Nove cartas de amor que son chamadas de atención sobre os dereitos humanos nos diferentes lugares do mundo. Porque as cartas de amor son o vehículo, que Fran Alonso utiliza, para mostrar eses outros mundos que semellan golpearnos nas noticias. Nove cartas que non son cartas de amor ao uso. Todas elas escritas por mulleres que se atopan en situación difíciles, porque "as mulleres son vítimas dunha historia que a sociedade foi construíndo sen permitir que elas participasen ou opinasen" (escribe o autor no prólogo). Mulleres que son inmigrantes ilegais, que viven en campamentos de refuxiados saharauís, que traballan nun bordel, que están no medio dunha guerra ou acaban de pasar por ela, mulleres que foron abandonadas cargando cunha culpa da que non eran responsables... Cartas que din aquilo que ninguén preguntou e falan de sentimentos. Cartas que nalgún caso contestan a outras cartas, que noutros se dirixen a alguén que xa non pode lelas ou non quere, pero case sempre buscan comunicarse, tanto que o fagan en papel ou por correo electrónico, que as escriban directamente ou a través de quen transcribe o que din porque aínda non todas están alfabetizadas. Algunha das cartas xa fora publicada pois é o resultado da colaboración con determinadas ONGs, pero o libro, resulta certamente interesante ao mostrarnos ese feixe de textos que son anaquiños de consciencia.
No hay comentarios:
Publicar un comentario