14/5/13

PREMIO COMPOSTELA DE ÁLBUM ILUSTRADO


O VI Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado convocado polo concello de Santiago e a editorial Kalandraka recaeu na arxentina Mariana Ruiz Johnson (Buenos Aires, 1984).
A obra presentouse co título Mamá. Dela, o xurado destacou "a vitalidade, a forza e o manexo da cor dun libro que traballa un tema universal e especialmente próximo ao mundo da infancia", así como "o pequeno e logrado homenaxe que realiza a autora a grandes figuras da historia da pintura".
O xurado destacou tamén con mencións especiais os traballos Panda, de Marcos Guardiola Martín e mais Un día calquera, de Cristina Martín Recaséns.
Nesta convocatoria, foron 374 os traballos presentados, procedentes de 21 países, o que fala da repercusión deste galardón.  
Agardamos a súa publicación "como auga de maio"

13/5/13

Coleccións de Literatura Infantil (2)


¡A IGUALDADE tamén CONTA!
"A igualdade conta" é o nome da colección de libros destinados á infancia, que xira arredor do tema da igualdade entre homes e mulleres, e que está a publicar Edicións Embora.
Varios títulos están xa nas librarías: O País dos mandónsA urna dos desexosO segredo de Flora, Iriña bailarina, Teño dúas casas e Canto te quero, profe! Os textos son de Cristina Justo e Paloma Rodríguez e as ilustracións de Spela Trobec.
Libros escritos para que a rapazada se identifique con determinados roles, que non son os tradicionais. Libros escritos para que o profesorado e as familias teñan máis doado o tratamento dos temas da igualdade entre os sexos.
Libros escritos con ese propósito de normalizar situacións, de botar abaixo estereotipos e de situarnos ante un novo imaxinario que se debe facer realidade.





10/5/13

Novas coleccións de Literatura Infantil Galega



Hércules Edicións entra no mundo da literatura infantil e xuvenil, a través de dúas coleccións: "As Amizades de Hércules" e "Os Imperdibles de Hércules", que se publican simultaneamente en galego e castelán. Desta maneira, a editora recupera o seu nome para xunguilo a esta literatura, na que este personaxe mitolóxico sempre tivo un papel destacado.
"As amizades de Hércules" promete recoller biografías noveladas de personaxes recoñecidos polo seu prestixio en distintos ámbitos culturais (literatos, pintores, escultores, cineastas, arquitectos, músicos…) para achegalos aos lectores. Comeza coa historia do propio Hércules, que baixo o título Hércules e a máquina do tempo, preséntanos o medio co que este heroe planea viaxar por outras épocas e lugares para coñecer personaxes aos que presentará nas diferentes obras. Na primeira delas, Hércules visita a Álvaro Cunqueiro, podemos ver o traballo de Clara Arranz e Matilde María Varela Ben nos textos e  Kika Hernández nas ilustracións. Na segunda publicación, Hércules visitará a Ana Mª Matute.
A outra colección, "Os Imperdibles de Hércules”, ten como obxectivo recoller unha selección de obras da literatura universal, tanto en forma de adaptacións de clásicos, como de traducións. O primeiro dos títulos, O león e o pastor, parte dunha fábula de Fedro. O segundo, leva por título A Coroneliña. 









8/5/13

LIBROS QUE SON TESOUROS



Hai libros que son tesouros, por iso hai que recuperalos cando se descatalogan, como sucede con este que acaba de publicar Kalandraka, na súa colección Tras os montes.
Verdadeiros clásicos que han de pasar polas mans de toda a rapazada, por moitos anos que transcorran desde a primeira edición. Libros que non envellecen, como este de Imos buscar un tesouro de Janosh.
No subtítulo podemos ler “A historia de como oso pequeno e tigre pequeno buscan a mellor cousa do mundo”. Estes dous animais que xa forman parte do noso imaxinario, volven a visitarnos. Lemos os textos e observamos as ilustracións nas que cada vez descubrimos máis personaxes e máis historias que acompañan a principal e que tamén tratan da amizade, dos avatares da vida, da simpleza da felicidade cando tes alguén con quen compartir os días e os empeños, os golpes de boa e mala sorte, os obstáculos e a aprendizaxe do esencial...
Para non esquecer nunca aquela ensinanza “lonxe nunca é onde un está!”. E para seguir lendo os outros libros destes dous amigos: Correo para Tigre Que bonito é Panamá!

7/5/13

Producións TORRE BRANCA e PACO NOGUEIRAS




Todo un luxo!
Paco Nogueiras semella coñecer moi ben o mundo da escola, das celebracións cíclicas e cívicas, das necesidades que sentimos e dálle resposta. E ben que o fai! Na súa páxina aparece "A través das nosas cancións atoparás unha alternativa para traballar cos nen@s"
Da súa man paseamos por Meu mundo é, facemos as paradas correspondentes á festa de outono no Rap do magosto e No samaín,  á de Nadal con O apalpador,  á da paz con Apertas que voan, á do Antroido con O Antroiteiro e O Antroido move o corpo, ás de abril con Nun libro, ás das Letras con ese Espírito Vidal Bolaño que tanto agradecemos. Quedounos atrás Cos pés na Terra, unha chiscadela ao medio ambiente?
Escoitámolo e temos ganas de bailalo, si, con ganas e toda a alegría que merecemos e nos piden as festas.

6/5/13

Agasallos para adultos


Se houbera que agasallar ao pai, á nai, ao avó ou a avoa...  con algo que sabemos que lle vai gustar,  no día de (...), este podería ser un bo libro:
Cando sexades pequenos, co subtítulo “Conto para contarlles aos maiores antes de durmir”. Texto de Uxue Alberdi, ilustracións de Aitziber Akerreta e tradución de M. Rodríguez. Publicado por Kalandraka.
Dous mundos: o dos pequenos a toda cor e os dos maiores gris, a lapis.
Dúas maneiras de ver a realidade; neste caso, cóntannola os máis pequenos: está vista desde os seus ollos. Eles e elas, prométenlles un futuro divertido e libre a eses adultos que traballan, non teñen tempo, discuten, ... para cando cheguen a ser pequenos.
Atoparemos acertos tan interesantes como “Cando sexades pequenos, non veredes os telexornais, será a avoa quen vos conte como é o mundo” ou ese final “E ese gran día, cando sexades pequenos, aquí estaremos nós para coidarvos. Tranquilos! Se tedes fame darémosvos a teta, e se estades cansos, arrolarémosvos ata que adormezades”.
Un libro orixinal que nos fai lembrar aquel magnífico relato de Alejo Carpentier: Viaje a la semilla.

3/5/13

Segundas partes...


Acaba de aparecer, traducida directamente, do alemán ao galego, a segunda entrega da saga de Cornelia Funke (e Lionel Wigram): Reckless. Vida nas sombras.
A tradución é de Mª Xesús Bello Riva, e a editora é -de novo- Xerais, acompañando ao texto as ilustracións da mesma autora. Unha edición moi coidada, coa letra e o deseño que anima a ler, e a seguir facéndoo nas seguintes ocasións que a creadora nos reserve.
Continúa a historia de Jacob, pagando pola vida do seu irmán Will, na busca do pai nesa terra do outro lado do espello, sempre na compañía de Fox -a muller raposa- e á busca de tesouros (¿que outra cousa pode facer un cazatesouros?). Tesouros que ás veces son... a propia vida.
Un fragmento para facer boca e lembrarnos a riqueza dos contos clásicos que van e veñen ao longo da historia, a modo de mitos revisitados:
“Había tres anos que a emperatriz lle pedira a Jacob que buscase o Barabazul que levara unha das súas doncelas. Donnersmarck quixo ser o seu acompañante militar. A moza era a súa irmá. Atopárona nun castelo baleiro xunto a outras sete mozas, todas mortas, coma ela. O Asasino xa marchara. Buscárono durante meses e finalmente fíxoos caer nunha trampa da saíron con dificultade e, logo, perderon toda pista. Anos máis tarde, faleceu pacificamente na súa cama, rico e respectado, despois de asasinar seis mozas máis.
Os Barbazuis saían a cazar perfectamente afeitados para que a barba azul que lles daba nome non os delatase. Disque había unha ducia deles, pero Chanute xuraba que eran centos. Contábase que todos tiñan un antepasado común, un home de sangue negro e barba azul e negra que atopara o xeito de se realimentar do medo dos demais e con iso vivir eternamente. Os Barbazuis non mataban ata que se consumía ese medo.”
O primeiro, levara o título "Carne de pedra"

2/5/13

TEATRO PARA TODO O ANO. RECURSOS


Pode que sexa o momento de buscar os libros de teatro, todos eles, facer unha exposición e animar a lelo. Un préstamo rápido, unha lectura case de pé, unha escolla ao paso e falar de teatro. falar de se gusta ou non lelo, de se gustaría máis lelo en voz alta dándolle voz individualizada a cada un dos personaxes. Por iso, igual o primeiro é darlles a oporunidade de ler varios, de que cada un escolla o que máis lle gusta para facer unha lectura dramatizada co seu grupiño, que o discuta co resto do equipo, que escollan o mellor despois de escoitar as propostas de cada un, de facer presente o TEATRO. Incluso se podería representar a obra que teña máis votos das lidas en voz alta. É o momento de xogar ao teatro.  
Poucas actividades son tan divertidas!
Para iso, volvemos a lembrar editoras que o publican...
Biblioteca de Literatura Infantil e Xuvenil BLIX
Premios de teatro:
Editorial Galaxia, na súa colección Árbore
...
(Ide engadindo os que faltan nos comentarios. Grazas!)
Engadimos un par de libros de autores que escriben arredor do teatro na escola:
Fina Casalderrey en Recursos teatrais para a expresión dramática na escola (7 pezas para representar)
Xosé Agrelo en O xogo dramático (de, con por, para nenos)
Deste mesmo autor, unha boa obra na BVG: O cartafol de Ruperto
A web de Norberto onde recolle obras para representar en infantil e primaria
E unhas propostas de Isabel Vázquez desde a biblioteca do CEIP de Quintela.


 

29/4/13

Premio de textos de contraportada


O gañador do I Premio "Muíño do Vento" de Textos de Contraportada foi a obra O mundo secreto de Basilius Hoffman: Un faro na escuridade do autor Fernando M. Cimadevila, publicado por Urco editora.
Pódese acceder á acta do xurado na páxina web da asociación Muíño do Vento de Canido.
O premio, que consiste nun cadro do pintor ferrolán Poldo Rapela, entregarallo o alumnado gañador do certame literario Inventa unha flor, convocado en centros educativos de Canido, nun acto músico-festivo que terá lugar na Praza do Cruceiro de Canido o vindeiro sábado 4 de maio, ás 12 horas. 
Parabéns, de novo, pola iniciativa!
Na contraportada pode lerse:
"Existe un lugar perdido no profundo da noite, unha  cidade secreta sen casas nin edificios, só tellados, azoteas, faiados e chemineas, bufardas, campanarios, torreóns... A Cidade dos Tellados non ten súas, só pontes e pasarelas, tubaxes e escaleiras que sortean o nebulosos mundo que existe baixo a súa superficie. Un segredo, tan antigo como o propio mundo, ocúltase tras ese labirindo insondable. pero para descubrilo, o profesor Basilius Hoffman e o seu sobriño Peter deberán enfrontarse á máis profunda escuridade, aquela que habita no noso interior."
E un pouco máis abaixo...
"Regresan as aventuras do profesor Basilius Hoffman: historiador e arqueólogo de mundos ocultos, cabaleiro a tempo parcial e truhán a xornada completa. Nesta ocasión a súa procura do lendario Diario do Cartógrafo levarao a descubrir novos e misteriosos lugares, asombrosos inventos alquímicos, inquietantes criaturas, e tamén a desenterrar escuros segredos que nunca deberían ver a luz"
 


O PRINCIPIÑO libre de dereitos de autor (para o 2014)


Para festexar o seu 70 cumpreanos, sae a última edición comercial d¨O Principiño.
No 2014 será liberado dos dereitos de autor para entregarse como un legado á humanidade; daquela tamén se inaugurará o museo dedicado a esta obra, na mansión do século XVIII, onde Antoine de Saint-Exupéry pasaba os veráns da súa infancia.
Esta obra, publicada por primeira vez o 6 de abril de 1943, foi traducida a máis de cento oitenta linguas, converténdose nunha das máis recoñecidas da literatura universal.
Un libro para os máis novos e os máis vellos, que admite moitas e variadas lecturas, que trata os temas que sempre serán que están presentes sexan cales sexas os tempos no que o lemos.
Unha das mellores traducións é a galega, realizada por Carlos Casares en 1972, e recoñecida internacionalmente.

 

26/4/13

Máis premios... os Martín Sarmiento


Os premios Frei Martín Sarmiento (IX Edición) deste ano, premian na categoría de 1º e 2º de ESO a obra Mortos de ningures (Everest Galicia), escrito a catro mans por Pereledi (Pere Tobaruela e Ledicia Costas) e ilustrado por Andrés Meixide.
Na categoría de Bacharelato resultou ganadora a obra de X. H. Rivadulla Corcón O noso amor será eterno (Xerais). Así o comenta o autor "Este premio debe considerarse para todos os muxiáns de ben, porque está escrito coa inspiración da lenda da Furna da Buserana, a lenda nacional dos muxiáns, e porque está tecido cos vimbios da cultura propia de Muxía, e por suposto de toda a Costa da Morte"
Os premios literarios Frei Martín Sarmiento, organizados pola Comisión de Normalización Lingüística de Escolas Católicas de FERE de Galicia, concedeselle ás mellores obras de literatura infantil e xuvenil escritas en galego e ten a singularidade de que os gañadores son elixidos a través do voto dos seus lectores finais (arredor de 2.500 nenas e nenos a través do seu centro).





25/4/13

Premio IRMANDADE DO LIBRO (IV)




Premio Irmandade de libro 2013, na modalidade de Obra editorial do ano 2012: Colección "Guías da natureza", de Baía Edicións.
Parabéns á editora, co noso agradecemento por poñer nas mans de tod@s unha serie de guías da natureza de Galicia, feitas desde Galicia, cos nosos expertos e cunha calidade indiscutible. Un paso adiante polo libro informativo galego, algo que sempre estamos a necesitar. Grazas por cada un deles:
...





24/4/13

Premio IRMANDADE DO LIBRO (III)


Premio Irmandade de libro 2013, na modalidade de libraría, recaeu en Kómic de Santiago.
Unha libraría especializada na banda deseñada, disposta a elaborar listados de calidade, axeitados ao tramo de idade que se lle pida.
Unha libraría que cumpre a súa función de lugar cultural.

23/4/13

23 de abril, día internacional do libro.


Con motivo do Día internacional do libro, Factoría K, publica a tradución (realizada por Carlos Acevedo) da novela de Mark Twain, Un ianqui na corte do Rei Artur.
Con ela, incorpórase, tamén, á colección, a tradución (neste caso, da man de Fernando Moreiras) de Pastoral americana de Philip Roth (premio Príncipe de Asturias das Letras en 2012 e ganador do Pulitzer en 1997). 
Con eles... a colección pasa da vintena de títulos.
Unha magnífica aposta a favor da lectura, que hoxe celebramos e agradecemos.

Porque ABRIL é ABRIL, mes do libro


Por iso, as editoras fan un esforzo por sacar á luz novos títulos co obxectivo de que cheguen ás mans da rapazada (Día Internacional do Libro Infantil) e dos maiores (Día Internacional do Libro), polo tanto, de TOD@S!
Agradecémolo e mostrámolo, sempre que é posible, como neste caso no que unha determinada editora pasa estas novidades nunha imaxe.

22/4/13

Premio IRMANDADE DO LIBRO (II)


O Premio Irmandade do Libro 2013, na modalidade de fomento da lectura, foi para Galicia encantada, a enciclopedia da fantasía popular galega. O recoñecemento foi concedido “en virtude da gran dinamización realizada a nivel social da tradición oral galega, por manter vivo o mundo mítico galego, contando cun amplo apoio bibliográfico, polos contidos continuamente actualizados, por converterse nunha fonte de referencia para os centros de ensino, por divulgar o patrimonio cultural galego, por servir de medio de recolección de diferentes historias, polo rigor e a capacidade de investigación, por ser precursora na sistematización da memoria mítica galega” (fonte: Galicia encantada, informa do xurado do premio Irmandade do Libro)
Un premio moi merecido que recolleu Antonio Reigosa, recopilador e autor de moitos libros dirixidos ao lectorado infantil e xuvenil (al,gún deles con Mirando e Cuba), como...
· A escola de Briador
· A flor da auga
· A noite dos pesadelos
· A raposa no galiñeiro
· Antoloxía do conto de tradición oral
· Arrepíos e outros medos
· Bacoriño
· Cando os animais falaban. Cen historias daquel tempo
· Contos colorados
· Contos de animais I
· Contos de animais II
· Contos de encantamento I
· Contos de encantamento II
· Contos de maxia I
· Contos de maxia II
· Contos de maxia III
· Contos de maxia IV
· Contos de medo no museo
· Contos de ogras, aventuras, baladas e piratas
· Contos de parvos e pillos I
· Contos de parvos e pillos II
· Contos fantásticos I
· Contos fantásticos II
· Contos marabillosos I
· Contos marabillosos II
· Contos marabillosos III
· Contos marabillosos IV
· Contos para levar no peto
· Contos prodixiosos, I
· Contos prodixiosos, II
. Diccionario dos seres míticos galegos
· Lu e Go pola muralla
· Máis contos de animais I
· Máis contos de animais II
· Memorias dun raposo
· O galo avisado e o raposo trampulleiro
·  Pequena mitoloxía de Galicia
·  Resalgario
. Trece noites, trece lúas. Libro das marabillas do Nadal



Premio IRMANDADE DO LIBRO



O Premio Irmandade do Libro, na súa modalidade de autor/a, recae este ano en María Xosé Queizán.
Felicitamos ao xurado por esta escolla, porque é, esta, unha autora a ter en conta desde moitos puntos de vista: narradora, poeta, ensaísta, tradutora; creadora e directora do teatro Popular Galego no Vigo de 1967; directora da revista "Festa da palabra silenciada"; directora da colección "As literatas".
Tamén desde a literatura infantil e xuvenil. Lembremos que dela é O segredo da pedra figueira, unha novela xuvenil publicada en 1986. Nela, toma como protagonistas as mulleres, cambia os seus roles e, sobre todo, mostra cal é o desexo das mulleres: ser donas de si mesmas, tomar as súas propias decisión fronte ao mundo e a tradición.
Unha escritora e unha feminista, quen dá máis?

19/4/13

BINOMIO FANTÁSTICO: mosca - tele


Gianni Rodari propoñíanos xuntar dúas palabras, que pouco tiveran que ver, e con elas realizar un texto. Neste caso, podería ser A verdadeira historia da mosca da tele
Coñecemos a súa autora por ser a presentadora da programa Zigzag Diario da TVG; polo tanto, se alguén sabe de moscas da tele... é ela, María Solar.
En primeira persoa, vainos contando a mosca a razón do seu título. Ela é unha mosca artista, especializada en molestar a presentadores e convidados no estudio. Sabe como facelo ata facerlles perder os nervos, ata que se vexa a mosca máis que o humano. É feliz, ¿quen non?, pero todo o bo acaba e un día a tal mosca buscando esas procalladas das que tanto gusta ponse a chucahr no sudor dunha calva na que cae un sombreiro que a aprisiona e a leva a un avión....
Non se conta máis, pero podemos asegurar que ninguén se vai aburrir, a prosa é axil e salpresada de humor, a historia orixinal. Hai que buscalo e ler. 
Da mesma autora, As meigas de Lupa, na colección Fóra de Xogo de Edicións Xerais de Galicia, unha novela xuvenil, situada en Santa Cruz de Rivadulla, que retoma a figura da raíña Lupa dos tempos castrexos relacionándoa co presente.   

18/4/13

SEGUNDA ENTREGA


Sen querer facer publicidade, pero si dar información, facémonos eco de que acaba de saír a segunda entrega das Obras completas de Roberto Vidal Bolaño.
Lembremos que no volume I se publicaron Integral, Animaliños, Anxeliños!, Criaturas, Rastros e Saxo tenor.

17/4/13

DE XOGOS

Estase a publicitar este novo libro de xogos, Tastarabás, enciclopedia de brinquedos tradicionais e uso lúdico da natureza.
Da presentación editorial:
"Froito de dez anos de traballo, velaquí temos Tastarabás. Enciclopedia de brinquedos tradicionais e uso lúdico da natureza. Nesta obra, Antón Cortizas, ao longo de máis de mil páxinas, ofrece un extenso catálogo dos brinquedos e enredos diversos que forman parte da nosa tradicional cultura lúdica. Máis de 2.500 fotografías acompañan os arredor de 1.000 brinquedos, enredos e mesmo brincadeiras efémeras que compoñen o volume, todos eles descritos de forma pormenorizada e completados con informacións sobre o seu uso, a dificultade de construción, as súas variantes, os lugares de recolla das informacións, anécdotas dos informantes relativas aos xoguetes descritos e tamén textos literarios ou doutra índole, nos cales un gran número de autores se refiren a eles. Velaquí un libro de divulgación que recompila nun só volume a meirande parte dos xoguetes tradicionais que formaron e forman parte da nosa cultura, clasificados en brinquedos do mundo animal, vexetal e inanimado, brinquedos de enxeño e habilidade, bonecas, brinquedos de desprazamento e transporte, arsenal infantil, brinquedos sonoros e xoguetes ou elementos para xogos regrados, entre outros".
Un libro que segue a estela daqueles primeiros Enredos de Xaquín Lorenzo.
Tastarabás é o nome dun brinquedo e instrumento musical, máis coñecido como carraca.

16/4/13

¡TEATRO, PURO TEATRO!


Unha data necesaria.
Unha celebración imprescindible, e máis neste ano, no que as Letras galegas se dedican a un dramaturgo, Roberto Vidal Bolaño.
O teatro, un xénero minorizado que debemos facer visible.
Teatro, xénero literario, pero non só, tamén representación, espectáculo. Teatro para ler e para ver. Para ler en silencio, para ler en voz alta con outros, para representar de mil maneiras diferentes, para declamar, para dicir... teatro para ser outros personaxes, para facer outras cousas, teatro para actuar.
Hoxe facémonos eco do manifesto de Darío Fo que recollemos da páxina dun grupo teatral, e tamén dun proxecto de traballo polas terras do Morrazo, arredor do Fondo Teatral María Casares. Ao longo de todo o ano, debemos facer o esforzo de mostrar teatro, porque é o xénero "cincento", porque este ano -por primeira vez- se homenaxea a un autor teatral polas Letras Galegas, porque se o libro de teatro ten pouca saída... o mundo do teatro está á baixa, así que, tod@s co TEATRO, o 27 de marzo, o 16 de abril e todos os días do ano... e dos anos.

15/4/13

ANUARIO IBEROAMERICANO SOBRE EL LIBRO INFANTIL Y JUVENIL


A páxina de S.M. acaba de facer público o seu último anuario, o do ano 2013. Ao seu lado, están os anteriores, desde a ano 2004.
En cada un deles, temos acceso aos comentarios que, ao respecto, van vertendo os especialistas en cada un dos ámbitos xeográficos. Entre eles, Galicia; primeiro realizados por Xosé Antonio Neira Cruz e actualmente Xavier Senín e Isabel Soto.
Unha desas publicacións a ter en conta para estar ao día do que se publica por estes lares. Outra imprescindible é a panorámica de Literatura infantil e xuvenil que cada outono realiza a revista CLIJ, neste caso, a produción galega é revisada pola experta María Jesús Fernández. 

14/4/13

Finalistas do I premio "Muíño do Vento" de Textos de Contraportada



Reunido o xurado do I Premio "Muíño do Vento" de Textos de Contraportada, acordou declarar como finalistas os textos das obras Bandeiras negras, de Ana María Galego Gen; O mundo secreto de Basilius Hoffman: Un faro na escuridade, de Fernando M. Cimadevila, e Verdedades, de Yolanda Castaño.
Cada un no seu xénero, para as sús idades, cos seus premios (de habelos) e aí, mostrando os seus textos de contraportada. É moita hora de lelos e gozalos, antes de saber quen vai acadar o premio.

12/4/13

As LETRAS nos ESCENARIOS (2)


Ao tempo que o CDG estrea Días sen gloria, a Aula de Teatro da Universidade da Coruña pon en escena A burla do galo (ou Vida e amores de don Esmeraldino da Cámara Mello de Lima, Vizconde de Ribeirinha e Galo de Portugal: o mito do don Juan ao modo galego, partindo de Cunqueiro con letra de Vidal Bolaño) dirixida polo Premio Nacional de Teatro a actor á ordes de Roberto, Rubén Ruibal.
A Aula de Teatro Universitario de Ourense estrea RVB 2013 e a Compañía de Teatro de USC-Lugo estreou en marzo a obra Animaliños, tamén deste autor baixo a dirección de Elena Seijo e Fina Calleja.
Por outra banda, tamén se debe ter en conta que as as compañías nas que RVB (Roberto Vidal Bolaño)centrou a súa actividade, estrearán as súas obras, de novo. Teatro Antroido presentará BailadELAS. Seis mulleres bolañesas (articula desde a ollada dos personaxes femininos a través de fragmentos de Laudamuco, señor de Ningures; Bailadela da morte ditosa; Saxo tenor; Días sen gloria; Rastros e Criaturas. Teatro do Aquí reporá Criaturas baixo a dirección de Evaristo Calvo e con algúns dos actores que a representaran no 2000. Teatro do Noroeste porá en escena a obra infantil Touporroutou da lúa e do sol.
Obras e representacións por Galicia adiante, para ler, ver e falar. Non perdamos a ocasión de entrar no teatro, nas bibliotecas, nas librarías... nos libros. 
Bibliotecas escolares de Galicia

11/4/13

As LETRAS nos ESCENARIOS (1)


A escolla de Roberto Vidal Bolaño, por parte da RAG (Real Academia Galega), para ser o autor ao que se lle dedican as Letras Galegas do 2013 non foi casual. Era a primeira vez que un dramaturgo tería ese honor. Ademais de dramaturgo, Roberto era un home de teatro a tempo completo: actor, director, creador de compañías...
De aí que o CDG decida poñer en marcha un programa especial para o ano RVB, que se pode ver no seguinte enlace.
Agora, estamos asistindo á estrea de Días sen gloria no teatro Principal de Santiago, unha obra que trata do camiño sen volta, das Fisterras e a marxinalidade, dos alectos e a súa falta. Días sen gloria é unha de indios, dos indios de tódolos oestes que sobreviven ou morren.

10/4/13

O PRINCIPIÑO acaba de cumprir anos


Chéganos a noticia desde a biblioteca Rosalía de Castro do IES Pazo da Mercé.
O 6 de abril fixo 70 anos que se publicara esta novela que tanto nos gusta a adultos e pequen@s.
Esta novela do escritor francés Antoine de Saint-Exupéry, está traducida a 180 linguas e a versión galega realizada por Carlos Casares é unha delas (con premio incluído).
A galipedia cóntanolo así:
"É un conto filosófico, moi poético que, baixo a aparencia dun conto infantil, aborda temas tan profundos como a vida e o amor, a morte, a amizade, as actitudes e as preocupacións da vida.
Nas conversacións entre o narrador e o principiño, o autor revela a súa propia visión sobre a estupidez da humanidade e a sinxela sabedoría que os adultos semellan esquecer cando medran.
A obra está igualmente ilustrada polo propio autor. Os seus debuxos, sinxelos e dun estilo se cadra algo infantil, son tan célebres como o libro mesmo."





9/4/13

JOSÉ LUIS SAMPEDRO


Un nome que sempre nos trouxo intelixencia e pensamento.
Un economista que sempre tivo presente que o mercado debería estar ao servizo da colectividade.
Uns libros para ler e... ler e... ler. Moito van ter que ler os clubs e moito botarán de menos esa referencia viva.
Un vello que nunca foi vello. Un home de idade que nunca debía morrer.
Un pensador que sempre nos fará falla.
Nin damas de ferro nin iconas da imaxe. Escritores que souberon envellecer... Se algunha vez a colectividade lle puxo o seu nome a unha rúa, cole, biblioteca, aula,... non terá que arrepentirse.
Autor de grandes novelas:
Autor de libros de economía
Economía humanista. Algo más que cifras.
Autor do prólogo da edición española de ¡Indignaos!