30/10/14

Novidades que son clásicos




É Kalandraka que continúa a publicar os clásicos da literatura infantil.

Nesta ocasión, trátase de Unha feliz catástrofe unha das obras de Adela Turín e Nella Bosnia que hai un tempo xa apareceran da man de Esther Tusquets na colección "A favor de las niñas" centrada na coeducación e a igualdade. Porque segue a ser necesario continuar nesta labor, e porque necesitamos destes materiais de calidade en galego, aquí está esta nova entrega que continúa a estela de Artur e Clementina, A historia dos bonobos con lentes...

Que sorte tivo a familia Rato o día no que o seu tobo se inundou! A partir daquela cambiaron os roles, o pai fachendoso e contador de inventadas aventuras nas que el era sempre protagonista, vai aprender a facer a sopa para a noite, a nai acompañará aos fillos nunha aventura diaria que é educativa e divertida, e os pequenos ratos serán felices nun mundo máis igualitario... Agora chega ao antigo tobo unha nova familia convencional, a Roedor, tal como eran os Rato, pero é posible que algún día volvan a sufrir outra feliz catástrofe... haberá que agardar.

Onde está o meu zapato? de Tomi Ungerer, é outro destes libros de referencia que son imprescindibles en cada lingua. Entre "Un, dous, tres, perdín o zapato outra vez" e "Catro, cinco, seis, o zapato za atopei" vemos unha serie de láminas nas que diferentes modelos de zapato forman parte das figuras en insólitas posicións. Liñas mínimas e cores planas sitúannos ante o reto de buscar zapatos igual que noutras ocasión temos buscado a Willy. ¡Un verdadeiro exercicio de agudeza visual nunha ilustración de camuflaxe!

No hay comentarios: