28/6/13

Dúas traducións



Vinte relatos distribuídos a partes iguais entre as catro estacións do ano, protagonizados por Marcovaldo, un obreiro, pai de familia numerosa, que soña unha e outra vez con volver á natureza, sen conseguilo.
Deste autor e nesta mesma colección, tamén As cidades invisibles e O barón rampante
Sherlock Holmes, detective de Arthur Conan Doyle. Traducido por Gonzalo Navaza. Reúne cinco relatos protagonizados polo famoso detective inglés e o seu amigo, o doutor Watson.
Tensión narrativa, suspense en estado puro e humor británico.
Do mesmo autor e nesta colección, O can dos Baskerville.


27/6/13

Entre os mellores libros do 2013 (Banco do Libro)


A versión en castelán do álbum ilustrado Jack e a Morte, de Tim Bowley con ilustracións de Natalie Pudalov e editado pola pontevedresa OQO editora, recibiu unha Mención Honorífica nos premios "Los mejores libros para niños y jóvenes 2013", que outorga o Banco del Libro de Venezuela. Trátase dunha prestixiosa institución venezolana, sen fins de lucro, que investiga, experimenta, innova e divulga accións dirixidas a nenos e mozos para a súa formación como lectores.
Jack e a Morte é unha versión dun conto tradicional británico A morte atrapada nunha noz. Este álbum ofrece una reflexión necesaria, para o público infantil, sobre a morte, sen dramatismos e como algo natural e inherente á condición humana.
Os premios "Los Mejores Libros para Niños y Jóvenes" foron creados como un recoñecemento á calidade e variedade no mercado editorial das publicacións en castelán. OQO recunca de novo nestes premios xa que, no 2011, o Banco del Libro distinguiu a Caixa de cartón (Txabi Arnal e Hassan Amekan) como un dos mellores libros para nenos publicados en Hispanoamérica.


26/6/13

De... vacas


En primeira persoa a vaca vai contando e conta...
Cada capítulo comeza cun dito e remata coa historia dunha vaca exemplar (da vaca leiteira á outra vaca no millo, da vaca sagrada á vaca de Fisterra, da vaca esférica á vaca das vacinas e... así para diante).
Un xogo creativo, que se recrea na tradición e as referencias literarias, ao que acompañan as ilustracións magníficas e inconfundibles de Enjamio.

25/6/13

CINE e cultura


Recollemos dúas novas: por un lado a ameaza de peche dos cine Valle - Inclán en Santiago, que chega despois do peche total das salas de cine en Pontevedra, e por outro,  dunha que recolle o esquecemento do cine dentro das facetas creativas de Roberto Vidal Bolaño.
Da primeira recollemos a entradiña: "Non é ningunha sorpresa afirmar que Roberto Vidal Bolaño (1949-2002) sempre quixo ser un cineasta. De feito, foron razóns cronolóxicas as que o impediron. “Cando ía estudar cine pechou a escola en Madrid e el sabía que en Galicia iso era un imposible” asegura Roi Vidal Ponte, o seu fillo, que está a elaborar unha biografía sobre a súa figura. Pero era un home teimudo e, na medida que puido fixo a súa contribución ao audiovisual galego. Aínda que esa faceta é a menos recoñecida neste ano que se recupera a súa figura tras serlle dedicado o Día das Letras Galegas."
E da segunda, a tristeza dese peche o 30 de xuño deste 2013.





21/6/13

Contos populares


En adaptación de Pilar Martínez e ilustracións de Marco Somà, publicado na colección Os contos do Trasno de Kalandraka.
O conto popular, contado unha vez mais. Agora acompañado por unhas ilustracións en tons ocres, cheas de detalle, achegando información da que non se fala no texto, coma eses tres poliños que axudan á mamá galiña ao longo do relato.
O valor do traballo, si señor!
Magnífico resultado!

20/6/13

AUTISMO en versión cómic, cine e demais


María y yo, o cómic de Miguel Gallardo e María Gallardo.
O trailer da película, María y yo que, con posterioridade se realizou.
Unha presentación do propio Gallardo, sobre o autismo. Foi publicado pola Fundación Orange como parte da campaña para achegarlle o coñecemento do autismo á sociedade.
De todas esas maneiras podemos entrar nunha relación pai / filla e no autismo.


19/6/13

UN NOVO PREMIO PARA UNHA EDITORIAL GALEGA


O premio Llibreter 2013, que outorgan os libreiros cataláns recaeu no libro La niña de rojo con texto de Aaron Frisch e ilustracións de Roberto Innocenti, publicado por Kalandraka.
Unha nova versión do conto de Charles Perrault, considerada a máis brutal e actualizada (ao conseguir trasladar os arquetipos deste relato ao noso mundo).
“O feito de que o premio o concedan os libreiros cataláns, un dos gremios máis antigos a nivel estatal, cáusame unha grande emoción”, explicou Roberto Innocenti.
E a nós énchenos de fachenda saber que é Kalandraka, unha editora galega, quen recolle este galardón.
Quen pode seguir pensando que as editoras galegas non teñen calidade?
Que máis premios terán que recibir para ver recoñecido o seu valor? 
Mercar galego é mercar calidade, ou non?

17/6/13

LEME, aplicación con acceso a equipamentos e recursos culturais galegos, para móbiles



 O 18 de xuño, o Consello da Cultura, presenta LEME, unha aplicación gratuíta para móbiles, con acceso a equipamentos e recursos culturais galegos.
Así se nos conta desde a páxina do Consello da Cultura Galega:
"LEME nútrese dos contidos das bases de datos de información xeográfica do Consello da Cultura Galega, coma o Mapa de Equipamentos Culturais, os Roteiros da Cultura Galega e o proxecto As Escolas da Emigración. Desde teatros, auditorios ou galerías de arte ata castelos, castros ou espazos literarios.
LEME permite ao usuario facer turismo cultural a través de rutas guiadas seguindo o ronsel de destacados escritores do país, consultar espazos de celebración de eventos e mesmo explorar, anotar e compartir novos espazos culturais que o usuario considere relevantes.
LEME está programado para que terceiras entidades, sen coste algún, poidan incorporar tamén os seus espazos xeolocalizados á aplicación e crear un gran centro de recursos móbil sobre a cultura de Galicia."





Libros desde unha ONG


"Implicadas/os No Desenvolvemento é unha ONG galega de cooperación ao desenvolvemento fundada no ano 1998 e que basea o seu traballo na procura da igualdade de xénero como base para o desenvolvemento humano perdurable. Implicadas entende a pobreza como un problema político e polo tanto traballa na sensibilización e busca da participación da cidadanía galega, promovendo colaboracións co mundo da cultura, con asociacións feministas ou clubs deportivos, e tamén a través dos centros de educación galegos."
Os libros que promove e ofrece son os seguintes:
Norte/sur, xénero no centro. [Ensaio]
As que rubimos montañas. [Poesía]
Vanakkam/benvidas. [Poesía]


14/6/13

Portal das palabras

A Real Academia Galega presentou o Portal das palabras. Unha iniciativa que leva a cabo coa Fundación Barrié.
"Vídeos con explicacións sobre os significados das palabras, textos nos que os membros da Academia explican os seus termos favoritos, exemplos, xogos e recursos didácticos son só algúns dos recursos que están dispoñibles no Portal das Palabras" se nos di na presentación.
Esta proposta, inclúe tamén unha nova versión do dicionario en liña da RAG, incluíndo sistemas de busca avanzada, sinónimos e versións do mesmo para teléfonos móbiles.
Entremos...

13/6/13

COCIÑANDO CONTOS

Fotografía Libraría O Bichinho do Conto
Cociñando contos vaise chamar o próximo Salón do Libro de Pontevedra. Nunca tan axiña souberamos o seu lema... pero este tema lévanos tamén a un programa europeo no que, como no Salón, se xuntará cociña e literatura.
Este proxecto liderado pola eidtora OQO leva o título de Cociña de contos. Europa á carta.
A iniciativa conta coa colaboración da editora portuguesa O Bichinho do Conto e da polaca TAKO, ademais do Concello de Pontevedra. O proxecto, desenvolverase ata 2014, incluíndo a realización de obradoiros literarios, artísticos e gastronómicos en España, Portugal e Polonia.
Coincidirá, tamén, co vindeiro Salón do Libro de Pontevedra e co ciclo Sete Falares. 
Con este motivo, convocaranse os concursos europeos de ilustración e de narración oral.
O traballo premiado no certame de ilustración, centrado no conto popular A casiña e chocolate, amosarase nunha exposición itinerante e sairá editado nun libro acompañado dunha peza musical inspirada neste mesmo conto e interpretada pola Orquestra Filarmónica Cidade de Pontevedra. Canda a isto, no marco do programa organizaranse outras actividades que vencellarán letras e comidas, e porase en marcha o web europaalacarte.eu.
Paralelamente, , en colaboración co concello, realizarase un Concurso de Narración Oral para contacontos españois, protugueses e polacos. O conto ganador publicarase nas catro linguas e presentarase no Encontro Internacional de Contadores de Historias Sete Falares 2014.

12/6/13

Premio para o humor galego


Pinto & Chinto acaban de acadar o premio Mingote por unha das súas viñetas publicadas en La Voz de Galicia, acerca da crise.
Este premio concedido polo diario ABC ao humorismo gráfico, lémbranos esa maneira de facer xornalismo de opinión a través da combinación de debuxo e texto e baixo a óptica do humor.
Pinto e Chinto son unha parella de debuxante e escritor que teñen achegado á literatura infantil obras de moito interese como Minimaladas e Novas minimaladas, Contos para nenos que dormen deseguida, Nicomedes o pelón, O oficios de Chuquelo, Circo Rigatoni, A maceira que daba calquera cousa menos mazás, As estrambóticas viaxes de Gulliver...

11/6/13

Premio Merlín 2013


O premio Merlín 2013 foi entregado o pasado sábado, 8 de xuño, na illa de San Simón, a Antonio Manuel Fraga Allegue por O castañeiro de abril.
No seu ditame o xurado da 28ª edición do Premio Merlín de literatura infantil considera que O castañeiro de abril cumpre as tres condicións case máxicas que un lector ou lectora pode pode agardar dunha novela: lela dunha volta, atraída polo interese da súa trama; estar magnificamente escritas; e ser inesquecibles porque os seus personaxes quedan aboiando no seu maxín, querendo vivir alí por moito tempo. «O castañeiro de abril cumpre as tres. Porque conta unha fermosa e dura historia, porque bebe dunha tradición popular que se renova e se trae para o presente, e porque constrúe un galego traballado co cicel dos mellores canteiros e cunha forma de escrita persoal, que estamos certos que ha constituír unha das marcas recoñecíbeis do seu autor».
«Todos estes elementos habitan a historia, converténdoa nun vizoso souto. Mais de todos os castiñeiros lanzais que nela atopamos, sobresaen dous: o seu protagonista, Baltasar, un neno privado do sentido da vista, mais con outros sentidos, se cadra máis importantes para a vida, tremendamente desenvoltos: a empatía, a preocupación polos demais e o sentido de poder coñecer as persoas a través dos sentimentos. Un personaxe dos que non se esquecen, porque é dos que leva na fronte unha estrela e no bico un cantar».
«O outro castiñeiro milenario é a voz dun narrador acedo, irónico e algo trasno, inda que cun punto tenro. Nunha sociedade abafada polas invencións dos medios de comunicación, polo escurantismo dos comités de sabios, pola especulación urbanística, a mellor arma con que contamos é a peculiaridade da nosa propia voz, da nosa propia consciencia crítica, que unidos a outras tantas voces, farán fronte a iso que chaman a uniformidade de pensamento. E esta voz de narrador, partindo dun discurso politicamente incorrecto e tremendamente atractivo, vennos lembrar que pensando, enfrontándonos criticamente á realidade, seguimos estando no certo».
«O castañeiro de abril e unha historia que nos recorda que a literatura infantil, a mellor literatura infantil, é un texto literario destinado lectoras e lectores de 0 a 99 anos, unha enorme universo escrito que nos lembra que cómpre loitar co establecido: co establecido polos poderes públicos, polos medios de comunicación e mesmo polos adultos que algunha vez esqueceron que a compaña dun animal, un xoguete construído polas nosas propias mans, o sorriso da moza que nos gusta son máis importantes que as persoas que falan, pero non achegan nada, que o diñeiro que merca ese xoguete pero que non pode converternos nos seus artesáns e que os amores perfectos de cinema, mais que nunca serán os nosos».



10/6/13

Novo premio para unha editorial galega


Este é o recoñecemento que o Ministerio de Educación e Cultura lle outorgou en recoñecemento ao seu traballo coa obra Ocultos.
Esta obra conta con texto de Xulio Gutiérrez e ilustracións de Nicolás Fernández.
Neste caso, é a única presenza galega nunha listaxe na que o xurado valorou un total de 196 obras en cinco categorías.
Lembremos que esta editorial xa conta co "Premio nacional a la mejor labor editorial cultural 2012"
Recollemos a noticia vía biblioteca escolar do CEIP Doutor Suárez de Fornelo de Montes, da man de lg3 do Consello da Cultura Galega.
Falemos agora da obra:
Trátase dun libro informativo de gran formato no que se describen aqueles animais que se defenden tentando non ser vistos, é dicir, camuflándose.
Comeza coa árbore da vida e un esquema cos principais grupos do reino animal, para deterse en cada un deles: xaguar, o cazador nas sombras; lebre ártica, abrigo invisible; preguiceiro, xardín vivente; abetouro, unha xunca ao vento; camaleón, sinfonía de cores; serpefalsa coral, disfrazada de asesina; rafrecha, beleza mortal; solla, pel de area; peixe sapo, o peixe pescador; insecto pau e insecto folla, mestres da camuflaxe; bolboreta do bidueiro, adaptarse ou morrer; polbo, impostor inteliente...
Para finalizar, unhas pequenas fichas de cada un deles co nome en varios idiomas, datos de interese como lonxitude, peso, lonxevidade, alimentación... e curiosidades.
Un glosario resolverá as dúbidas que puideran xurdir ao longo da lectura.







7/6/13

A TODA MÁQUINA! Salón do libro en marcha


Pasou por Carballo e por Lugo... a toda máquina!
Diso se trataba o Salón do Libro de Pontevedra, e así vai.
Feiras e salóns nas diferentes cidades, visibilizando o libro infantil, e sobre todo promovendo a lectura.
Debemos estar atentas ás actividades que a fomentan, á presenza do libro nas mans, á experiencia do acto lector... sobre calquera outra na que non vexamos claramente a relación.
Non hai recursos nin tempo que perder cando se trata de promover o hábito e a competencia lectora. Todos e todas somos necesarias para educar nese valor á poboación infantil, de aí que nos alegremos de ver que vai a toda máquina a salón.

6/6/13

Crowdfunding en galego


Nestes tempos de crise económica, están aparecendo alternativas á edición tradicional de libros coma o movemento crowdfunding, denominación inglesa que ven a significar "crowd", multitude, e "funding", financiamento. Algo así como un micromecenazgo a modo de subscricións populares ou achegas cidadáns para colaborar na edición. Esta axuda publicítase e xestionase a través de internet
En Galicia, asistimos á publicación exitosa do álbum infantil O cullarapo Croque, de Miguel Ángel Alonso Diz e Luz Beloso, por parte de A Porta Verde do Sétimo Andar e está en marcha o novo libro de Miguel Ángel e Luz, titulado A nena á que non deixaban ser feliz; e o proxecto de banda deseñada Bóveda, un alegato pacifista contra a inxustiza, de Carlos Sardiña e Pitusa Arias.
A plataforma de crowdfunding onde teñen presentado o proxecto é Verkami.

5/6/13

De arte


Un conto de Francisco López  Barxas baseado na obra de Eugenio Granell, publicado por El Patito Editorial e Consorcio de Santiago, nunha magnífica edición.
Sobre fondos de cores fortes textos con caligrafía escolar.
Ao lado dos debuxos de Granell, a modo de trazos de xiz, vai aparecendo a representación da narración.
Nunha escola negra, o mestre pide que algún alumno debuxe un rectángulo, farao Granell e cando todos saian da clase pola porta, el atravesará ese rectángulo e a partir de aí vaise contando a súa propia historia dentro dunha fantasía creada a través do debuxo e a imaxe artística da Illa do Tesouro, un mundo propio.
O neno Eugenio, as afeccións á música e pintura, o paso pola guerra e o exilio nos países americanos que van enchendo o seu mundo de novas cores e seres míticos: paxaros – flor e novas selvas, novas tribos e criaturas monstruosas, o paxaro Pi, o mouro Muza, o Indio Tupinamba, o paxaro de lume e todos os soños da razón... ata debuxar un círculo que o devolverá á primeira infancia, a onde volve co cofre onde garda todos os tesouros que trae a Compostela. Unha viaxe de ida e volta, da infancia á vellez.
No final do libro aparece unha biografía de Granell e o listado das obras das que se foron extraídas as ilustracións. Un libro para entrar no mundo de Granell, nese que se garda no pazo de Bendaña, en Compostela.

4/6/13

Novidades


Nicomedes. O pelado de Pinto &Chinto en Maremar (Kalandraka) pero cun formato diferente, moi grande e “rectangularmente” case esaxerado, como un libro ao que agarrarse.
As ilustracións son na súa maioría planos medios e primeiros planos, porque se van centrar no pelo de Nicomedes (ou una súa falta). Porque Nicomedes comeza tendo unha fantástica cabeleira, que perde ao completo na segunda das páxinas, da aí para diante atenderemos a todo o seu empeño en recuperala mediante mil e un dispositivos: que si unha perruca que bota a perder un peiteador, un anaco de céspede co que acaba un balón de fútbol, serpentinas ás que se sube unha parella que gusta das festas, unha madeixa de lá que desanobela unha vella calcetadora, uns espaguetes que rematan na boca dun señor… todo isto faille desistir, pero daquela un piloto confunde a cabeza cunha pista de aterraxe… todo un problema que solucionará da mellor maneira; xa se verá a forma.
Un xogo de sen sentidos que poderemos continuar unha e outra vez, seguindo a estela destes dous creadores que non deixan de sorprendernos nunca.

3/6/13

DÍA DE...


1 DE XUÑO, DÍA DO NENO E DA NENA
Para lembrar que seguen a constituír un dos colectivos máis débiles e fráxiles nas situacións difíciles, como as que estamos a pasar.
Para lembrar que a cantidade de nenos e nenas que están no umbral da pobreza son cada día máis.
Para reflexionar sobre o noso papel ao respecto, porque a maior discriminación é a económica e social. Porque todos eses nenos e nenas con necesidades, sen cubrir, están nas nosas bibliotecas e escolas Sempre debemos telo presente.
Na imaxe desta entrada, aparecen recollidos libros dunha determinada editora, á que habería que engadir outros que vos coñecedes, e formarían parte desa selección xeral, que será un bo recurso a ter en conta na biblioteca escolar. 

30/5/13

De dragóns


Corazón de pedra de Agustín Fernández Paz con ilustracións de Federico Delicado, publicado por Oxford na colección A árbore da lectura.
Nesta novela nárrase a historia dunha nena moi interesada nos dragóns e do que sucede cando lle contan unha lenda na que semella intervir un deles. A Cova da Serpe e o Pozo Mouro son lugares relacionados con esa tradición, que corre de boa en boca, ata que unha rapaza a escoita, un escritor a segue, un pai debuxante a pon en imaxes...
Historias que se cruzan. A forza dos afectos ou da calor das caricias. O espello e os enigmas...
Federico Delicado complica o relato achegándolle complexidade, introducindo imaxes á beira da realidade, personificando casas ou ordenadores, introducindo corazóns chameantes no peito do escritor e intertextualizando realidade e imaxe de mil maneiras diferentes, xogando co surrealismo nas formas do revés ou os soños, inserindo seres misteriosos, transformando obxectos e animais cotiáns...

29/5/13

MATERIA DE BRETAÑA


Cando Artur non era rei. Costa Oeste. Editorial Galaxia
Xabier López López relata as aventuras do mozote Artur polos camiños. Neles vaise atopando con Lanzarote, Trim (o fillo vinculeiro dun labrego que por trouleiro ha de abandonar a casa) e Zeuxis, o fillo dun mercader xudeu. Cada un deles irá resolvendo as apostas e os problemas que xorden da mellor maneira, sempre baixo a óptica e calidades de cadaquén. Artur disfrazado e adoptando o papel de escudeiro de Lanzarote.
Volvemos á materia de Bretaña, ao rei Artur neste caso, ao tempo das súas mocidades... cando aínda non era rei.
Unha prosa coidada que nos leva a relatos vellos, a maneiras exquisitas.
No limiar, o autor confesa que o relato é bebedor de materiais orientais (persas, hindús e árabes) e da tradición grecolatina.
Un glosario recolle datos sobre os diferentes personaxes que aparecen na narración.
Un aperitivo para saborear a linguaxe:
“Disque pola estreita corredoira que cruza o bosque sagrado de Tinteol, abeirado de fentos, hedras e recendentes plantas de anís, camiñaba ensumido nos seus moitos pensamentos o mozo Artur, seguindo os curiosos ditados de Merlín Silvestre, disfrazado de vagabundo ou de mendigo. Que como é un disfrace de ...? Ben. Ao non haber demasiados acordos sobre este particular, conveñamos en que, con vestir unhas calzas cheas de remendos e un xibón sen máis adorno que as costuras, xa vai amañado medio asunto; se a iso sumamos a determinación de soltar a trenza”
O autor xa publicou Biff, Bang, Pow!  e A vella quenlla perde os dentes. Conta cos premios Lueiro Rey, Vicente Risco e o García Barros por A vida que nos mata, quedando finalista do Torrente Ballester con Trinta e dous dentes.

28/5/13

AMIZADE


Como un listado de enunciados que definen o que é a amizade, porque ser amigos é...”Sentirse iguais aínda que sexamos diferentes, non darlle importancia ao noso aspecto, apoiarse nos tempos difíciles, desexar que os bos momentos non acaben nunca, axudarse un ao outro, contarse segredos...”
Sobre un fondo plano de cor recórtanse as siluetas dos personaxes, aparecendo parellas de animais moi distintos que, a pesar da súa aparencia, poden relacionarse e ser amigos.
Cunha estética alegre e un tanto surreal, Arianna Papani xoga con ese mundo de emocións e sentimentos.
Hai tempo... había un libro portugués que levaba por título Un amigo, alguén o lembra?



27/5/13

De EVOLUCIÓN e fin de século


A evolución de Calpurnia Tate  é unha desas novelas que te enguedellan.
Ambientada a fins do XIX e no Estado de Texas, cóntanos en primeira persoa a vida dunha rapaza de once anos que asiste ao cambio de século. E tamén á mudanza que se está a producir na propia familia onde ela é a única muller entre sete irmáns. Por un lado están os primeiros amores (reais e platónicos dependendo da idade) dos irmáns máis vellos, por outro as expectativas da súa nai en relación a ela, pero no primeiro plano, faise presente o vínculo que nese semestre establece co avó.
Calpurnia oíra falar do libro A evolución das especies do Sr. Darwin e vaino buscar á biblioteca pública. Non o teñen, pero poderiano pedir a Austin ("Serían cincuenta centavos. Tes os cincuenta centavos?", pregunta a bibliotecaría. -E ademais precisaría unha carta da túa nai para leres ese libro en concreto"). Necesítao ler, porque ela é unha naturalista, unha observadora, unha pensadora que escoita as conversas dos seus maiores e así descobre a Darwin e o seu libro, que está nin máis nin menos que na biblioteca do avó; co libro descubrirao a el, e xuntos unha nova planta que o Instituto Smithoniano lles recoñece dándolle o seu apelido. Co avó busca especimes na natureza e realiza experimentos no laboratorio. Paralelamente, a nai loita por convertela nunha señorita do seu tempo, por introducila nun rol contra o que ela se rebela. Todo anda a cambiar... e nós asistimos a esa mutación das mans de Calpurnia, a través das súas emocións, e dos ambientes sureños tan recreados no boa literatura nortemamericana.
No comezo de cada un dos capítulos recóllese unha cita do libro de Darwin, achegando horizontes.  
Esta é a primeira e premiada novela de Jacqueline Kelly que se publicou por primeira vez en 1.999. As ilustracións de Beth White coa súa delicadeza e acerto acompañan moi ben o texto.
Unha boa aposta!

24/5/13

Máis títulos arredor de RVB


Entre os que acaban de saír á luz, debemos ter presentes un baixo o título Roberto Vidal Bolaño editado polo Servizo de publicacións da USC, coordinado por Anxo Tarrío e outro do Consello da Cultura Galega na que se edita un facsímil de Ruada das papas e o unto con texto introdutorio de Inma López Silva.
Desta maneira, vanse facendo realidade os estudos arredor do autor ao que se lle dedican as Letras, e tamén a duración do ano, que non remata en 17 de maio.

23/5/13

Xogos muxicais


Edicións O Cumio, presenta Xogos musicais de Luís Prego, despois dos seus Para cantar e bailar.
Esta editora, especializada en música presenta así o traballo:
"Este traballo pretende afondar un pouco máis nos xogos, recitados e cancións para os máis cativos da casa, converténdose deste xeito nun libro entregado por completo aos xogos musicais iniciáticos. O tratamento das cantigas e recitados que compoñen este libro foron escollidos con moito cariño para que sexan un bo material didáctico para os pais, non se centrando exclusivamente na faceta artística. As músicas son doadas de asimilar, e facilmente reproducibles por pais e nais que non sexan grandes intérpretes ou cantantes profesionais, e as súas letras repetitivas e, maiormente, con temáticas infantís teñen como único fin que poñades todo este material en práctica e a viva voz, sen necesidade de darlle ao “play”. Contén un CD con 38 cancións."



22/5/13

PREMIOS DA AELG

 
Na seguinte páxina tes toda a información ao respecto. 
Congratulámonos polo recoñecemento á obra de Ledicia Costas O corazón de Xúpiter (como ganadora na modalidade de literatura infantil e xuvenil) da que xa nos fixeramos eco nestas páxinas. Unha novela xuvenil, publicada por Xerais en Fóra de Xogo, sen final feliz nin nada semellante.
Ledicia Costas que comezara a súa carreira dentro desta colección (con Unha estrela no vento, 2000), volve a ela ao tempo que publica a dúas mans con Tobaruela (Mortos de ningures, premio Frei Martín Sarmiento) ou escribe poesía, Xardín de inverno, en Everest. 
Quen dixo que a literatura xuvenil non podía ser triste? 

21/5/13

PREMIOS definitivos FREI MARTÍN SARMIENTO



Da páxina lg3 do Consello da Cultura Galega.
"O IX premio literario Frei Martín Sarmiento, que escolle o alumnado dos centros agrupados na Comisión de Normalización Lingüística de Escolas Católicas, ten xa gañadores. A Festa da Lingua que se celebrou o pasado 8 de maio acolleu a entrega destes galardóns a Xosé Tomás e María Solar por Vou ter un irmán na categoría de 1º e 2º de Educación Primaria. Para os alumnos de 1º e 2º de ESO os mellor libro foi Mortos de ningures, de Ledicia Costas e Pere Tobaruela, mentres que para na categoría de 3º e 4º de ESO e mais bacharelato impúxose O noso amor será eterno de X. H.Rivadulla Corcón".




20/5/13

HAS DE CANTAR ... MENIÑA


Onte cumpríronse 150 anos da primeira edición do libro Cantares gallegos de Rosalía de Castro, e 50 da celebración do Día das Letras Galegas instaurado pola Real Academia Galega, unha data para conmemorar cada ano! En tal día, tamén Murguía estaba de cumpreanos.
Rosalía pequeniña é un libro disco.
Da man de editorial Galaxia, coa voz de Uxía Senlle, coa colaboración de Sés, Isaac Palacín, Habelas Hainas ou Magín Blanco e con Sergio Tannus a cargo da gravación e da dirección musical, 
Coas ilustracións de Marina Seoane

16/5/13

Un ano de TEATRO. LETRAS para LER e VER.





Teatro para ler e teatro representado.
Unha das artes máis completas, aquela que admite e precisa da música, das artes plásticas, moitas veces da danza, e sempre, do movemento no escenario...
Teatro representado. Estes días, o de Roberto Vidal Bolaño. Un autor ao que volvemos neste ano e que nestes momentos nos ofrece Días sen gloria polo CDG, Criaturas por Teatro do Aquí (a derradeira compañía do autor das Letras) e BailadELAS por Teatro Antroido (a primeira compañía).
Celebrar as Letras indo ao teatro, centrándonos na obra deste autor que nos achega ao texto escrfito como dramaturgo, pero tamén á representación teatral onde desenvolveu todos os oficios.
Unhas LETRAS para ler e ver, para asistir a ao teatro, un lugar de encontro coa cultura e as amizades, para tomar un café á saída e comentar a obra.    

15/5/13

Libros sobre ROBERTO VIDAL BOLAÑO


Cada editora vai sacando á luz a súa achega ao autor das Letras.
Comezaran as Obras completas da man de Positivas, unha editora disposta mostrar todas e cada unha das pezas.
Camilo Franco, segue con Dez obras na vida de Roberto Vidal Bolaño, un ensaio a modo de percorrido pola obra e a vida do autor, publicado por Biblos Clube de Lectores.
Laura Tato, da man de Toxosoutos, publica Roberto Vidal Bolaño. Unha vida para o teatro, na que a especialista na historia do teatro galego se aproxima a esta figura enmarcándoa no contexto do teatro galego da segunda mitade do século XX.
Da man da editorial Galaxia presentouse o libro DVD Un chapeu negro e un nariz de pallaso. Tras os pasos de Roberto Vidal Bolaño, de Montse Pena e Gonzalo Enríquez Veloso.
Edicións Xerais de Galicia publicou o obra do profesor, da Escola Superior de Arte Dramática, Roberto Pascual Rodríguez Roberto Vidal Bolaño e os oficios do teatro que se centra nos múltiples oficios propios do teatro e nos que Roberto traballou incansablemente, e no que destacamos unha pequena selección de fragmentos de pezas que poden servir para abrir boca. 
Roberto Vidal Bolaño e o xogo do teatro, escrito por Afonso Becerra de Becerreá, é  aposta de edicións Laiovento. Na mesma editorial podemos acceder a A obra dramática de Roberto Vidal Bolaño de Xosé Manuel Fernández Castro. 
Roberto Vidal Bolaño, escritor escénico: estudios críticos seguidos da comedia "Anxeliños". Da autoría de Carmen Becerra e Teresa Vilariño, publicado por Tris Tram, en 2002
A propósito de Roberto Vidal Bolaño: carteis de Fausto para Teatro do Aquí, publicado por El Patito Editorial.
E máis obras que irán aparecendo ao logno do ano en curso.