5/6/13

De arte


Un conto de Francisco López  Barxas baseado na obra de Eugenio Granell, publicado por El Patito Editorial e Consorcio de Santiago, nunha magnífica edición.
Sobre fondos de cores fortes textos con caligrafía escolar.
Ao lado dos debuxos de Granell, a modo de trazos de xiz, vai aparecendo a representación da narración.
Nunha escola negra, o mestre pide que algún alumno debuxe un rectángulo, farao Granell e cando todos saian da clase pola porta, el atravesará ese rectángulo e a partir de aí vaise contando a súa propia historia dentro dunha fantasía creada a través do debuxo e a imaxe artística da Illa do Tesouro, un mundo propio.
O neno Eugenio, as afeccións á música e pintura, o paso pola guerra e o exilio nos países americanos que van enchendo o seu mundo de novas cores e seres míticos: paxaros – flor e novas selvas, novas tribos e criaturas monstruosas, o paxaro Pi, o mouro Muza, o Indio Tupinamba, o paxaro de lume e todos os soños da razón... ata debuxar un círculo que o devolverá á primeira infancia, a onde volve co cofre onde garda todos os tesouros que trae a Compostela. Unha viaxe de ida e volta, da infancia á vellez.
No final do libro aparece unha biografía de Granell e o listado das obras das que se foron extraídas as ilustracións. Un libro para entrar no mundo de Granell, nese que se garda no pazo de Bendaña, en Compostela.

No hay comentarios: