21/10/13

Novelas xuvenís: novidades

 
Estamos asistindo á presentación pública dun par de novelas xuvenís que, xa antes de ser lidas, nos espertan todos os sentidos. Estamos a falar das últimas obras de Marcos Calveiro e Rosa Aneiros: Todos somos e Ámote Leo A., ambas na colección Fóra de xogo.
Dous autores que nos teñen acostumados a boas obras. 
Autores premiados e grandes expectativas.

18/10/13

Con Brasil... en Fráncfurt

Video de presentación de Brasil na feira de Fránkfurt. Había que velo...

17/10/13

Premio Castelao de Banda Deseñada


Fran Bueno acaba de facerse co Premio Castelao de Banda Deseñada, na súa VIII edición, coa obra Catálogo oneroso de beleza gratuíta. Este autor é suficientemente coñecido entre nós polas súas colaboracións nas revistas Tótem, Frente Comixario, Elipse e BD Banda,  por publicacións como O máxico arrecendo. ou División azul. Ten unha liña de colaboración coa escritora Marilar Aleixandre que dará lugar a  con ¿De quen é a auga?, Parando a marea negra, Vivir no solo e O sabor das mazáns que son publicados polo Consello da Cultura Galega, e a serie Os Escachapedras que verá a luz na revista Golfiño.
En 2004 comeza a súa andaina internacional, en Francia con Sales coups sur Strombo (guión de Pierre Veys) na revista Lafeust (Soleil) e en Estados Unidos con Noble Causes (Image) con guión de Jay Faerber.

16/10/13

Rosalía e a música


 
No aniversario dun libro que recibe o nome de Cantares Gallegos, era de agardar diferentes versións nas que se pon música ás letras de Rosalía. Uns detrás doutros, non deixan de aparecer músicas para a poeta do Rexurdimento, ata o punto de que xa contamos cunha escolma de adaptacións musicais de Rosalía na web da Consellería de Cultura á que podemos acceder neste enlace.
O Consello da Cultura celebraba o pasado dezaseis de maio o concerto Aqueles doces cantares, que recollía trinta e seis pezas breves realizadas por compositores actuais a partir de versos da obra de Rosalía. Agora aparece a publicación do traballo que pode baixarse completo da páxina da institución.
Non é o último, a Xunta acaba de anunciar a publicación de Cantares gallegos. Músicas para o 150.º aniversario da súa publicación. Un volume que recupera, da man do tenor Joaquín Pixán e do pianista Alejandro Zabala unha escolma de obras creadas por diferentes compositores ao longo do século XX a partir de poemas desta obra, ás que se suma un novo tema composto por Octavio Vázquez. Andrés Gaos, Juan Durán ou Joaquín Rodrigo.

15/10/13

Mercado para a literatura galega


Estamos a asistir a un cambio de política en relación á exportación de literatura galega.
Seguindo a estela de Kalandraka e OQO, Espiral Maior ou El Patito Editorial, outras editoras galegas lánzanse a publicar directamente as traducións ao castelán. sen necesidade de vender os dereitos a editoriais foráneas. 
Na última deira Liber, Galaxia da man de Boa Music, lanzou a colección Sueños del Gatipedro, unha serie de libro-discos que achegan o traballo de músicos galegos ao público infantil en castelán. Magín Blanco e Mamacabra son os protagonistas desta estrea. A aposta cobra aínda máis importancia se temos en conta que en breve a editora prevé presentar Mar Maior. Galaxia busca atopar na rede de galegos no mundo a súa potencial clientela e base de difusión. Así, mercados como os de Sudamérica, México, España ou Portugal preséntanse como obxectivos preferentes con produtos como Os galegos e a Arxentina un ambicioso libro-álbum en grande formato que terá versións en galego e castelán. Canda a isto, editar para España os traballos en castelán de autores galegos como Cunqueiro ou Blanco Amor e traducir para este mercado obras doutros escritores e escritoras do país fan parte deste ambicioso proxecto.
Tamén Rinoceronte editoras, enfronta o mercado en castelán cunha liña infantil e outra para adultos. Así, en 2011 presentaba o selo Pulp Books centrado especificamente na edición de autores/as galegas en castelán e noutras linguas. Aí pódense atopar a tradución ao xaponés de A arte do fracaso de Berta Dávila ou a Diego Ameixeiras en italiano ou alemán, a Iolanda Zúñiga en catalán ou a Fran Alonso en castelán.
Recollido da páxina lg3 do Consello da Cultura Galega

14/10/13

Anthony Browne, entre nós


Grazas a Kalandraka, están chegando os libros de Anthony Browne á nosa lingua.
O ilustrador británico, ao que accedíamos a través das edicións de Fondo de Cultura Económica, faisenos agora máis próximo con títulos como No bosque, Sacapenas, O libro dos porcos, Que tal estás? ou Un gorila. Un libro para aprender a contar e Un paseo polo parque.
Neste último álbum, Un paseo polo parque, aparecen as notas de identidade do creador: a inclusión dos valores, a marabillosa construción da ilustración, os trazos surrealistas introducíndose na realidade para crear un ambiente onírico, un texto sintético pero pleno de significado...
Un paseo polo bosque preséntanos un momento da vida de dúas familias que levan a pasear o can polo parque. Un pai cunha filla e un can, unha nai cun fillo e un can. Moi distintos como tamén o son as casas das que parten, peor no parque coinciden. Comezan xogando entre si os cans, continúan achegándose os rapaces ata que el a agasalla a ela cunha flor... os pais están sentados un a cada lado do banco sen mirar sequera. Ignóranse. A incomunicación pálpase. Os adultos están demasiado distanciados e incapaces de mirarse ou falarse. Terían tanto que aprender dos  cans e dos nenos... 
A tradución da obra correu a cargo de Sandra e Óscar Senra Gómez.




 

11/10/13

Nova entrega da serie

Os Megatoxos chegan de novo ás librarías.
Unha nova entrega: Os Megatoxos e os Templarios da Luz, que é a reedición do terceiro da serie, cunha nova revisión e ampliación de textos antigos, engadindo páxinas que anteriormente non saíran á luz (e nunca tan a conto), tal como explica o seu autor, Anxo Fariña.
Ninfa, Faísca, Lúa e Ruxe, os nosos superheroes coa súa dobre vida (como corresponde ao seu estado) seguen a loitar contra o mal. Ese é o seu destino!
É ben certo que este tipo de produtos son moi necesarios, entre nós, aínda que nunca formen parte do itinerario lector do centro. 
Materiais que crean o hábito lector, libros que non caen da man, sen necesitar apoio de ningún adulto, libros que se deixan ler e que fidelizan ao lector porque lle resultan moi doados despois da primeira entrega. Polo tanto, libros que están á altura doutras traducións ou doutras linguas.
Tal vez esteamos necesitando uns Megatoxos que saian á defensa da lingua e a espallen polos camiños igual que se esparexe o toxo polos montes.

10/10/13

LUSOFONÍA NA FEIRA DE FRÁNKFURT



Hai uns días comentábao Xan López Facal en Nexos (Cidade da Cultura), "non é cuestión de pecharse nas dificultades senón de ver posibilidades por onde aparezan". E citaba esta!
Galego e portugués son idiomas que se entenden, linguas que se tocan, linguas que son francas; polo tanto, cando Brasil é o país invitado en Fránkfurt dalgunha maneira tamén o somos nós.
Así o conta a AGE:
"Brasil desembarca fachendoso en Fránkfurt, sabendo que protagoniza a feira do libro máis importante do mundo nun intre fundamental da súa historia, anos de recuperación identitaria, revolucións sociais, economía emerxente e moito, moito bagaxe de traballo intelixente para ser e estar  no mundo. Máis de sete mil stands e 170.000 profesionais están acreditados  na Feira do Libro de Fránfurt do ano 2013 (...)

A diversidade e a mestizaxe da súa cultura son as ideas centrais que Brasil quere exportar ao mundo e se reflicten tanto no lema co cal se presentan en Fránfurt: "Brasil, un país cheo de voces", como no seu pavillón de 2.500 metros cadrados deseñado pola escenógrafa Daniela Thomas e o arquitecto Felipe Tassara. Arte, deseño, arquitectura, música, actividade intelectual, cultura popular e relación entre o patrimonio literario e  o xeito de vida en Brasil. O programa brasileño complétase con 480 mostras, obras de teatro, ciclos de cine e recitais antes e despois da feira."

9/10/13

PREMIO NACIONAL DE POESÍA en galego


Manuel Álvarez Torneiro acaba de conseguir o Premio Nacional de Poesía co seu libro Os ángulos da brasa editado por Factoría K.
Esta libro xa fora recoñecido co Premio da Crítica de Poesía galega que concede a Asociación Española de Críticos Literarios, co Premio Ánxel Casal da AGE (Asociación Galega de Editores) e co premio da AELG á mellor obra de poesía do ano 2012.
Álvarez Torneiro (A Coruña, 7 de xullo de 1932) traballou como xornalista, e aínda que comezou a escribir poesía con 18 anos, a súa primeira publicación foi Memoria dun silencio, en 1982. Foi un dos fundadores do grupo poético "Amanecer" na década dos cincuenta, dos que entre outros dera noticia Avilés de Taramancos nos artigos publicados en Obra viva. Os estudosos sitúano na Xeración das Festas Minervais, na primeira promoción da poesía de posguerra: "os nados entre 1928 e 1942. No prólogo ó libro As doazóns do incendio, o profesor Basilio Losada apunta: o que vele na poesía de Torneiro é o poema, non é un verso illado, e menos unha palabra-fetiche. Veñen os versos e as palabras nestes poemas sen desaxustes semánticos, traballadas con sutileza e emoción. Con verdade, sen grandes sorpresas nin fulgores irritantes."
Leva publicados uns 13 poemarios máis, entre os que destacan Rigorosamente humano (1995) e Luz de facer memoria (1999). Conta tamén con outros galardóns como o Premio Esquío (1994), o González Garcés (gañado en dúas ocasións: anos 1998 e 2000) e o Premio da Crítica Española (1999); tamén foi nomeado socio de honra da AELG (Asociación de Escritores en Lingua Galega)
Parabéns ao poeta, a factoría K e á poesía galega! 

8/10/13

Conto e animación audiovisual


O pequeno mago de Roque Cameselle preséntase en tapa dura na colección Merlín. Trátase dun conto que ten como protagonista ao pequeno mago, Bieito Dubidoso, un neno de nove anos. 
A través da historia da súa familia accedemos á de Tui nos tempos medievais: a relación co poder relixioso, as incursións normandas das que deben defenderse...
As ilustracións de Xevi Benitez acompañan o relato e ao final do mesmo, presentaranse como bocetos en branco e negro, ao lado dun texto que nos sitúa na realidade histórica. Debemos ter en conta que o autor, Roque Cameselle, tamén o é do ensaio “A memoria de Tui”, publicado por Xerais no 2002. 
Ao tempo que o libro aparece no mercado a película de animación, dirixida polo mesmo autor.




7/10/13

Festivais de animación e presenza galega


A serie de animación Cocorico, producida por OQO Filmes en colaboración coa TVG e representada internacionalmente por Edebé Audiovisual foi seleccionada con outros 11 proxectos para ser presentada na primeira edición do International Animation Industry Networking Summit (que se realizará no presente mes) en Barcelona, un foro que parte como un spin-off do Festival Internacional de Cine Fantástico de Catalunya (Sitges).
Por outra banda, foi seleccionada (con outros 19 proxectos internacionais) no festival SPP de Corea do Sur celebrado en xullo deste mesmo ano.
A serie Cocorico (26x13 ') narra as aventuras e desventuras dun pitiño que vai aprendendo sobre a vida a medida que medra e grazas á súa curiosidade. Producido en stop-motion tradicional, esta serie educativa ten como obxectivo dar unha sensación de realismo a través desta técnica, utilizando só os elementos naturais para a súa produción e sen o uso de efectos especiais.
A compañía OQO Filmes xa obtivera o Premio Especial do Xurado Festival Internacional Brasil Stop -Motion celebrado en Recife.



4/10/13

Literatura infantil en galego

Hai editoriais, propiamente galegas, que teñen as súas coleccións de literatura infantil e xuvenil, como Galaxia, Kalandraka, OQO, Factoría K, Baía, Sotelo Blanco, Ir Indo, Biblos Club de Lectores, Bululú, Demo Editorial, Edicións do Cumio, Embora, Hércules de Edicións, Fervenza Edicións, Toxosoutos,   
Hai editoriais que, a pesar de pertencer a grupos foráneos, fan a labor dunha editora plenamente galega como Edicións Xerais de Galicia cun dos mellores catálogos de literatura infantil e xuvenil en galego, que comezara da man de prestixiosos especialistas como Miguel Vázquez Freire, Agustín Fernández Paz, Xabier Docampo e Xosé Lastra.
Outras editoriais de ámbito español, teñen os seus sellos en Galicia e, a través deles, publican literatura infantil e xuvenil en galego. É o caso de Tambre, Rodeira, Everest Galicia, Anaya, Alfaguara, S.M. Xerme Edicións (S.M.),... e tamén de Vicens Vives que mantén un par de coleccións de literatura infantil e xuvenil con traducións, como estes de relatos do gran detective creado A. Conan Doyle, os de medo de W. Irish ou o infantil de É. Puybaret. O inconveniente destas edicións é a inclusión de actividades no mesmo libro.





3/10/13

ADELA TURÍN e NELLA BOSNIA

Elas, Adela Turín e Nella Bosnia, fixeron posible unha colección que se chamou "A favor das nenas". Desa colección está traducindo ao galego e publicando Kalandraka títulos como Rosa Caramelo e Arturo e Clementina. Agora, aparece esta: A historia dos bonobos con lentes, traducida por G. Tolentino.
Unha sociedade bonoba dividida en machos e femias. Eles, divírtense e modernízanse, mentras elas buscan a comida e coidan deles e das criaturas... a metáfora da distribución do traballo por sexo.  
Nas viaxes e "actualización" dos machos hai moita ironía: chegan falando catro frases noutro idioma (como un gran avance) e colocándose gafas de sol que tamén distribúen entre os que son quen de repetir as tales palabriñas. Certamente podíamos rirnos de nós mesmos... A diferenza é que nese caso elas quedan fóra do progreso, e iso sálvaas. Un día deciden irse a outro lugar coas crianzas e construír unha sociedade con sentidiño, fan o traballo coa rapazada (sexa do sexo que sexa) e crean, crean... avanzan e son felices como nunca o foran. Os bonobos, condenados a buscarse o alimento, xa non o pasan tan ben... e miran con envexa o mundo das bonobas...

2/10/13

Revistas dixitais na biblioteca escolar

 
Revistas que achegan información ao profesorado acerca de temáticas emerxentes e permanentes.
Revistas dixitais en aberto para que todos e todas podamos acceder a elas directamente.
Revistas necesarias:
Labirinto dixital, revista dixital de Igaciencia. Acaba de saír o primeiro número no que se recollen as actas do seu congreso sobre software libre e educación e diferentes traballos sobre ferramentas de doada utilización no ensino como a creación de videos interactivos e as metodoloxías copyleft na educación.
Feito na casa é a revista dixital de cultura tradicional, centrada na música e a cultura popular. O seu primeiro número atoparemos traballos relacionados coa música (dúo compostelán Verdegaio), fotografía (entrevista ao fotógrafo Juan Luís Rúa), obradoiros de instrumentos musicais (César Loureiro), simboloxía mariñeira en Muxía (da man de X.H. Rivadulla Corcón)


 

30/9/13

Arte e ciencia. Recursos


Igaciencia (que leva por limiar "A prol da Ciencia Galega e do Galego na Ciencia") presenta a exposición Arte e Ciencia na Sala de Exposicións da Deputación Provincial de Lugo, entre o 20 de setembro e o 20 de novembro.
Recollemos da súa páxina:
"O obxectivo fundamental da exposición é ilustrar e profundar no diálogo entre a ciencia e a arte. Para explorar esa interacción dinámica seleccionanse obras e autores representativos de distintos movementos artísticos ao longo do tempo. Na exhibición das obras prima a compoñente didáctica e divulgativa e bríndase a posibilidade de participar en obradoiros para afondar na conexión arte e ciencia das mesmas.
A exposición presenta mostras de múltiples aspectos xeométricos que rexen a construción de obras de arte. Máis tamén se fai explícita a influenza de investigacións científicas como a persistencia retiniana, o contraste simultáneo de cores, os descubrimentos en astronomía… , sen esquecer a análise de símbolos galegos e obras arquitectónicas. Dedícase un apartado especial ao contexto actual no que, ao igual que a fotografía cambiou as metas da arte, o desenvolvemento tecnolóxico revolucionou as maneiras de crear e representar.
As conexións son múltiples e en ambos sentidos. Acéptase que a xeometría incide e inflúe nas artes plásticas pero poucos teñen presente que o puntillismo inflúe no concepto de píxel, ou que dous premios Nobel de Química recentes foron outorgados por aspectos científico-artísticos que iluminan a Química, como son os cuasicristais e o fullereno.
Entre os autores elixidos figuran: Vasarely, Seurat, Calder, Mondrian… e, destacan especialmente, Juan Gris e Escher."
Ao tempo, terá lugar unha xornada de formación dirixida ao profesorado de primaria e secundaria.





27/9/13

Rutas de lectura


Con este título, Rutas de lectura, faise pública unha guía para traballar a comunicación oral na aula, baixo o epígrafe de lectura compartida. Esta iniciativa preséntase formando parte dun proxecto máis amplo no que participan todos os sectores do mundo do libro: Educación, familias, librarías, bibliotecas, editoriais…
Rutas de lectura é un proxecto concebido e elaborado por TresBrujas,  para as editoriais Ekaré, Kókinos, Corimbo, Bárbara FioriLibros del zorro rojo, Thule, Juventud e A buen paso
Unhas editoriais moi centradas no libro infantil de calidade e, especialmente, no álbum ilustrado.
TresBrujas naceu no espazo dunha libraría infantil e xuvenil, como una iniciativa de xestión cultural e promoción da lectura, coordinada por Lara Meana, Beatriz Sanjuán y Olalla Hernández.

25/9/13

Premio Raíña Lupa de literatura infantil e xuvenil



Na súa novena edición, o Premio Raíña Lupa de Literatura Infantil e Xuvenil (convocado pola Deputación da Coruña), recaeu na novela Reo de Xesús Fraga.
Unha historia protagonizada por un grafiteiro adolescente que defendeu o xurado en base a "escoller unha temática actual e unha linguaxe directa para rescatar valores" e a aposta por "falar da identidade dun rapaz adolescente que manifesta as súas inquedanzas a través da cultura urbana". 

24/9/13

LISTA DE HONRA DO IBBY

Cada dous anos incorpóranse novos títulos a esta prezada lista, a través de propostas realizadas polas diferentes seccións do IBBY.
A proposta de GALIX, a través da OEPLI, para esta lista recolle no apartado de creación Palabras de auga (Xerais) de Marcos Calveiro e a tradución ao galego de Contos por teléfono de Gianni Rodari realizada por Carlos Acevedo.
A primeira delas xa foi recoñecida co premio Merlín de literatura infantil, premio Fervenzas literarias ao mellor libro xuvenil e premio Fervenzas literarias á mellor portada de infantil e xuvenil e a segunda, recibiu o premio Isaac Díaz Pardo da AGE ao mellor libro ilustrado.

23/9/13

De como seleccionar e outros asuntos







Hai uns días liamos no xornal que a editora Libros del Silencio non resistira nin os malos tempos nin a desaparición do seu fundador e presentaba concurso de acreedores. A editora que se presentaba cunha cita de Pascal Quignard ("Un libro es un fragmento de silencio en manos del lector. Aquel que escribe calla.

Aquel que lee no rompe el silencio.") presenta concurso de acreedores. Cando pecha unha destas editoras comos un pouco menos libres, temos menos onde escoller, temos acceso a menos reflexión e beleza... por iso nos apena. Libros del Silencio, ademais, editara a algúns "periféricos" (como recollía a noticia do xornal) entre os que citaba a Carlos Casares, Narciso de Gabriel e Lois Pereiro. 
Por iso, ao lado desta nova queremos poñer aquela outra dunha editora (Rinoceronte) que lanza un novo selo Sushi books para lectores e lectoras de cinco a quince anos; en galego, castelán, catalán e éuscaro tanto títulos propios como traducións de autores internacionais. Dámoslle a benvida, e con ela o compromiso de apoio ás obras de calidade que vaian vendo a luz, porque só coa axuda dos lectores e dos mediadores de lectura (como os responsables de bibliotecas escolares) poderán seguir publicándose

20/9/13

WEB DE TRILOXÍA FANTÁSTICA


Despois da presentación da primeira entrega, Bágoa de Lúa, Galaxia abre unha web dedicada á triloxía fantástica, As crónicas de Landereina, escrita por Sabela González.
Así fala Ledicia Costas:  
"Bágoa de Lúa é unha novela de amazonas afoutas, de centauros de tradición milenaria, de elfos de cabelos rubios imposibles. Pero tamén é unha novela de kaihunns, un potente exército de criaturas de corpos chepudos e retortos, coa pel gris chea de verrugas moradas, que sementan o pánico e o caos, destruíndo a paz de Gabaia, o pobo das amazonas, por algún misterioso motivo que o lector irá descubrindo a medida que avance na historia.
A min, persoalmente, encantoume que existise unha comunidade de amazonas, todas mulleres guerreiras, adestradas na arte da loita con espada, e o tiro con arco e que sosteñen o peso e a tradición da Tríade. Encántame tamén que a fundadora de Sunnaüp sexa unha muller e encántame que os personaxes principais sexan dúas amazonas, Berenguela e Güenaela -filla da druída de Gabaia-, que irán forxando a medida que avanza a historia unha interesante amizade. Porque é un xeito de outorgarlle á muller ese lugar que merece neste xénero que é a fantasía. (...) A autora atreveuse a afondar no xénero fantástico desde unha perspectiva universal, pero coidando, agarimando e tratando con mimo a linguaxe literaria, e iso, para as persoas que somos ávidas lectoras, é algo de agradecer.

19/9/13

Premio de literatura infantil e xuvenil dramática

Raúl Dans conseguiu, con Un mosquito de nome Henri, o premio Barriga Verde de teatro infantil na súa última convocatoria. Este galardón, está promovido pola Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) para a dinamización da escrita teatral para monicreques.
A obra está publicada por Baía con ilustracións de Jacobo Fernández.
A autor, Raúl Dans, nunhas declaracións á prensa, anima a ler teatro da mesma maneira que se len outros xéneros literarios.

18/9/13

TOUPORROUTOU DA LÚA E DO SOL no CDG

 

O CDG (Centro Dramático Galego) coproduce con Teatro do Noroeste, coa colaboración da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, a obra infantil de Roberto Vidal Bolaño, baixo a dirección de Eduardo Alonso.
A estrea trerá lugar o 4 de outubro no Salón Teatro de Santiago
Por fin, o público máis novo terá acceso á obra do autor homenaxeado nas Letras galegos do 2013.
"Touporroutou da lúa e do sol preséntase como unha "farsada choqueira para actores e bonecos, ou viceversa" na que catro titiriteiros axúdanse dos máis diversos elementos para contar historias sobre a orixe destes astros, dos días e das noites, do diluvio universal e sobre como acertar cos tesouros e tratar os mouros, as fadas e, sobre todo, as serpes e os xigantes que os gardan". Mitoloxía en marcha.

17/9/13

A biblioteca de GALIX na Cidade da Cultura

Recollido do portal educativo:
A sección infantil da Biblioteca de Galicia conta xa con preto de 3.000 volumes cedidos por Gálix (a Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil), desta maneira a cabeceira da Rede de Bibliotecas de Galicia ábrese aos máis novos como espazo de lecer e lectura,
Trátase basicamente de obras de creación, no ámbito  infantil-xuvenil, cunha colección especialmente centrada na creación e a edición galega. Hai tamén, aínda que en menor cantidade, estudios e obra de ensaio sobre esta temática, incluíndo as publicacións de Gálix e de outras entidades.
Neste momento a colección está clasificada en cincos partes: obra orixinal en galego, traducións do galego a outras linguas, traducións de outras linguas ao galego, obras en castelán e obras noutras linguas.
A chegada destes volumes ao Gaiás produciuse coincidindo co traslado da sede da Asociación Galega de Literatura Infantil e Xuvenil á Cidade da Cultura.
Cómpre salientar o significativo desta institución (GALIX) que representa un dos principais piares de apoio á creación literaria e artística galega.

16/9/13

García Teijeiro na voz de Paco Ibáñez



Unha poesía de Antonio García Teijeiro (un poeta ben coñecido pola rapazada galega) aparece neste video musicado polo cantautor Paco Ibáñez.

13/9/13

SEMPRE ROSALÍA



Na lingua que eu falo,un libro con CD editado por Galaxia.
A voz ponlla a cantante galego palestina Najla Shami e a letra Rosalía de Castro, maioitariamente, pois Shami tamén asume o reto de incorporar temas propios que combinan cos ecos rosalinianos. Nalgúns temas, outras voces acompañan a esta cantante.

12/9/13

A ÚNICA REVISTA INFANTIL EN GALEGO



O Xabarín Club foi un fito para varias xeracións.
Ese personaxe creado por Miguelanxo Prado entrou nos fogares, a través da pantalla, para quedar nos ollos dos maís novos da casa. Así se foi construíndo o club dos xabaríns, cubrindo unha necesidade básica da rapazada.
Agora, para cubrir unha demanda moi sentida, aparece de novo o Xabarín con "Oink!”, a revista destinada aos nosos rapaces e rapazas, a única revista en galego. Aí atoparán  novas, reportaxes, pasatempos, música, seccións divulgativas, de entretemento e moita, moita banda deseñada,  coa colaboración de Miguelanxo Prado, Andrés Meixide, Miguel Porto, Fran Bueno, Miguel Robledo, Jacobo Fernández, Kohell, Victor Rivas e Pinto & Chinto
comandados por Kiko da Silva.
O seu prezo 3€, a súa periodicidade mensual. 
Os pais da criatura son Marcos Ferreira e Lucía Castro, a fronte da empresa Agalip.

11/9/13

Celso Emilio Ferreira en música


Xosé Manuel Budiño pon a música e Luís Tosar a voz, a dous poemas ferreirianos.
Unha colaboración que aparece incluída no traballo Sotaque de Budiño baixo o título Hoxe canto en libertá.

10/9/13

Paco Nogueiras, de novo.

 
1, 2, 3 tod@s a cantar, para comezar con ánimo, porque aínda nos queda algo de verán.

2/8/13

Un proxecto fílmico arredor de Nimbos


Nimbos, é o título da obra poética de Díaz Castro, próximo autor homenaxeado nas Letras Galegas 2014.
Martin Pawley, Xurxo Chirro e José Manuel Sande son os artífices dunha iniciativa que publican en Acto de primavera.
Este foi o correo electrónico que enviaron a una seria de realizadores:
"O ano que vén dedicáselle o Día das Letras Galegas ao poeta da Terra Chá, Xosé María Díaz Castro, autor dun único volume publicado, Nimbos, que é un dos fitos da creación literaria en lingua galega no século XX.
Hai xa uns anos que tiven a idea de “promover” algún proxecto fílmico colectivo arredor desta obra, e a designación de Díaz Castro coma escritor homenaxeado pola Real Academia Galega en 2014 -ano, ademais, do seu centenario- é a escusa perfecta para finalmente botarse á tarefa.
A idea é ben sinxela: propoñémosvos a diversos cineastas que fagades unha peza curta, entre 1 e 5 minutos, asociada a un poema do libro. Non se trata de ilustrar o poema en imaxes, en absoluto, senón de crear unha obra cinematográfica nova que naza da lectura do poema. Cada autor que participe elixirá o(s) poema(s) sobre o(s) que quere traballar e a partir de aí, (case) total liberdade. Hai unha única condición, ademais do tempo: desbotamos expresamente o uso íntegro e literal dos poemas do autor, e recomendamos limitar o uso dos textos, se for preciso, a “algúns” versos soltos. (...)"
Os apuntados (por agora) son: Xurxo Chirro, Margarita Ledo, Eloy Enciso, Alberto Gracia, Oliver Laxe, David Castro Sopeña, Carlos Álvarez-Ossorio, Diana Toucedo, Juan Lesta, Belén Montero, Xacio Baño, Pablo Cayuela, Xan Gómez Viñas, Jaione Camborda, Víctor Hugo Seoane, Otto Roca, Alfonso Zarauza, José Antonio Cascudo, Ángel Santos, Manuel Fernández-Valdés e Eloy Domínguez Serén
“Para poñer en marcha algunhas cousas abonda un correo electrónico”, din. Sería bo telo en conta...

1/8/13

"Lectura fácil"









Da presentación editorial...
KALANDRAKA e BATA (Baión Asociación de Tratamento do Autismo, con sé en Vilanova) crearon unha nova liña na súa colección de libros de fácil lectura, dirixida a persoas con necesidades educativas especiais. “Nicolás va de compras” e “Nicolás cocina sin fuego”, que levan o selo Makakiños día a día e están ilustrados pola artista pontevedresa Alicia Suárez, son materiais complementarios -de coñecemento e experimentación- que axudarán no desenvolvemento da súa autonomía persoal e da súa intercomunicación co contorno ás persoas con Autismo, Disfasia, Síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais.
Con Makakiños día a día preténdese dar un salto cualitativo, proporcionándolles aos seus usuarios un material de gran valor informativo para uso cotiá, que lles resulte útil á hora de realizar por si mesmos accións tan habituais e necesarias como cociñar ou mercar. Como principal novidade con respecto aos anteriores álbums de Makakiños, as páxinas están encadernadas en espiral para facilitar o manexo dos libros, que inclúen pegatinas -a modo de diccionario mímico- para que poidan amosarllas aos seus interlocutores.
Os textos adaptáronse ao sistema de Símbolos Pictográficos para a Comunicación (SPC) desenvolvido por Roxana Mayer Johnson, que incorpora diferentes cores asociadas ás distintas categorías de palabras: amarelo para designar ás persoas; verde para os verbos; azul para os termos descriptivos; laranxa para os sustantivos que non pertencen a outras categorías; rosa para identificar palabras referidas a actuacións sociais; branco para artigos, cores, conxuncións, preposicións, adverbios.
Antes da existencia de Makakiños, os expertos de BATA elaboraban artesanalmente o seu propio material de apoio, a base de símbolos debuxados, fotografías recurtadas e outros elementos que compoñían a modo de ‘collage’ sobre papel.