2/5/08

DAS NOVAS COUSAS DE RAMÓN LAMOTE


Quen non lembra o clásico Das cousas de Ramón Lamote?

Aquela obra de Paco Martín conseguiu que por primeira vez recaera o Premio Nacional de Literatura Infantil nun libro de literatura galega.

Corría o ano 1986 e fóra das nosas fronteiras lingüísticas falábase deste personaxe tenro e retranqueiro que se ría da burocracia e lle facía acenos a unha fantasía que tocaba no absurdo. Nese mesmo ano entra na Lista de Honra do IBBY e en 1988 pasa a estrear, tamén, a presenza galega na lista dos White Ravens. Un libro de éxito escrito desde nós... para contarnos.

Paco Martín facíase acompañar das ilustracións de Xoán Balboa, pasando a constituírse nunha desas parellas duradeiras (ilustrador/escritor) que tan bos froitos teñen achegado.

Pois ben, pasados os anos, volven de novo, da man de Ramón Lamote. Nesta entrega, Das novas cousas de Ramón Lamote, retomamos ao profesor de chairego e debuxante de soños, agora xa xubilado pero con ganas e forza para seguir. Tres novas aventuras nas que Lamote consegue un mundo un pouco menos insolidario e máis libre, á conta de ricos e políticos con ganas de transcender e coa axuda das súas amigas.

Un verdadeiro pracer retomar as aventuras de Lamote -para aqueles que o coñeceramos fai un tempo- e unha oportunidade de internarse nese imaxinario, para aqueles que aínda o descoñecen.

Quedamos á espera de todas as cousas que Ramón Lamote, Paco Martín e Xoán Balboa teñan a ben.

Sempre agradecidas...


No hay comentarios: