18/1/11
XOÁN BABARRO, premiado.
Xoán Babarro, acaba de xubilarse, o que lle achega o tempo necesario para a creación. Así, anda a recoller a colleita dos últimos premios. Con Palabra era un universo paralelo, acadou o Pura e Dora Vázquez da Deputación de Ourense, e con A princesa de Taramundi, fíxose co Premio Arume. Con ilustracións de Spela Trobec, está publicado por Edicións Embora de Ferrol neste 2010, do que acabamos de despedirnos. Unha magnífica edición, en volume cadrado e de pasta dura; cunhas ilustracións en branco e negro co único aditamento dos grises pero cunhas calidades inesperadas e de gran valor. Un poemario que ben mereceu o quinto premio Arume de poesía para nenos e nenas convocado pola Fundación Neira Vilas no 2009. Libro que o xurado valorou pola orixinalidade dos versos e o tenro achegamento á natureza e ao medio xeográfico do que se nutren. Libro para disfrutar, para ler, mirar e xogar. Libro no que o autor recolle variantes da falas galegas centrais e orientais para deleite dos pequenos e máis grandes. Un bo libro do que se adianten uns poemas como cata, nun caso trátase dun trabalinguas e no outro dunhas mentiras: PITA PINTA A pita pinta ten un pito pinto, pintado e no bico colorado. A pita pinta ten dous pitos pintos, pintados e no bico colorados. A pita pinta ten tres pitos pintos, pintados e no bico colorados... ¿Cantos pitos pintos pintados e no bico colorados poderá contar a pita pinta pintada e no bico colorada? MENTIRAS O amieiro dá peras. O bidueiro, laranxas. O escabrón, as amoras. O erbedeiro, castañas. E o sanguiño que hai no monte, cen mil mazás coloradas. ¡Se as mentiras que hai no mundo fosen así de atinadas…!
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario