Nestas datas, arredor do Día do Libro, acostuman saír á luz novas entregas da Colección Lagarto Pintado.
Neste 2010, unha delas leva o nome de Verdades de plastilina e recolle textos de Yolanda Castaño, Jacobo Fernández, Charo Pita e Xavier Queipo. Todos eles adobados co pincel de David Pintor
Recollemos un pequeno fragmento do relato de Queipo, un texto magnífico que nos reconforta e nos fai pensar no valor da literatura.
"Estaba no bordo do leito. Abrín os ollos e fun pasando así un a un os obxectos que había naquela caixa que eu gardase cando neno. A area transportoume a un deserto imaxinario, camiño da China, onde un día me levasen as lecturas das aventuras de marco Polo. O tacto frío dunha bóla de aceiro fixo que recorrese dacabalo as estepas de Siberia como correo do Zar de todas as Rusias, ata que me queimaron os ollos e fiquei "xa para sempre" cego. Un anaco de madeira atopado andando as crebas na praia de Carnota levoume a navegar camiño das Indias, a sucar os mares do Sur ata cruzar o Cabo da Boa esperanza e partir logo na rota das Illas das especias, alí houben confrontar os tigres comedores de homes e os piratas máis feros, aos que con mañas elegantes arrebatei o tesouro que tiñan agochado nunha illa de coral. Xa logo apreixei na man as penas de ouriolo e de bubela e abrindo os ollos puiden ver que estaba montado nun cisne percorrendo toda Suecia dende o alto, voando por riba de lagos e forestas, outeando o horizonte camiño do Polo Ártico. Entretívenme con morsas e osos brancos, vin combater narvais co seu corno en espiral, vin paspallás de plumas brancas e golfiños barbados. Agora tiña frío e daquela, pensando no caloriño do sol, entrei nun saloom dun pobo de kansas. Fóra había indios pacíficos e con eles cabalguei co rostro pintado de cores e tocado de plumas, percorrendo as chairas na caza dos búfalos."
No hay comentarios:
Publicar un comentario