BIBLIOUTUBRO
Velaí un bibliomés deste biblioano.
Velaí un tempo biblio para espazos
cheos de libros (que é dicir tamén bibliotecas). Por iso nelas, nas
bibliotecas, desde as lectoras e os lectores, conxúganse os espazos e os tempos
no facer primoroso da lectura. Ler, polo tanto, dinamizarase en xerundio e así
tamén nese modo e ser farase cos verbos amar, querer, pensar, vivir e tantos
outros propios de ser quen somos en mundo noso de Lingua(s) e de Cultura(s).
Outubro celébrase, sinálase, como o mes
da biblioteca e así en especial o día vinte e catro con maior acento, acerto e
intensidade, sen que por iso facelo xa dea desculpa (licenza) a non facelo ata o
día vinte e catro do ano que vén. Os días da biblioteca, xa que logo, serano
todos os do ano enteiro en pleno amor libre á lectura e aos soportes (libros en
especial) que a facilitan e a estimulan, mediando nese exercicio do pensamento
tan propio, persoal, como auténtico, que nos define e determina como lectoras e
como lectores.
Ler é un facer afirmativo de liberdade,
porque apetece, porque nos engaiolaron na animación a facelo, porque temos
argumentos e así nos peta e dá a gana.
Ler, libro, lectura, levan consigo
esencialmente (do contraio é outra cousa) o desexo libre de facelo. Esa
frescura onde gozar de literatura vivible, viva e activada, posta en Lingua e
Cultura propia (galega pois) e integrada
coas outras moitas Linguas e Culturas dos demais Pobos nas que queiramos ler e
disfrutar.
A lectura farase alí onde nos sintamos
ben.
Buscaranse os soportes de ler alí onde
nos sintamos ben.
Pois así tamén será na biblioteca onde
nos sintamos ben. Probemos e comprobemos.
Biblioteca IES As Mariñas
No hay comentarios:
Publicar un comentario