11/6/13

Premio Merlín 2013


O premio Merlín 2013 foi entregado o pasado sábado, 8 de xuño, na illa de San Simón, a Antonio Manuel Fraga Allegue por O castañeiro de abril.
No seu ditame o xurado da 28ª edición do Premio Merlín de literatura infantil considera que O castañeiro de abril cumpre as tres condicións case máxicas que un lector ou lectora pode pode agardar dunha novela: lela dunha volta, atraída polo interese da súa trama; estar magnificamente escritas; e ser inesquecibles porque os seus personaxes quedan aboiando no seu maxín, querendo vivir alí por moito tempo. «O castañeiro de abril cumpre as tres. Porque conta unha fermosa e dura historia, porque bebe dunha tradición popular que se renova e se trae para o presente, e porque constrúe un galego traballado co cicel dos mellores canteiros e cunha forma de escrita persoal, que estamos certos que ha constituír unha das marcas recoñecíbeis do seu autor».
«Todos estes elementos habitan a historia, converténdoa nun vizoso souto. Mais de todos os castiñeiros lanzais que nela atopamos, sobresaen dous: o seu protagonista, Baltasar, un neno privado do sentido da vista, mais con outros sentidos, se cadra máis importantes para a vida, tremendamente desenvoltos: a empatía, a preocupación polos demais e o sentido de poder coñecer as persoas a través dos sentimentos. Un personaxe dos que non se esquecen, porque é dos que leva na fronte unha estrela e no bico un cantar».
«O outro castiñeiro milenario é a voz dun narrador acedo, irónico e algo trasno, inda que cun punto tenro. Nunha sociedade abafada polas invencións dos medios de comunicación, polo escurantismo dos comités de sabios, pola especulación urbanística, a mellor arma con que contamos é a peculiaridade da nosa propia voz, da nosa propia consciencia crítica, que unidos a outras tantas voces, farán fronte a iso que chaman a uniformidade de pensamento. E esta voz de narrador, partindo dun discurso politicamente incorrecto e tremendamente atractivo, vennos lembrar que pensando, enfrontándonos criticamente á realidade, seguimos estando no certo».
«O castañeiro de abril e unha historia que nos recorda que a literatura infantil, a mellor literatura infantil, é un texto literario destinado lectoras e lectores de 0 a 99 anos, unha enorme universo escrito que nos lembra que cómpre loitar co establecido: co establecido polos poderes públicos, polos medios de comunicación e mesmo polos adultos que algunha vez esqueceron que a compaña dun animal, un xoguete construído polas nosas propias mans, o sorriso da moza que nos gusta son máis importantes que as persoas que falan, pero non achegan nada, que o diñeiro que merca ese xoguete pero que non pode converternos nos seus artesáns e que os amores perfectos de cinema, mais que nunca serán os nosos».



No hay comentarios: