Búscanse animais nos obxectos máis cotiáns e atópanse, xa diso sabían moito os surrealistas. Faino, neste caso, Juan Vidaurre e conségueo... mostrándonolos cuns mínimos retoques para que descubramos eses ollos polos que ver cando se animalizan as cousas ou esa paisaxe de fondo na que colocar os animaliños a pacer ou dar unha volta. Este traballo pode lembrar as poéticas visuais de Brossa ou Chema Madoz -a través de fotografías- tal como se comenta na presentación editorial. Feito o labor da imaxe comeza o do texto. Daquela, Ballesteros, dálle outra reviravolta que nos lembra a Cunqueiro cando andaba a apañar gatipedros, e recrea esas personaxes que pasan a chamarse Abrenoites, Metrocol, Tibulatas ou Bolbopecha. Pon a imaxinación a soñar e invéntalles unha historia que de tan sorprendente resúltanos natural ¡como a vida mesma! na que se agachan todas esas cousas-animais que podemos non ver á primeira mirada pero que unha vez nos coloquemos as gafas de observar a fantasía descubriremos ... ampliando ese animaliario marabilloso onde han de estar a esperar por nós. E aí é onde o libro se abre e nos introduce nun xogo infinito no que seremos partícipes e ... seguiremos a crear.
No hay comentarios:
Publicar un comentario