinxela e de tal forma que non nos queda máis remedio de enfrontar o problema e poñer a imaxinación a traballar, porque a continuación da historia está nas nosas mans. Luisiño é un neno coma calquera outro, ao que lle pasa o mesmo que a todos cando esperta pola mañá, cando se lava -un pouquerrechiño-, cando almorza, cando atende os consellos dos seus pais e se vai á escola coma cada día... pero, no camiño vaise atopar con algo que pode cambiar a súa vida. Isto último, que sucede nas páxinas centrais, non só lle pasa a Luisiño, porque hai outro que tamén vai para a escola esa mañá despois de prepararse e escoitar os consellos paternos... ¿Que pasará, non pasará?

3/12/07

CARTAS DE AMOR


Nove cartas de amor que son chamadas de atención sobre os dereitos humanos nos diferentes lugares do mundo. Porque as cartas de amor son o vehículo, que Fran Alonso utiliza, para mostrar eses outros mundos que semellan golpearnos nas noticias. Nove cartas que non son cartas de amor ao uso. Todas elas escritas por mulleres que se atopan en situación difíciles, porque "as mulleres son vítimas dunha historia que a sociedade foi construíndo sen permitir que elas participasen ou opinasen" (escribe o autor no prólogo). Mulleres que son inmigrantes ilegais, que viven en campamentos de refuxiados saharauís, que traballan nun bordel, que están no medio dunha guerra ou acaban de pasar por ela, mulleres que foron abandonadas cargando cunha culpa da que non eran responsables... Cartas que din aquilo que ninguén preguntou e falan de sentimentos. Cartas que nalgún caso contestan a outras cartas, que noutros se dirixen a alguén que xa non pode lelas ou non quere, pero case sempre buscan comunicarse, tanto que o fagan en papel ou por correo electrónico, que as escriban directamente ou a través de quen transcribe o que din porque aínda non todas están alfabetizadas. Algunha das cartas xa fora publicada pois é o resultado da colaboración con determinadas ONGs, pero o libro, resulta certamente interesante ao mostrarnos ese feixe de textos que son anaquiños de consciencia.

6/11/07

Rinocerontes e quimeras

Unha feliz sorpresa, un libro inesperado na literatura xuvenil, non só galega senón na de calquera outro sistema. O autor Marcos S. Calveiro, autor de Sari, soñador de mares, resultou ganador do último premio Ala Delta con O carteiro de Karrada, ambientada no Irak dos últimos anos. Por Rinocerontes e quimeras corre o século XIX. Unha colección de nenos deformes son a gran atracción dun circo, compartida cos prodixios da natureza, pero en rivalidade cun novo descubrimento: os autómatas. Todo ten o seu fin, aínda os días de gloria como monstros de circo. Nun vagón de tren arrombado nunha vía morta, eses rapaces e rapazas van compartindo as súas historias, coa vella intención de falar para que as horas pasen, mentras esperan a que alguén veña recuperalos. É a maxia dun tempo de inventos misturada coa tristeza dos seres rexeitados e as referencias a todo un imaxinario cultural que nos pertence. ¡Un presente que agradecemos!

26/10/07

¿Será tempo de fábulas?



En Fábulas de ayer y de hoy (Carlo Frabetti, Alfaguara) atopamos, como o propio nome indica, fábulas, metafábulas (que son aquelas que falan doutras, das de sempre) e tamén algo que o autor chama "pregunteja" e define como unha pequena pregunta que obriga a unha reflexión e leva implícita unha ensinanza. E ... como mostra un botón ¡de fábula! EL NIÑO Y EL LIBRO "Leerte cuesta trabajo", al libro le dice el niño, "y aunque te tengo cariño, me voy a jugar abajo". Replica el libro: "Oye, majo, también te cuesta jugar más trabajo que mirar: tienes que cansarte un poco, ya sea de cuerpo o de coco, si quieres participar".

24/7/07

Petando nas portas de Dylan





Petando nas portas de Dylan, un poemario de Antonio García Teijeiro, escrito a partir da música de Bob Dylan, que semella petar nas portas da emoción. Para lectores a partir de 12 anos. Co facer de sempre, e as constantes da súa poesía: a música e a preocupación polos valores de paz e xustiza en relación á infancia. Neste caso, atopamos un grupiño de poemas que falan dos nenos da guerra, e que seguramente lle veredes moita aplicación na escola. Este é un deles:




I can see though your mask Combate Primeira fila Os nenos corren e corren non polo patio da escola nin polo branco da area Os nenos corren e corren non pola rúa da vila nin polo arco da vella Combate Primeira fila Os nenos corren perdidos coa gorxa afogada e por un campo de minas pasean Explosión Horror Estrondo Boureo Os nenos, sen decatárense, soben ao ceo E o mesmo home, cantando coa súa guitarra, segue a cuspir: …Señores da guerra, quero que saibades que podo ver a través das vosas máscaras…