28/1/11

LIBROS CON EXPOSICIÓN


O libro Doménica, primeira incursión de Gonzalo Torrente Ballester na literatura infantil, e derradeira das súas obras, está a disposición de lectores e observadores na Fundación Gonzalo Torrente Ballester en Santiago.

A exposición das ilustracións, realizadas por Maravillas Delgado, é unha boa ocasión para seguir o avance dos debuxos desde os primeiros trazos ata o traballo final.

Ademais desa posibilidade de seguir o traballo de ilustración, resulta de moito interese o feito de que na mesma Fundación se ofreza a venda de postais nas que se reproducen estes debuxos e a venda dos libros, tanta no súa versión castelán como na galega, ambas publicadas por Espasa Calpe na súa colección xuvenil; nun caso trátase dunha edición de bolsillo e no outro de pasta dura.

A novela, fantástica e surrealista, navega polos mundos de Doménica, fóra de toda atadura racional e coherente, entre os soños e a inconsciencia, pasando dun a outro lado da realidade.

Non deixa de sorprender, que escritores que nunca tocaron o ámbito infantil se adentren nel ná derradeira obra, como sucede neste caso ou no de Xardín do Pasatempo de Ramiro Fonte.

26/1/11

BLOC, Revista Internacional de Arte e Literatura Infantil


O último número, seguramente tamén o derradeiro, da revista BLOC (Revista Internacional de Arte y Literatura Infantil), trata o tema dos xoguetes como materia prima dos albumes ilustrados. Parte dunha ensinanza: o mellor xoguete é o máis imperfecto porque encerra máis posibilidades creativas facéndoo máis versátil; por iso se converteu nun obxecto artístico. Así o contan: "Ao unir xoguetes e arte conseguimos obras que xenerosa e eficazmente teñen contribuído á formación artística dos niños. Centos, tal vez millares de obras teñen os xoguetes como obxecto da súa vocación expresiva e comunicativa. Álbums, obras literarias, películas, obras teatrais, etc. téñense inspirado no artificio dos xoguetes que, como acción simbólica dos sentimentos e desexos infantís, toman vida propia e expresan emocións.”

Este é o número 6. No 5 víronse as relacións entre o cine e os álbums ilustrados; no 4 os interrogantes e enigmas no álbum ilustrado; no 3 tratáronse os abecedarios ilustrados... e así ata o número cero que se pode descargar na páxina. Revistas que eran obras de arte en si mesmas, dirixidas polo noso premiado escritor Xabier P. Docampo e editadas por Antonio Ventura.

25/1/11

REVISTA PLATERO: sempre ROALD DAHL


O último número de PLATERO ("Revista de Literatura Infantil - Juvenil, Animando a la Lectura y Bibliotecas Escolares") está dedicado integramente a Roald Dahl, na conmemoración dos vinte anos da súa morte.

Juan José Lage, o director da revista, é o autor deste monográfico no que ademais de artigos de fondo, achega textos e citas, unha ampla bibliografía tamén con películas e estudos, unha entrevista imaxinaria...

Nas páxinas centrais, unha serie de reseñas que acollen desde álbumes ilustrados, libros - xogo, narrativa, poesía, documental, edicións especiais, tebeos, libros sonoros, libros singulares, clásicos, coleccións - series...

Unha boa ocasión para volver a este clásico da man dun dos seus especialistas.

24/1/11

NOVIDADES ÁLBUM







Seguimos atopando novidades en álbum ilustrado que aínda que publicado en Galicia está escrito e ilustrado fóra. Son os tempos!
Neste caso, podemos falar das dúas novidades de OQO.
Por unha banda Tres han de ser con texto de Darabuc e ilustracións de Fátima Afonso, tratando unha vez máis a aceptación das parellas desiguais, pouco comúns... Sol, a protagonista, quere casar cos seus tres amigos, nin cun nin co outro, cos tres. A nai, representante do convencionalismo envíaos polo mundo a que busquen un obxecto marabilloso, o que traia o mellor será o digno esposo da súa filla... Nesas andan os pretendentes (todos xuntos, iso si!) cando sucede algo que os obriga a volver, facendo uso dos seus tres obxectos, o que obriga a que o desenlace non poida ser como se esperaba. Será doutra maneira! A historia que parte de versións de vellos contos que se lembran baixo títulos como Os tres amigos ou Os tres maridos dálle unha volta á tradición.
Por outra O tren de Silvia Santirosi e Chiara Carrer traéndonos o tema da morte dun ser querido, a necesidade de aceptala aínda que non se entenda, a través do diálogo dun pai coa filla, no que aparecen os soños e os relatos e os símbolos universais como ese tren que se vai ou esa estrela que aparece no ceo. As ilustracións acompañan unha historia que non pode ser máis que triste pero que avanza a través do afecto e o tempo compartido.

20/1/11

DE SERIE




Cando de series se trata, xa sabemos que é máis doado ler, que as lecturas e os libros van sobre rodas, uns detrás dos outros como por unha autovías. Moito hai escrito ao respecto, pero moito tamén vivido: que fai a rapazada cos Bolechas? E con Kika Superbruxa, Harry Potter e demais? Seguilos, acompañalos, convertelos en personaxes amigos, en alguén que xa forma parte da súa familia… porque os coñecen ata o punto de ter que evitar descricións e queren saber que lles pasa, como van medrando... estar con eles, ao cabo. Por iso, porque fan lectores (ademais de pola súa calidade) debemos telos en conta. Neste caso, lembrar a este personaxe Suso Espada, detective da Axencia ADN, que se pasa a vida indagando e descubrindo misterios e casos. da man de Francisco Fernández Naval, continúa a súa edición. Suso Espada e o misterio do Grial Suso Espada: Istambul e o cabaliño de ouro. Suso Espada. Nota Roja.

19/1/11

VAI ALÁ MEDIO SÉCULO!


En 1961 publicábase, en Bos Aires, a novela máis editada e traducida da literatura galega Memorias dun neno labrego. Unha obra cuxo comezo se fixo carta de presentación: "EU SON ... Balbino. Un rapaz da aldea. Coma quen di, un ninguén. E ademais, pobre." Moitos se sentiron identificados con ese pensador - profundador, con ese neno que non podía selo e se enchía de rabia contra a inxustiza. Moitos e moitas se seguen a sentir próximos, a pesar da distancia, porque hai valores que son universais e eternos e porque cando non somos da aldea estamos a un paso de pai ou avoa, cando non somos pobres podemos selo ao dobrar a esquina ou aínda gardamos a arrecendo da escaseza. Este é un bo momento para retomar esta lectura, para reencontrar ou visitar por primeira vez a Balbino e ao seu creador, un autor que temos a dita de poder atopar aínda na súa Fundación ao pé das illas de Gres, escribindo. Cándido Pazó, anda por Galicia adiante cun monólogo que nolo presenta tamén. Outra cita obrigada!

Obtido en http://www.youtube.com/user/memoriadagaliza

18/1/11

Xoán Babarro, premiado


Xoán Babarro acaba de xubilarse. Agora ten calma e tempo para seguir escribindo e ir recollendo a colleita de premios que merece. Un deles foi o Pura e Dora Vázquez da Deputación de Ourense por Palabra era un mundo paralelo, outro A PRINCESA DE TARAMUNDI co que acadou o Arume. Con ilustracións de Spela Trobec, publicado por Edicións Embora de Ferrol, saiu á luz no 2010. Unha magnífica edición, en volume cadrado e de pasta dura; cunhas ilustracións en branco e negro co único aditamento dos grises pero cunhas calidades inesperadas e de gran valor. Un poemario que ben mereceu o quinto premio Arume de poesía para nenos e nenas convocado pola Fundación Neira Vilas no 2009. Libro que o xurado valorou pola orixinalidade dos versos e o tenro achegamento á natureza e ao medio xeográfico do que se nutren. Libro para disfrutar, para ler, mirar e xogar. Libro no que o autor recolle variantes da falas galegas centrais e orientais para deleite dos pequenos e máis grandes. Un bo libro do que se adianten uns poemas como cata, nun caso trátase dun trabalinguas e noutro dunhas mentiras: PITA PINTA A pita pinta ten un pito pinto, pintado e no bico colorado. A pita pinta ten dous pitos pintos, pintados e no bico colorados. A pita pinta ten tres pitos pintos, pintados e no bico colorados... ¿Cantos pitos pintos pintados e no bico colorados poderá contar a pita pinta pintada e no bico colorada? MENTIRAS O amieiro dá peras. O bidueiro, laranxas. O escabrón, as amoras. O erbedeiro, castañas. E o sanguiño que hai no monte, cen mil mazás coloradas. ¡Se as mentiras que hai no mundo fosen así de atinadas…!

XOÁN BABARRO, premiado.

Xoán Babarro, acaba de xubilarse, o que lle achega o tempo necesario para a creación. Así, anda a recoller a colleita dos últimos premios. Con Palabra era un universo paralelo, acadou o Pura e Dora Vázquez da Deputación de Ourense, e con A princesa de Taramundi, fíxose co Premio Arume. Con ilustracións de Spela Trobec, está publicado por Edicións Embora de Ferrol neste 2010, do que acabamos de despedirnos. Unha magnífica edición, en volume cadrado e de pasta dura; cunhas ilustracións en branco e negro co único aditamento dos grises pero cunhas calidades inesperadas e de gran valor. Un poemario que ben mereceu o quinto premio Arume de poesía para nenos e nenas convocado pola Fundación Neira Vilas no 2009. Libro que o xurado valorou pola orixinalidade dos versos e o tenro achegamento á natureza e ao medio xeográfico do que se nutren. Libro para disfrutar, para ler, mirar e xogar. Libro no que o autor recolle variantes da falas galegas centrais e orientais para deleite dos pequenos e máis grandes. Un bo libro do que se adianten uns poemas como cata, nun caso trátase dun trabalinguas e no outro dunhas mentiras: PITA PINTA A pita pinta ten un pito pinto, pintado e no bico colorado. A pita pinta ten dous pitos pintos, pintados e no bico colorados. A pita pinta ten tres pitos pintos, pintados e no bico colorados... ¿Cantos pitos pintos pintados e no bico colorados poderá contar a pita pinta pintada e no bico colorada? MENTIRAS O amieiro dá peras. O bidueiro, laranxas. O escabrón, as amoras. O erbedeiro, castañas. E o sanguiño que hai no monte, cen mil mazás coloradas. ¡Se as mentiras que hai no mundo fosen así de atinadas…!

21/12/10

Dian Fossey, personaxe literario


Da presentación editorial: "Xiao, un rapaz de dezaseis anos, escribe un traballo sobre xabarís co que gaña un premio convocado polo Zoolóxico de Barcelona. Tal premio consiste nunha estadía de cinco semanas na cerna da selva ruandesa en compaña de Dian Fossey, investigadora famosa polos seus traballos de divulgación e protección dos gorilas de montaña e que moitas coñecemos pola película Gorilas en la niebla. Nesta novela, o seu autor, Pere Tobaruela, combina a conradiana busca dun personaxe fascinante apegado ás raíces dun mundo primitivo —cheo de segredos ancestrais, lendas e coñecementos máxicos— coa desesperada fuxida das mans duns asasinos brutais e abxectos. Na cerna da selva é tamén a historia do encontro entre dúas civilizacións, a moderna Europa fronte á descoñecida África dos pigmeos, nunha redentora procura na que o protagonista descobre cal é a esencia do medo, como se forxa a maldade e a que cheira a morte, vivencias límite que lle cambiarán a súa maneira de afrontar a vida." Un blogue acúdanos a entrar nese mundo.

13/12/10

OUTRA HISTORIA

Ola, ola, la!

Outra historia, neste caso cantada, da autoría de Gloria Sánchez e musicada polo grupo Mamá Cabra. Que pasa cando Mamá Cabra vai camiño da cidade coas cinco cabritiñas? Que se van facendo autónomas e as vai perdendo: unha vai vaise a París a facerse artista, outra namórase e vai á procura da lúa, outra vaise ao mar para aos peixes imitar (e faise presente a rima),... Cando queda soa, Mamá Cabra percorre o mundo e vainas atopando na forma do Peixe Cabra no mar, a Cabra Montesa no bosque, a Cabriola actuando, unha Cabra Pirata... Camiños de ir e volver para as fillas perder e atopar, libro con conto e ilustracións de Kristina Sabaite e CD de Mamá Cabra dentro da campaña Bocaberta. Para non perdela!!!!!

17/11/10

Unha historia de porcos. Outra.


Florentino, o príncipe Quino de Gloria Sánchez, con ilustracións de Xan López Domínguez, publicado na colección Merlín (de pasta dura). A historia dun reino habitado por corrichos, situado na porcallada máis absoluta e decorado con inmundicia. Alí, sucedeulle algo á familia real que -pasado o tempo- se faría máis habitual: saíulle un fillo -que había de ser sucesor- con hábitos e maneiras pouco axeitadas á ocasión; neste caso o príncipe era educado e limpiño. Cando o desterran (que a iso chegaron) pasou algo digno de contar e ler...

Polo tanto estamos ante unha historia inesperada cos seus acenos ao lado máis escuro e risoño da infancia. As ilustracións de López Domínguez no estilo habitual achegan un imaxinario propio entre o relato da autora e a súa maneira de pensar en porcos e mundos de historia.

21/10/10

As historias da avoa Catarina


As historias da avoa Catarina con texto de Iñaki Zubildia e ilustracións de Estíbuliz Jalón, está publicado por Factoría K. Foi premio álbum iustrado en euskaro.

Unha vella cigarra relata as historias que lle contou a súa avoa. A das xoaniñas que teñen as ás de cor roxo por comer moitos amorodos, a da bolboreta que tendo as ás de cor cincenta un día no que se pousa nunhas flores e se pon a chorar tíntase cos pétalos quedando de diferentes cores... mentres tanto o patilongo pregunta por que non conta a súa historia. Ao final ten historia porque come algo verde que resulta ser un resorte co cal comeza a saltar, gana os Xogos Olímpicos de Salto, e así todos os seus ata que xa non coñecerán como patilongo senón como saltón, e Catarina xa poderá contar a súa historia, unha e outra vez, ata chegar a nós.

Moi interesantes tamén as ilustracións.

14/10/10

LUCAS E O OSO

Lucas e o oso, con textos de José Campanari e ilustracións de Kristina Andrés, é un álbum para primeiros lectores. Lucas semella vivir nun mundo de soño (que pode lembrar o de Max). Lucas e o seu amigo oso de peluche, durmen na mesma cama e soñan paseos pola selva, aventuras nun e outro lugar no que sempre acaban mollados; eles queren atrapar ao monstro da xerra de auga que cada noite lles molla a cama... mil aventuras, soñadas ou vividas, nas que sempre acaban molladiños. Isa é a súa derrota. Todo lle vale a Lucas para non asumir que mexou na cama, e todos están dispostos a crer as súas razóns desde o amigo oso ata os pais, aos que tamén lles preocupa que mañá é o primeiro día de clase.

8/10/10

COAS MANS BALEIRAS



Coas mans baleiras de Ana Tortosa & Cecilia Varela. Colección O (Primeiros lectores) de OQO. Seguimos a Marta mentras se prepara para ir ao aniversario de Mario e busca algo (polo camiño) con que agasallalo, ao tempo que vai desbotando: “-E se lle levo auga do mar? -Non, iso xa o ten, porque o mar está nos seus ollos.” Todo está nel, por iso chega á casa de Mario sen nada, coas mans baleiras “-Parabéns...! Non puiden traerche ningún regalo porque... –Como que non me trouxeches nada? Alba, para min o mellor regalo ... es ti!” Daquela descubrimos que Mario é un vello, pode ser o avó ou calquera outro. Todo nun ambiente moi mariñeiro, desde o camiño, ata a casa, os retratos que nela aparecen e a roupa deles. Moi pouco texto, de forma que o pouco que aparece, adquire moita forza.

7/10/10

LIBROS SOLIDARIOS (3)


O son das buguinas publicado por http://implicadas.blogspot.com/ no desenvolvemento (IND) e Xerais.

Implicad@s no desenvolvemento é unha Organización Non Gobernamental (ONG) galega que apoia proxectos de desenvolvemento integral no sur da India e Etiopía. O proxecto O son das buguinas, xermolouse como unha das respostas de IND á tsunami do 26 de decembro de 2004 que provocou a morte de máis de 300.000 persoas na India (onde esta ONG viña traballando desde 1998 en Tamil Nadu, un dos estados máis azoutados polo maremoto) e noutros países de Asia. IND realizou un chamamento solidario a diversoas narradoras/es co obxecto de editar un libro solidario que axudase a reflexionar ao público xuvenil galego sobre as tráxicas consecuencias desta catástrofe. Froito daquel chamamento é O son das buguinas, un producto editorial conformado por un libro de sete relatos (ilustrado por Xulia Barros) e un DVD. O volume inclúe os relatos de Marilar Aleixandre (“No lombo do río elefante”), An Alfaya (“Fiu, o paxaro de canto fino”), Fran Alonso (“A guerra”), Rosa Aneiros (“Ver os paxaros voar”), Agustín Fernández Paz (“Lúa do Senegal”) , María Reimóndez Meilán (“O ventre do mar”) e Dolores Ruíz (“O canto do papani”), ademais dunha introdución, titulada “O son das buguinas”, textos que conforman unha proposta de literatura comprometida, unha buguina que fala da alternativa, da posibilidade real de chegar á Pobreza 0 para toda a humanidade. O DVD, que acompaña ao libro, preparado por Francisco Vila Barros, inclúe un documental (8’30’’) sobre o labor de IND en Tiruchy (India ) e Abdis Abeba (Etiopía), unha película de animación (4’30’’) sobre o labor das ONGs e as políticas de voluntariado e cooperación, un documental (7’30’’) sobre a tsunami e un xogo interactivo (“Pensa e actúa”) sobre a cooperación.

De O Xornal de Galicia. com

6/10/10

LIBROS SOLIDARIOS, 2


Camiñan descalzas polas rochas. Autoras polos dereitos humanos das mulleres. Amnistía Internacional e Editorial Tris Tram, 2010. Toman o título dunha poesía de Ana Romaní. Trátase da colaboración de escritoras e ilustradoras xunto co desinteresado apoio da editorial. As obras foron creadas para contribuír coa campaña de Amnistía InternacIonal “Non máis violencia contra as mulleres”. O obxectivo é resaltar a universalidade dos abusos dos dereitos humanos das mulleres (a violencia sexual, o maltrato de xénero, a violación como arma de guerra...) e o papel das mulleres como axentes de cambio. Os beneficios da venda serán para a ONG Amnistía Internacional do grupo de Lugo. Comeza co poema de Ana Romaní que lle dá nome e remata cun de Yolanda Castaño, envolvendo os relatos do resto das autoras. Autoras: Rosa Aneiros, Paula Carballeira, Anxos Sumai, Carme Blanco, Marilar Aleixandre, Maria Reymóndez, Helena Villar, Ana Expósito, Marica Campo, Yolanda Castaño. Ilustradoras: Nuria Díaz, Noemí López, Almudena Aparicio, Ánxeles Rodríguez Ferrer, Marina Seoane, María Lires, Carmela González, Ana Pillado, Aurora López, RebecaLópez.

5/10/10

LIBROS SOLIDARIOS


Trátase de libros solidarios pola temática que tratan, pero tamén polo beneficio da compra, neste caso destinado ao grupo de Lugo de Amnistía Internacional.

Ninguén está só. 21 autores a prol dos dereitos humanos. Amnistía Internacional / Editorial Tris Tram, 2001. Toman o título dun poema de José Agustín Goytisolo para un manllado de relatos inspirados no tema dos dereitos humanos: inmigración, guerra, subdesenvolvemento, tortura, pena de morte, refuxiados, compromiso político... que servirán de instrumento de coñecemento, reflexión e debate, tal como aparece na presentación. Colaboración de escritores (Fran Alonso, Paula Carballeira, Fina Casalderrey, Ana Expósito, Agustín Fernández Paz, Jaureguízar, Paco Martín, Antonio Reigosa, Helena Villar) e ilustradores (Miguelanxo Prado, Noemí López, Manuel Díez, Xosé Tomás, Xan López Domínguez, Carmela González, Santiago Catalán, Honorio, Espiral); 10 relatos ilustrados.

4/10/10

EN SETEMBRO













En setembro perdemos unha das escritoras pioneiras da literatura infantil e xuvenil galega: Dora Vázquez. Ela, coa súa irmá Pura, comezaron a escribir a mediados do século pasado. Ao seu modo estrearon a escrita a catro mans que logo veríamos da man doutros como Helena Villar e Xesús Rábade ou Xoán Babarro e Ana Mª Fernández. Pero sobre todo, estrearon o interese por dotar á rapazada de textos escritos na súa lingua. Poesía, narrativa, teatro... todo era necesario naqueles comezos porque nada ou case nada había, por iso é tan necesario recoñecer o seu esforzo e agradecer a quen o ten feito como a Deputación de Ourense que puxo os seus nomes ao Premio de Narrativa e Ilustración Infantil e Xuvenil que concede anualmente.

1/10/10

PARA LER E VER


Para ler e ver, para mirar e remirar, para ver as melloras que se producen cando pasamos do negativo ao positivo… para todo isto: Andrés cabeza abaixo. Con texto de Pablo Albo e ilustracións de Roger Olmos, esta novidade de OQO dirixida a nenos e nenas de 3 a 7 anos (e compañía). Unha historia a modo de matrioska, que comeza coa lei de Murphy de raíña e señora, pero que ten un bo final. Comeza o relato con Andrés sendo engulido por un ogro e mentres baixa pensa que só faltaba que nese estómago bestial o esperara outro protagonista dos seus medos, un dragón que tamén o papa, e cando baixa polo aparato dixestivo deste, de novo pensa, anticipando o futuro, que xa só faltaba que nese estómago o estivera esperando un oso... e así vai, de mal en peor. De mal en peor, na cabeza do lobo queda esperando a que chegue alguén a liberalo, un leñador, un cazador, un cabaleiro,... pero nada pasa ata que decide cambiar a súa sorte e pensa (iso é o que ten pensar) que así como se entra poderase saír, ou non? Pois quen ten boca para comer ten outro furado para botar fora e cun optimismo a proba de bomba vai buscando eses furadiños, duns comellóns noutros ata que sae á superficie feito un asco pero feliz, esperando unha chuvia que no lave. A historia non ten desperdicio, peor as ilustracións moito menos. Ir atopándose personaxes das que non fala pero se mostran, como a carapuchiña en esqueleto dentro do lobo (leva tanto tempo dentro), as ferramentas do lume dentro do dragón acompañando ás que foron damas.

21/9/10

PREMIO EDEBÉ


Meu irmán o xenio, foi premio Edebé de literatura infantil, e agora aparece publicado en galego, con tradución de Ricardo Fernández Sabín e ilustracións de Jordi Sampere, na colección Tucán de Rodeira. O autor, Rodrigo Muñoz Avia, xa contaba con outro premio Edebé coa obra Os perfectos, e ademais de escribir tamén para adultos e realizar guións de cine ten publicados diferentes escritos sobre os pintores Lucio Muñoz e Amalia Avia, seus pais. Lemos o comezo: “O mundo divídese en dous tipos de persoas: os xenios e os demais. Iso é o que di a miña nai. Entre os xenios, está o meu irmán. Entre os demais, estou eu. Claro que a miña nai non o di así, pero eu ben sei que o pensa. Chámome Lola, teño dez anos e gústame o fútbol. Cando xogo, o que máis me gusta é poñerme diante do que leva o balón para impedirlle que chegue á nosa portaría. Encántame tirarme ao balón, roubarllo, erguerme, saír coma un lóstrego e pasarllo a calquera dos nosos dianteiros ou, se teño ocasión, tirar desde lonxe, como fixen o día que lle metín un gol aos do SEK cun fungueirazo. Estou no equipo de fútbol do meu colexio. Son a única nena que xoga neste equipo e tamén a única nena que compite na liga interescolar da zona noroeste da miña cidade.”

20/9/10

PREMIO LAZARILLO


Dióxenes, o Premio Lazarillo 2008, de Pablo Albo, acaba de ser traducido ao galego por Carlos Acevedo e publicado na colección 7 leguas de Kalandraka. As ilustracións de Pablo Auladell colaboran na creación dun mundo paralelo. As traducións de libros de éxito, son un apoio á normalización da lingua que deberíamos ter en conta. Esta obra, trata dunha maneira moi especial, o síndrome que leva o seu nome a través dos relatos que un neno ao que recoñecemos pola imaxe, nos conta acerca do que colecciona el e o resto dos membros da súa familia. Aí vai un deles: “Ao final, o barco trouxérono para o cuarto, con tripulación pasaxeiros e todo. Avulta, pero non molesta. Só molesta un pouco os domingos pola noite, porque é a cea do capitán e non para o algareo e a orquestra de piano. Violín e bombardino. Gustaríame atopar o barco para llo ofrecer ao meu tío. Pero non dou co navío. Tanta trangallada como hai. Sei que ha de estar preto da fiestra porque nas noites de lúa chea se oen os bicos dos namorados na cuberta.”

17/9/10

CLÁSICOS


Agora, que é tempo de figos, non virá mal falar de espantallos e lembrar aquel Espantallo amigo de Neira Vilas que se está a reeditar, de novo, cunhas ilustracións de Xaquín Marín. Dous clásicos.

O texto, tráenos á actualidade unha historia de amizade: aquel espantallo que o amo fixera para que os paxaros non comeran a froita que decide facerse amigo de todos (dos paxaros que virán a pousarse nel sen comer, do can ao que compromete a non ladrar por ladrar, do grilo ou do gato) pero non só iso, senón que consegue que se estableza unha relación de amizade entre eles. Ademais das ansias de amizsade, o espantallo ten o desexo de moverse, de ver mundo... e todos eles lle axudarán a logralo e voar coa axuda dun vento. Amizade e solidariedade cando el mesmo decide que os nenos que viven preto e nada teñen poidan quedarse coa súa roupa e comer os froitos dos que está feito, aínda que nesas el deixe de ser.

Neira Vilas permanente, un clásico. E ao seu lado, acompañándoo con todas as consecuencias, outro clásico, Xaquín Marín que introduce personaxes e capítulos co seu estilo propio, que ilustra a historia como sempre fai, introducindo esa plástica case pétrea que o caracteriza e nos caracteriza. Grazas a ambos e a Galaxia por manter viva a tradición.

16/9/10

A LITERATURA ... NORMALIZANDO


O feito de que o último libro de Cornelia Funke sexa editado en galego á vez que no resto das linguas (nun lanzamento a nivel internacional) é unha acción normalizadora, sen dúbida. Algo semellante sucedeu cando saiu á luz o último premio nacional de narrativa Bilbao - Nova York - Bilbao de Kirmen Uribe.

Traducido por Mª Xesús Bello Rivas, así aparece a presentación editorial de Reckless. Carne de pedra. "Jacob Reckless cometeu un erro: despois de moitos anos de precaución, seu irmán Will cruzou o espello e foi tras el... a un mundo no que os contos máis tenebrosos se volven realidade e no que a maldición dunha fada sementa carne de pedra. Ese mundo foi fuxida e fogar para Jacob durante moitos anos e nel andou por fragas e outeiros na busca de obxetos máxicos para reis e emperadores. Pero cando a pel de Will se transforma en xade, Jacob marcha na procura dunha única cousa: a menciña que salve a seu irmán."

Cando as editoras cumpren a súa función, só fai falla que o resto dos elos da cadea asuman a que lles coresponde.

14/9/10

A CASIÑA AZUL


A casiña azul é unha novela, dirixida a un lectorado a partir dos 12 anos, escrita por Sandra Comino, ilustrada por Jorge Magutis e traducida por Ánxela Gracián. Nestes días, sae unha segunda edición, na colaección Árbore de Galaxia. Un libro onde a historia e a Historia se pisan os pés e vemos o doado que ir marcha atrás e situar aos nosos avós nun tempo do que só pouco sabemos se non é polos libros. Unha historia situada nun lugar onde viviron indíxenas, a onde chegaron outros homes, brancos, que arrasaron o antigo poboado, e outros, posteriormente, que se apousentaron nas terras a compartir, aínda que as vellas feridas impediron que a amor fora posible. Porque de amor trata a obra, de amores que semellaban imposibles e de amores que se farán reais, de amores de vellos e amores de nenos, todos amores. E tamén trata de nenas tristes, que sofren maltrato e desamor, que lembran a todas as que ao longo da literatura nos fixeron chorar cando elas choraban... "(...)Pero Cintia choraba máis e máis. E facíao coma se un exército de madrastas lle prohibise tomar xeados. Ou coma cando María, a muller do seu pai, non lle permitía ler polas noites. Choraba coma Cinsenta cando non podía ir ao baile. Coma Brancaneves cando no bosque tiña medo da escuridade. Coma Hänsel e Gretel cando foron abandonados. Coma cando o parruliño feo se sentía feo. Coma Alicia, coma... Choraba coma cando o seu pai mallaba nela, porque o pai de Cintia, cando estaba nervioso, algo que sucedía con frecuencia, mallaba nela. (...)"

9/9/10

CONTOS PARA NENOS...


Contos para nenos que dormen deseguida de Pinto & Chinto, no estilo das Minimaladas e Novas minimaladas. Pequenas historias, minúsculos textos nos que se concentra todo un relato adobado con humor.

Unha mostra:

"O neno que imaxinaba

Aquel neno era o único neno na aldea, non había ningún outro neno con quen xogar, así que aquel neno creou un amigo imaxinario. Como aquel neno e o seu amigo imaxinario non tiñan xoguetes, aquel neno creou unha bicicleta imaxinaria, e unha pelota imaxinaria, e un imaxinario cabalo de cartón.

O inverno estaba sendo moi duro na aldea, e os pais daquel neno non o deixaban saír fóra. Entón aquel neno imaxinou que era verán, e imaxinou que el e máis o seu amigo imaxinario saían fóra, e imaxinou que corrían polos campos, e imaxinou que collían froita madura das árbores, e imaxinou que ían bañarse ao río.

E logo aquel neno imaxinou que alguén escribiría esta historia, e que alguén a estaría lendo neste preciso momento."

8/9/10

UNHA NOVA CARAPUCHIÑA


Da man do guionista Martin Powell e do debuxante Víctor Rivas, acaba de aparecer Carapuchiña Vermella en El Patito Editorial.

Unha nova Carapuchiña, coa súa capa vermella, a pasear e cantar polos bosques; esta vez en banda deseñada como acostuma esta editora e con novidades que haberá que observar, pois trátase dunha versión diferente, cunha ambientación distinta e unha historia que responde a outras coordenadas: unha Carapuchiña máis asertiva e liberada nunha historia máis relacionada co misterio.

A por trevos de catro follas!

7/9/10

OS CONTOS DE BERNARDINO


"Os contos de Bernardino" é a colección onde se publica A raposa cor de mel de Bernardino Graña, con ilustracións de Anxo Fariña. Trátase dun conto rimado coas repeticións pertinentes e o saboriño a tradición que tan sabe combinar o autor. Unha raposa queda viúva por mor dunha enchente que leva á súa parella ao outro mundo. E como no conto da ratiña, van pasando pola súa porta, un tras outro, un can grande, un lobo e un oso que seica a queren aconsellar pero ela responde moi disposta que non quere casar con ningún deles. Ao final, peta un raposo que trae un galo para convidala a comer e ela acepta. Seica con ninguén se está tan ben coma cos da casa de cada un. As ilustracións con cores planas e sen demasiado detalle nin nas figuras nin nos fondos; cun ar ao manga que tan ben traballa Fariña.

6/9/10

A igualdade tamén conta

Da biblioteca do CEIP Os Casais de Fene, chéganos o seguinte comentario:

"A igualdade conta" é o nome dunha colección da que se coñecen tres títulos A urna dos desexos, O segredo de Flora e O país dos mandóns. Todos da autoría de Paloma Rodríguez e Cristina Justo, ilustrados pola artista eslovena afincada en galicia Spela Trobec e puclicados pola editorial Embora. No primeiro deles, A urna dos desexos, Clara (chamada así por Clara Campoamor), conta o que é votar, porque hai quen vota e quen non; o que son as diferentes opcións (mediante cores), o que van votar a súa nai e a súa avoa, que significa o sistema democrático e como funciona... Todo isto mostrado dun xeito moi sinxelo, con frases curtas e vocabulario moi fácil; con ilustracións cheas de cor, infantís e alegres.

Seguindo a estela daquela vella e sempre presente "A favor de las niñas" unha nova colección que mira pola igualdade.

ABECEDARIOS


Do A ao Z "O Camiño de Santiago" versificado por Xoán Babarro e Ana Mª Fernández, ilustrado por Luisa Vera y publicado por Everest Galicia.


Esta editorial foi sacando á luz unha serie de abecedarios en torno a diferentes autores: Rosalía de Castro, Neira Vilas, Novoneyra, Ramón Cabanillas...


Agora, aparece este libro con cd interactivo no que atopamos o material impreso cos magníficos poemas desta parella de escritores (creados arredor de cada unha das etapas do Camiño de Santiago e en base a unha letra) e con cada un deles unha pequena información de cada unha das etapas. Acompáñao o cd con actividades pensadas para diferentes niveis de forma que cada un dos xogadores poderá escoller a dificultade á que quere enfrontarse e ir así avanzando polo camiño cara a Compostela.

2/9/10

CONTOS MARABILLOSOS


O Rei Oso Branco e outros contos marabillosos está publicado por Kalandraka na colección Seteleguas. Da autoría do contador Tim Bowley e ilustrado por Óscar Villán é este un libro de contos á vella maneira. Contos de animais e princesas, de seres míticos situados en mundos da fantasía.

Autor e ilustrador chegan a cotas de calidade sorprendentes na creación de espazos que sempre formaron parte da nosa imaxinación pero que agora se reelaboran para nacer de novo...

Unha verdadeira marabilla!