Recóllese da presentación editorial desta obra traducida por Marisa Núñez e publicada por OQO...
Mediante a técnica narrativa do relato enmarcado, que consiste na inclusión
dunha ou varias historias dentro da narración principal, Moito conto é unha
especie de contedor que dá cabida a unha chea de personaxes que aparecen e
desaparecen recreando, ao seu paso, novas aventuras. Como ben apunta o autor, o
escritor Enrique Páez, trátase de "un libro tesouro, un libro almacén, un libro
índice de contos e de soños. Pode dar lugar a xogos creativos de interrelación
dos personaxes, millóns de universos posibles no mundo dos contos".
Atraída polo dobre
sentido do título, a ilustradora francesa, Marjorie Pourchet, mergúllanos, nesta
terceira colaboración con OQO, nun mundo de ficción onde os personaxes se
converten en actores capaces de representar diferentes papeis. A estrutura do
relato permítelle traballar os códigos do xénero e a procura de ambientación;
así, para ela, "a habitación da Bela é o decorado dunha escena na que os
personaxes interpretan as súas historias, o libro de contos é o teatro". O marco
que aparece na primeira ilustración, inspirado en libros ilustrados antigos,
sérvelle para definir os espazos narrativos: "é a porta de entrada dun espazo a
outro: do interior do libro ao exterior, do espazo do texto ao da imaxe. É o fío
que conduce ao desenlace da historia, á estrutura abismada do final", comenta a
ilustradora. Tintas en tons pastel, contrastados con vermellos e negros e certos
toques de gravado conforman a técnica utilizada para esta creación. A
composición da portada é unha particular homenaxe ao ilustrador clásico Gustave Doré. Unha obra rica en detalles, na que texto e imaxe danse a man para cativar
o lector, ofrecéndolle a oportunidade de darlle renda solta á imaxinación e de
exercer como "disparador da memoria", segundo subliña o seu autor.
No hay comentarios:
Publicar un comentario