1/8/13

"Lectura fácil"









Da presentación editorial...
KALANDRAKA e BATA (Baión Asociación de Tratamento do Autismo, con sé en Vilanova) crearon unha nova liña na súa colección de libros de fácil lectura, dirixida a persoas con necesidades educativas especiais. “Nicolás va de compras” e “Nicolás cocina sin fuego”, que levan o selo Makakiños día a día e están ilustrados pola artista pontevedresa Alicia Suárez, son materiais complementarios -de coñecemento e experimentación- que axudarán no desenvolvemento da súa autonomía persoal e da súa intercomunicación co contorno ás persoas con Autismo, Disfasia, Síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais.
Con Makakiños día a día preténdese dar un salto cualitativo, proporcionándolles aos seus usuarios un material de gran valor informativo para uso cotiá, que lles resulte útil á hora de realizar por si mesmos accións tan habituais e necesarias como cociñar ou mercar. Como principal novidade con respecto aos anteriores álbums de Makakiños, as páxinas están encadernadas en espiral para facilitar o manexo dos libros, que inclúen pegatinas -a modo de diccionario mímico- para que poidan amosarllas aos seus interlocutores.
Os textos adaptáronse ao sistema de Símbolos Pictográficos para a Comunicación (SPC) desenvolvido por Roxana Mayer Johnson, que incorpora diferentes cores asociadas ás distintas categorías de palabras: amarelo para designar ás persoas; verde para os verbos; azul para os termos descriptivos; laranxa para os sustantivos que non pertencen a outras categorías; rosa para identificar palabras referidas a actuacións sociais; branco para artigos, cores, conxuncións, preposicións, adverbios.
Antes da existencia de Makakiños, os expertos de BATA elaboraban artesanalmente o seu propio material de apoio, a base de símbolos debuxados, fotografías recurtadas e outros elementos que compoñían a modo de ‘collage’ sobre papel.

No hay comentarios: