10/5/13

Novas coleccións de Literatura Infantil Galega



Hércules Edicións entra no mundo da literatura infantil e xuvenil, a través de dúas coleccións: "As Amizades de Hércules" e "Os Imperdibles de Hércules", que se publican simultaneamente en galego e castelán. Desta maneira, a editora recupera o seu nome para xunguilo a esta literatura, na que este personaxe mitolóxico sempre tivo un papel destacado.
"As amizades de Hércules" promete recoller biografías noveladas de personaxes recoñecidos polo seu prestixio en distintos ámbitos culturais (literatos, pintores, escultores, cineastas, arquitectos, músicos…) para achegalos aos lectores. Comeza coa historia do propio Hércules, que baixo o título Hércules e a máquina do tempo, preséntanos o medio co que este heroe planea viaxar por outras épocas e lugares para coñecer personaxes aos que presentará nas diferentes obras. Na primeira delas, Hércules visita a Álvaro Cunqueiro, podemos ver o traballo de Clara Arranz e Matilde María Varela Ben nos textos e  Kika Hernández nas ilustracións. Na segunda publicación, Hércules visitará a Ana Mª Matute.
A outra colección, "Os Imperdibles de Hércules”, ten como obxectivo recoller unha selección de obras da literatura universal, tanto en forma de adaptacións de clásicos, como de traducións. O primeiro dos títulos, O león e o pastor, parte dunha fábula de Fedro. O segundo, leva por título A Coroneliña. 









No hay comentarios: