6/11/14

Matemáticas e literatura infantil



Ricardo Gómez é matemático, profesor de matemáticas, escritor, autor de libros destinados á infancia e xuventude nos que as matemáticas se fan presentes. Para exemplo: Laselva de los números ou Las hijas de Tuga.
Tuga é unha tartaruga, a protagonistas de ambos libros ilustrados por Tesa González. Unha tartaruga que pensa e pensa, metidiña no tronco baleiro da súa árbore, ata que descobre o mundo das matemáticas, primeiro comeza cos números que vai ensinando aos animais que queren aprender... porque hai algún que se conforma con gobernar ou crer que goberna coma o rei León. A selva vai mellorando coas achegas de Tuga. E máis tarde farao coas das súas fillas, que continuarán o legado da nai internándose no mundo da xeometría e outros campos matemáticos. Pero non se trata só das matemáticas senón da solidariedade, da intelixencia e do gusto pola aprendizaxe.   

31/10/14

Máis clásicos na sección de novidades.

De novo é Kalandraka, na súa colección 7 leguas, a que nos trae unha nova edición e tradución de dous novos clásicos: A raíña de Turnedó e O homiño vestido de gris.
O homiño vestido de gris, de Fernando Alonso, ilustrado por Ulises Wensell, é presentado así no blog Ladrándolle á lua "Este conxunto de relatos é sorprendente, inquietante e un combate contra a soedade, a intolerancia e o egoísmo non exento dunha escritura directa, sen artificios". Así é, un monllado de relatos poéticos nos que os valores van aflorando para conducirnos á reflexión, desde ese homiño vestido de gris ao que ninguén quere escoitar pero que acabará cantando ópera e vestido de todas as cores, ata ese outro relato no que ha de ser todo o pobo o que vaia buscar unha árbore de coral para que a rapazada sexa feliz. Un autor, que declara desta maneira as súas intencións:
«Desexo que os meus libros axuden aos lectores a abrir a mirada, desperten os seus sentimentos e as súas emocións, lles inciten a exercer a liberdade de pensamento e lles axuden a pensar que non están sós».
A raíña de Turnedó de Gloria Sánchez, ilustrado por Pablo Otero
Así se presenta: 
Miñas donas, 
            meus señores
Este é o xardín 
             da raíña de Turnedó.
 Aplaudan:  Plis-Plas! Plis-Plas!
(pasa a páxina)
Miñas donas,
          meus señores…
Este é o mato do xardín
          da raíña de Turnedó.
Exclamen:  Oooooooooooh!
                                                 

30/10/14

Novidades que son clásicos




É Kalandraka que continúa a publicar os clásicos da literatura infantil.

Nesta ocasión, trátase de Unha feliz catástrofe unha das obras de Adela Turín e Nella Bosnia que hai un tempo xa apareceran da man de Esther Tusquets na colección "A favor de las niñas" centrada na coeducación e a igualdade. Porque segue a ser necesario continuar nesta labor, e porque necesitamos destes materiais de calidade en galego, aquí está esta nova entrega que continúa a estela de Artur e Clementina, A historia dos bonobos con lentes...

Que sorte tivo a familia Rato o día no que o seu tobo se inundou! A partir daquela cambiaron os roles, o pai fachendoso e contador de inventadas aventuras nas que el era sempre protagonista, vai aprender a facer a sopa para a noite, a nai acompañará aos fillos nunha aventura diaria que é educativa e divertida, e os pequenos ratos serán felices nun mundo máis igualitario... Agora chega ao antigo tobo unha nova familia convencional, a Roedor, tal como eran os Rato, pero é posible que algún día volvan a sufrir outra feliz catástrofe... haberá que agardar.

Onde está o meu zapato? de Tomi Ungerer, é outro destes libros de referencia que son imprescindibles en cada lingua. Entre "Un, dous, tres, perdín o zapato outra vez" e "Catro, cinco, seis, o zapato za atopei" vemos unha serie de láminas nas que diferentes modelos de zapato forman parte das figuras en insólitas posicións. Liñas mínimas e cores planas sitúannos ante o reto de buscar zapatos igual que noutras ocasión temos buscado a Willy. ¡Un verdadeiro exercicio de agudeza visual nunha ilustración de camuflaxe!

28/10/14

Con Circe e Morgana en Esmelle


Begoña Caamaño, a xornalista e escritora, foise onte pola tarde, despois dunha longa enfermidade.
Autora de libros como Morgana en Esmelle e Circe ou o pracer do azul, obtivo premios coma o Ánxel Casal da AGE ao mellor libro de ficción, o premio da AELG á mellor obra narratica do 2912, o premio da crítica de narrativa galega, o premio Antón Losada Diéguez do 2013 e premio da Crítica española ao mellor libro de narrativa. 
A súa foi unha obra meteórica que nos devolveu aos mitos que sempre foron de noso: a materia de Irlanda e as viaxes de Ulises (desta vez con Penélope e Circe mirándose sobre a cabeza do loitador). Con ela volvemos a percorrer os camiños de Cunqueiro, volvendo aos tempos que nunca se foron, agora vistos coa mirada de muller, unha mirada lila.
As súas palabras:
“Considero o feminismo como un humanismo global. Poñer as gafas lilas é poñerte na pel de quen padeceu a exclusión, non falar desde a historia narrada polos vitoriosos, senón de quen sufriu a exclusión por ser considerad@ menor e secundari@”, defendía Begoña Caamaño, da súa maneira activista de situarse no mundo. (…)”. 

24/10/14

DÍA DA BIBLIOTECA... todos os días

O texto de David Otero, BIBLIOUTUBRO:
Velaí un bibliomés deste biblioano.
Velaí un tempo biblio para espazos cheos de libros (que é dicir tamén bibliotecas). Por iso nelas, nas bibliotecas, desde as lectoras e os lectores, conxúganse os espazos e os tempos no facer primoroso da lectura. Ler, polo tanto, dinamizarase en xerundio e así tamén nese modo e ser farase cos verbos amar, querer, pensar, vivir e tantos outros propios de ser quen somos en mundo noso de Lingua(s) e de Cultura(s).
O libro de Francisco Xavier Redondo Abal Bibliotecarias e bibliotecarios "infames", que se presenta así: 
"Vas ler algo que fai abanear o mobiliario histórico. Vas recibir unha información perturbadora, un deses estrelampos que se abre paso entre as lamias da persiana da ocultación, perpetrada ás veces coa hipócrita desculpa da "operación Olvido". Vas entrar en Bibliotecarias e bibliotecarios "infames", vas saír da autoestrada do relato histórico convencional, vas ir a pé, a valmontes, pola banda inhóspita da historia, e vas sentir que a intrahistoria, como o rumor dun bater de alas nun bosque queimado, vén por ti. Cada vez que entres nunha biblioteca ou nun arquivo, ou cada vez que escoites "depuración" ou "extirpación", vaste lembrar de Bibliotecarias e bibliotecarios "infames", de como o compromiso polo espallamento do saber se converteu nunha proba de cargo e nunha mancha ominosa (...)"
A modo de homenaxe, a quen fai posibles as bibliotecas.
 

23/10/14

Novas de cómic (IV)

A apertura dunha nova libraría de cómic en Santiago fálanos dun xénero en alza... Alita cómics abre este fin de semana. ¡Sorte na andaina e un bo futuro para o cómic galego!
Lembremos que na cidade xa contamos con outra libraría especializada na banda deseñada, que xa nos ten achegado interesantes seleccións, Komic.
E tamén... A gata tola

20/10/14

Novas de cómic (III)


O Botafumeiro é unha revista dixital de humor en galego con periodicidade mensual. Recolle textos e banda deseñada. Nela participan moitos dos autores que coñecemos: Manel Cráneo, Alberto Guitián, Roque Romero, Bernal Prieto, Xiomara Correa, Diana López, Kaz, Tayone, Martín Romero, Brais Rodríguez… e Jano con páxinas de Nacho Camacho, viñetas de A Ollada do Chosco e novos personaxes e series. Podes atopalo nesta páxina
Sacoponcho é unha publicación autoeditada que reúne os novos talentos do colectivo de banda deseñada Fume de Carozo: Xulia Vicente, Uxía Larrosa, Luís Yang e Paloma Tarrío. A edición complétase con aportacións de ilustración a páxina completa de debuxantes como Jorge Peral ou Yago García.  

 

15/10/14

BIBLIOUTUBRO, un texto de David Otero para as bibliotecas.




                        BIBLIOUTUBRO
                  
                    David Otero

 
Velaí un bibliomés deste biblioano.
Velaí un tempo biblio para espazos cheos de libros (que é dicir tamén bibliotecas). Por iso nelas, nas bibliotecas, desde as lectoras e os lectores, conxúganse os espazos e os tempos no facer primoroso da lectura. Ler, polo tanto, dinamizarase en xerundio e así tamén nese modo e ser farase cos verbos amar, querer, pensar, vivir e tantos outros propios de ser quen somos en mundo noso de Lingua(s) e de Cultura(s).
Outubro celébrase, sinálase, como o mes da biblioteca e así en especial o día vinte e catro con maior acento, acerto e intensidade, sen que por iso facelo xa dea desculpa (licenza) a non facelo ata o día vinte e catro do ano que vén. Os días da biblioteca, xa que logo, serano todos os do ano enteiro en pleno amor libre á lectura e aos soportes (libros en especial) que a facilitan e a estimulan, mediando nese exercicio do pensamento tan propio, persoal, como auténtico, que nos define e determina como lectoras e como lectores.
Ler é un facer afirmativo de liberdade, porque apetece, porque nos engaiolaron na animación a facelo, porque temos argumentos e así nos peta e dá a gana.
Ler, libro, lectura, levan consigo esencialmente (do contraio é outra cousa) o desexo libre de facelo. Esa frescura onde gozar de literatura vivible, viva e activada, posta en Lingua e Cultura propia (galega pois)  e integrada coas outras moitas Linguas e Culturas dos demais Pobos nas que queiramos ler e disfrutar.
A lectura farase alí onde nos sintamos ben.
Buscaranse os soportes de ler alí onde nos sintamos ben.
Pois así tamén será na biblioteca onde nos sintamos ben. Probemos e comprobemos.
                                                                                    Biblioteca IES As Mariñas

14/10/14

Novas de cómic (II)


* A banda deseñada para os máis novos segue a ser unha flor de invernadoiro, por iso recibimos con tanto agarimo cada unha das entregas de Marcopola, a illa remeira de Jacobo Fernández. Acaba de saír á luz Marcopola a illa Remeira 3: Dragoneta. Nela, o autor reflite unha vez máis, a creatividade desbordante que o caracteriza. Un nbovo personaxe,Demoneta, poderá converterse en Dragoneta grazas a unha apócema fabricada polo alquimista Brisgovius; agora voa e bota lume pola boca pero o seu tamaño diminuiu e quedou pequerrechiña ¡é o que ten xogar con beberaxes"; o seu empeño por levar a cabo misións bondadosas terá resultados irregulares... Publicado por Edicións Xerais de Galicia.
*Nacho Camacho é o novo cómic de Jano, con guión de Rodrigo Cota. Nacho Camacho é un personaxe nada recomendable: vago e machista, cheo de prexuízos e homófobo; pero todo porxo ten o seu san martiño e Nacho é pai dun rapaz homosexual ¡el sínteo como unha gran desgraza! e alguén sorrí pensando que é un xusto castigo á súa maneira d epensar e actuar. Neste volume recompílanse as historias xa publicadas na desaparecida revista Retranca e unha historieta nova e máis longa relacionada co Camiño de  Santiago. Publicado por Demo Editora.

13/10/14

Novas de cómic (I)



* A Editorial Fosfatina súmase co seu primeiro lanzamento ao panorama da banda deseñada galega.  Griza Zono é o título do traballo do vigués Andrés Magán, que debuta cunha publicación experimental de 48 páxinas en branco e negro.
* O Premio Ourense de Banda Deseñada, que recoñece cada ano o traballo dunha persoa ou entidade a prol da novena arte no noso país, foi para o crítico e dinamizador Henrique Torreiro. Valórase a súa longa traxectoria de máis de vinte anos desde o colectivo Phanzynex e a organización das propias Xornadas de Ourense ata o seu labor como divulgador, dentro do cal desdenvolve a súa columna de opinión en Culturagalega.org.
*O Valedor do Pobo e a Consellería de Traballo e Benestar lanzaron a primeira edición do cómic Os perigos de internet, unha historieta que pretende achegar as ameazas reais que se poden atopar os menores de idade no uso das tecnoloxías.
*Un novo traballo de Tokio, en Demo Editorial. A causa do crime, unha historia de 50 páxinas a branco e negro que reúne sindicalismo, a corrupción, represión policial ou terrorismo na Galicia dos anos 80. A historia, publicada por entregas en 1987 no xornal A Peneira ve a luz agora cun argumento ampliado e nova realización gráfica. Está previsto que o volume saia á venda a comezos de agosto.
 

10/10/14

Dous libros galegos nos White Raven 2014

 


Entre as obras seleccionados nesta prestixiosa lista dos mellores libros de literatura infantil e xuvenil, destacaron este ano as obras Nicomedes o pelado de Pinto & Chinto publicado por Kalandraka e Galiño pelado da autoría de Paula Carbonell e Philip Giordano de OQO Edicións.
Os White Raven son seleccionados pola Internationale Jugendbibliothek de Múnic.

8/10/14

Novas publicacións de banda deseñada

Acaban de saír as BDs premiadas no Castelao 2013, publicadas pola deputación da Coruña. Catálogo oneroso de beleza gratuíta, a obra coa que Fran Bueno gañou o prestixioso certame, e tamén (por vez primeira na historia do galardón) a obra finalista, O misterio do Pico Sacro de Rafael Saldaña.
Ao tempo, está chegando ás librarías o número dous do fanzine Sacoponcho con historias de Uxía Larrosa, Paloma Tarrío, Xulia Vicente, Luis Yang... 
Démoslles a benvida!

6/10/14

De libros e filmes

 
A esmorga, acaba de ser levada ao cine (de novo). Anteriormente, a novela de Eduardo Blanco Amor, fora adaptada en 1977 polo director asturiano Gonzalo Suárez baixo o título de Parranda con José Sacristán, Antonio Ferrandis e José Luis Gómez como protagonistas do filme. Esta vez, faise da man do galego Ignacio Vilar, rodada integramente na provincia de Ourense, en escenarios emblemáticos da novela con actores como Karra Elejalde, Miguel de Lira e Antonio Durán "Morris" e producida por Vía Láctea Films e Editorial Galaxia.
A estrea terá lugar en Ourense, no festival OUFF coincidindo coas celebracións do 35 aniversario do pasamento de Blanco Amor.

3/10/14

Unha web para difundir a música galega



Galician Tunes é unha web a través da que se difunde a música galega. O seu catálogo, que tamén dá acceso a 410 vídeos musicais e a información sobre 325 discos, permanece aberto á incorporación de novas bandas, artistas, empresas e festivais galegos.
Desenvolvida a través da Agadic e en colaboración con AGEM e Músicos ao Vivo, busca converterse nunha ferramenta útil cara a unha maior visibilidade social e proxección da industria musical galega baixo esta marca común.
Así se conta no portal

1/10/14

Teatro por un tubo (ou mellor, sobre os escenarios)

As laranxas máis laranxas de todas as laranxas pasou a ser a primeira peza teatral destinada ao público infantil posta en escena polo Centro Dramático Galego. Esa vella arela que un día reivindicara publicamente Cándido Pazó no nome de todos os mediadores da literatura infantil e de toda a rapazada deste país levouse a cabohai máis dunha década.
A obra que fora o primeiro premio do certame de teatro O Facho pasou a ser tamén a primeira obra representada polo CDG. Carlos Casares, o seu autor ben o merecía. O elenco, a posta en escena, a escolla da dirección (o portugués José Martíns), a música e todo o que xirou arredor desta obra constituiu unha aposta ilusionante. Agora, volve as táboas co CDG e Jose Caldas. Os nenos e as nenas non son sempre os mesmos e poderán espertar á ilusión e á cretividade das mans desta peza.
Esta é a guía didáctica.

29/9/14

GALICREQUES. Festival Internacional de Títeres en Santiago

Levan anos organizando esta cita anual e xa van pola décimo novena edición (Festival Internacional de Títeres Galicreques) e facéndoo cunha calidade digna dunha resposta realmente contundente.
É a xente de Cachirulo, un par de promotores culturais e teatrais que chegados de lonxe adoptaron o noso idioma e fixeron de Galicia a súa casa. Así a coidan!
Agora, baixo o paraugas da Asociación Barriga Verde presentan o programa deste festival 2014 para levar a cabo en distintos espazos de Santiago (Teatro Principal, Zona “C”, o SGAE-Fundación Autor, ademais das prazas de San Martiño Pinario, Toural e Praterías, Praza Roxa, Paseo Central da Alameda e A Regadeira de Adela) entre o 27 de setembro e o 5 de outubro coa participación de 21 compañías galegas e de fóra de Galicia. Nesta ocasión presenta un ciclo dedicado ao autor Julio Cortázar, ademais de 65 representacións de 28 espectáculos para todos os públicos, obradoiros e exposicións arredor do mundo das marionetas.
Representacións para pequenos e grandes.
Non as perdades!!!!!!!!!!!!!!!!!!
Aquí podemos acceder ao programa.

24/9/14

O libro e os días: "Venres nas librarías"

Acaba de presentarse esta campaña de promoción do libro por parte da Federación de librarías de Galicia e a Asociación Galega de Editores. "Venres nas librarías" será un encontro cos libros e os seus autores na tarde dos venres.
Nalgúns países tense reivindicado o venres cultural, nalgunhas vilas tense levado a cabo durante un tempo, agora as librarías convidarannos ao encontro nesas tardes dos meses de outono. Unha boa alternativa para saír da casa e volver cun libro na man para facer máis rico o fin de semana.
Parabéns pola iniciativa e aporoveitemos esta nova oportunidade. Tamén os pequenos e as pequenas da casa están convidados.
Aquí está o programa.

22/9/14

Finalistas XI premio literario Frei Martín Sarmiento

 Xa se fixeron públicos os finalistas do XI premio literario Frei Martín Sarmiento. A característica principal deste premio é que son os propios alumnos de varios centros os que escollen as obras gañadoras, divididas envarias categorías, según rangos de idade.
1ª categoría: 1º e 2º de Educación Primaria

2ª categoría: 3º e 4º de Educación Primaria

3ª categoría: 5º e 6º de Educación Primaria
Os Sabuxos entran na casa co pé esquerdo de Jaureguizar.

4ª categoría: 1º e 2º de ESO

5ª categoría: 3º e 4º de ESO

18/9/14

Os "hit parade" do libro galego

                                                                                 Imaxe de Alicia Martín
Ramón Nicolás acolle no seu blogue "Caderno do crítica" unha sección que recibe o nome de "Taboleiro do libro galego" onde por categorías (Narrativa, Poesía, Ensaio-Teatro, Literatura Infantil e Xuvenil, Banda Deseñada e mais Álbum Ilustrado) imos poñéndonos ao día dos máis vendidos en determinadas librarías do país, neste caso trátase de trece:  Paz,  Trama, Suévia, Miranda,  Biblos,  Andel,  Cartabón, Aira das Letras,  Pedreira, Libros para soñar, Á lus do candil,  Casa do Libro (Vigo) e Lila de Lilith.

17/9/14

Literatura xuvenil galega en inglés

 

Será que necesitamos que outros lean e valoren a nosa literatura para crer que realmente ten calidade?
Pois ben, unha nova demostración para descridos!
A editorial Small Stations está a mostrar esta literatura en inglés. 
Títulos como Dragal, O pintor con sombreiro de malvas, Aire negro, A pomba e o degolado... aparecen nos fondos desta editora. Pódese entrar e ler ata un capítulo en inglés.
 É o mercado libre, sen subvencións nin trato de favor, sen discriminación positiva; o mercado en estado puro.
Jonathan Dunne é o responsable deste reto e forma parte dese grupo de estranxeiros que defenden o noso, moitas veces a pesar de nós mesmos. 


15/9/14

Sempre en Galiza

Desde Fervenzas literarias:
"O Consello da Cultura Galega e a editorial Galaxia acaban de publicar, co gallo do 70 aniversario da edición do Sempre en Galiza, unha aplicación coa obra cumio de Castelao para dispositivos Android, Tablets e dispositivos móbiles.
A aplicación Sempre en Galiza está estruturada en diferentes apartados. Os usuarios que se descarguen a app terán acceso tanto ao libro completo como a contidos complementarios, como estudos sobre o proceso de elaboración, o pensamento político de Castelao e as ideas lingüísticas realizados por Alfonso Mato, Henrique Monteagudo, Ramón Maíz e Xusto Beramendi; os cadernos manuscritos; material sobre Castelao, que inclúe unha biografía, unha fotogalería e un interesantísimo video gravado por Elixio González en Bos Aires a partir de 1940.
Sempre en Galiza supón unha das obras máis importantes sobre a identidade galega. Publicouse no ano 1944 en Arxentina, país onde se exiliou Castelao tras o alzamento militar. O libro inclúe artigos, ensaios, conferencias, discursos xunto a material pensado especificamente para a obra por parte do político e escritor rianxeiro."
Aquí, na páxina do Consello, está o enlace para a descarga.

11/9/14

Plataforma para o préstamo de libros nas bibliotecas públicas

O Ministerio acaba de presentar a plataforma eBiblio para o préstamo de libros en formato dixital. 
Co carnet da biblioteca pública e un dispositivo (libro electrónico, tablet, smartphone...) os usuarios terán acceso a un catálogo de 1.500 títulos, por medio dunhas 200.000 licencias, de forma que se poderá prestar unhas 28 veces cada libro e ao longo de 21 días. 
As categorías incluídas nestes fondos son: «Ficción para adultos», «Ciencia e Tecnoloxía», «Ciencias Sociais e Humanidades», «Saúde, Desenvolvemento Persoal, Lecer, Deporte...», «Ficción infantil e xuvenil», «Non ficción infantil e xuvenil» e «Audiolibros».
A partir deste momento serán as comunidades autónomas as que engadan as obras propias a esta colección.

9/9/14

As bibliotecas e os recursos


As bibliotecas municipais da Coruña dan acceso a unha wiki na que se recollen materiais dos que dispón esta rede en relación á temática LGTBq, e detrás das tipoloxías de cine, cómics, divulgación, literatura, música e recursos de interese.
Así a presentan:
"Os fondos das bibliotecas son (e deben ser) un fiel reflexo da sociedade e moi especialmente das comunidades ás que prestan servizo de proximidade.
Como bibliotecas, e como bibliotecarixs, debemos ser partícipes, e mesmo impulsorxs, dos procesos de erradicación de toda manifestación excluínte, optando sempre por unha vía integradora da diversidade.
Calquera persoa que se achegue a unha biblioteca pública buscando información sobre o feito homosexual, bisexual e transexual require de nós unha resposta eficiente. Esta resposta debe traducirse nunha integración total de materiais que toquen a temática LGTB nas nosas estanterías e, ademais, no ciberespazo."


8/9/14

Libros con memoria

 
Cos ollos do avó, de Concha Blanco, fala da transmisión da memoria ás xeracións máis novas, desa relación sempre rica entre avós e netos e de espazos asulagados. Como nas vellas lendas das cidades submarinas, a permanencia e riqueza das relacións entre maiores e menores... para ler, mirar e pensar!

Publicado pola ferrolá editora Embora, está ilustrado por Xosé Tomás

5/9/14

A literatura galega en inglés

O portal web Portico of Galician Literature, que foi posto en marcha en 2012, ofrece un breve percorrido pola historia de Galicia e da súa literatura. 
O obxectivo desta iniciativa é promover a proxección internacional das letras galegas a través da rede. Está   promovida pola Secretaría Xeral de Cultura e pretende converterse nun referente da literatura galega para o ámbito anglófono e, en xeral, para a proxección internacional das letras galegas.
promover a proxección internacional das letras galegas a través da rede.  
Ademais da información sobre os escritores, das sinopses e da tradución dalgúns fragmentos, o portal tamén serve de escaparate para a difusión de títulos da literatura galega publicados en inglés, entre os que se inclúen ‘Merlín e familia’, de Álvaro Cunqueiro; ‘A lingua das bolboretas’ e ‘O lapis do carpinteiro’, de Manuel Rivas; ‘Memorias dun neno labrego’, de Xosé Neira Vilas; ou ‘Bestiario dos descontentos’, de Miguel Anxo Murado.
En 2013, o portal exterior da literatura galega integrou fragmentos de obras de novos escritores, engadindo ao catálogo extractos textuais de Suso de Toro, Xavier Alcalá, Teresa Moure ou Antón Riveiro. Marilar Aleixandre, Fina Casalderrey, Agustín Fernández Paz, Miguel-Anxo Murado, Anxo Rei Ballesteros e Manuel Rivas completan a relación de autores deste portal das letras galegas en inglés.
No 2014, incorpóranse ‘Dime algo sucio’, ‘Ámote Leo A. Destino Xalundes’, ‘Dragal I: A herdanza do dragón’, ‘Papaventos’ e ‘Así nacen as baleas’, a través dunha breve sinopse en inglés de cada obra e mais dunha mostra de 40 páxinas traducidas a esta lingua de cada unha delas.
Así se conta no portal educativo

4/9/14

Libros que ensinan... a camiñar

Manual do bo paseante, subtitulado "Descrición en vinte puntos" do escritor catalán Raimon Juventeny, traducido por Xosé Ballesteros e publicado por Factoría K


Un libro que ha de relacionarse co movemento slow,  porque é Carl Honoré, un dos teóricos desta filosofía e autor do libro Eloxio da lentitude quen o prologa pero tamén porque se presenta como "unha panorámica do devandito movemento aplicado a algo tan próximo e familiar como é o paseo, operativa tanto para recuperar ese pracer no caso que se teña perdido como para convencer, a quen non o practica, dos seus inestimables beneficios. 
Unha proposta articulada en vinte secuencias que ofrece unha sinxela terapia para combater présas e urxencias, se cadra para ver as cousas dun xeito diferente, e ofrecida nun soporte ben atractivo para todas as idades."
Este tempo aínda é unha boa época para a práctica, así que leamos para camiñar.

3/9/14

De libros e exposicións (II)


Tamén, en Santiago, neste caso na Casa do Cabido, a un paso do Museo das Peregrinacións pode visitarse a exposición "Santiago cidade ilustrada".   
O Consorcio de Santiago e El Patito Editorial organizan esta mostra que reflicte, a través de máis de 60 debuxos e ilustracións, o protagonismo que a cidade compostelá foi adquirindo na literatura infantil e xuvenil, nos cadernos de viaxe e nos cómics nos últimos anos. Son obras de autores nacionais e internacionais, cunha sección dedicada aos debuxantes norteamericamos que nas súas historietas incorporaron imaxes de Santiago.

2/9/14

De libros e exposicións (I)

Ata o 31 de decembro pode visitarse no Museo das Peregrinacións (Santiago de Compostela) unha exposición antolóxica de Miguelanxo Prado. Lembremos que o último recoñecemento que recibiu, este creador, foi o Premio Nacional de Banda Diseñada.
"A exposición reúne 59 obras orixinais de toda a carreira de Miguelanxo Prado.  Divídese en dúas partes. A sala grande do museo está dedicada ao mar, unha constante na traxectoria do artista e nela poden verse obras de De Profundis, Ardalén, Trazo de Tiza, xunto con distintas ilustracións que teñen en común esta temática. Nesta mesma sala móstranse ilustracións da cidade de Santiago de Compostela, pola que Prado sente unha especial debilidade. Ademais, en tres vitrinas recóllese unha selección das súas obras en distintas linguas, xa que é un dos autores galegos máis traducidos, ata a 17 idiomas.
Noutra sala pódese ver un compendio dos seus primeiros traballos no mundo do cómic e ilustracións que ten realizado para outros escritores galegos e de fóra. Neste espazo tamén se lle rende unha pequena homenaxe ao Xabarín, que Miguelanxo Pradou creou nos noventa. E proxéctase Os Vixilantes do Camiño, a serie de animación en 2D que produciu para a Televisión de Galicia en 1999, inspirada no Camiño de Santiago e que protagonizan os personaxes do Xabarín Club."
Así se recolle na páxina do concello.


1/9/14

Libros traducidos. Culturas en contacto.

A casa de Mango Street de Sandra Cisneros, traducido por Alicia Meléndez e publicado por Sushi Books
Sandra Cisneros, é unha escritora moi representativa dunha literatura/cultura como a chicana, marcada pola mestura de dous mundos, o da orixe sureña e o de residencia no norte. Neste libro móstranos, desde a perspectiva dunha adolescente, as claves dun universo contado dunha maneira especial e que mostra a discriminación exercida cara a un colectivo, un xénero, unha clase social e unha identidade.