Unha manchea de poemas, escritos por Xosé Mª Álvarez Blázquez para a súa filla Colorín, presentados por Pepe Cáccamo e ilustrados pola súa irmá Berta Cáccamo. Esta, realiza unhas acuarelas con delicados trazos, unha figuración mínima e suaves cores, acompañando os versos e deixando nas nosas mans un produto delicado.
Parte dos poemas pertencen ao libro Roseira do teu mencer e parte son inéditos.
Entre eles gustaríanos compartir con vos aquel que lle dá título ao libro, e que ademais conta cunha das ilustracións máis interesantes.
O que ben che quer
eche o vilorico que anda polo ler.
Ise si que é bo
que viu dende lonxes aguillando o vó
somentes por verte e que o viras ti,
para que os dous brincases; ti co teu oh, oh,
e el co seu chi, chi.
O vilorico
de longo bico
e longas patas de gabirú
que nin di cu - cu
nin anda con trolas de chicherico.
- Que non diga o moucho,
que no diga o cuco,
que non diga a poupa
que che queren muito...
O que ben che quer
está silandeiro enriba de un pé.
Sabes ti quen é?
Éche o vilorico que anda polo ler.
No hay comentarios:
Publicar un comentario