18/1/11

Xoán Babarro, premiado


Xoán Babarro acaba de xubilarse. Agora ten calma e tempo para seguir escribindo e ir recollendo a colleita de premios que merece. Un deles foi o Pura e Dora Vázquez da Deputación de Ourense por Palabra era un mundo paralelo, outro A PRINCESA DE TARAMUNDI co que acadou o Arume. Con ilustracións de Spela Trobec, publicado por Edicións Embora de Ferrol, saiu á luz no 2010. Unha magnífica edición, en volume cadrado e de pasta dura; cunhas ilustracións en branco e negro co único aditamento dos grises pero cunhas calidades inesperadas e de gran valor. Un poemario que ben mereceu o quinto premio Arume de poesía para nenos e nenas convocado pola Fundación Neira Vilas no 2009. Libro que o xurado valorou pola orixinalidade dos versos e o tenro achegamento á natureza e ao medio xeográfico do que se nutren. Libro para disfrutar, para ler, mirar e xogar. Libro no que o autor recolle variantes da falas galegas centrais e orientais para deleite dos pequenos e máis grandes. Un bo libro do que se adianten uns poemas como cata, nun caso trátase dun trabalinguas e noutro dunhas mentiras: PITA PINTA A pita pinta ten un pito pinto, pintado e no bico colorado. A pita pinta ten dous pitos pintos, pintados e no bico colorados. A pita pinta ten tres pitos pintos, pintados e no bico colorados... ¿Cantos pitos pintos pintados e no bico colorados poderá contar a pita pinta pintada e no bico colorada? MENTIRAS O amieiro dá peras. O bidueiro, laranxas. O escabrón, as amoras. O erbedeiro, castañas. E o sanguiño que hai no monte, cen mil mazás coloradas. ¡Se as mentiras que hai no mundo fosen así de atinadas…!

No hay comentarios: