21/1/15

Recoñecemento a un autor

Información facilitada por GALIX:
"O vindeiro venres, 23 de xaneiro, terá lugar na Biblioteca González Garcés da Coruña a entrega do galardón Socio de Honra 2014 de GÁLIX ao escritor Xoán Babarro. No acto participará o alumnado de 1º e 2º de primaria do CEIP María Pita e dará comezo ás 12.15 h. A entrega comezará coa presentación do galardón por parte do presidente de GÁLIX, Xosé A. Perozo. Deseguido a escritora Concha Blanco realizará a laudatio do homenaxeado, quen contestará antes de dar paso ás intervencións dos rapaces e rapazas do CEIP recitando textos do propio Babarro. O homenaxeado lerá un conto feito para os rapaces do María Pita e recibirá o premio de honra, concluíndo deste xeito o acto".
Xoán Babarro é un autores máis recoñecidos da literatura infantil e xuvenil galega, con multitude de obras para a mocidade e destinada aos máis pequenos. Libros de narrativa, poesía e teatro. Libros de texto. Libros escritos unicamente por el e libros compartidos con Ana Mª Fernández. Un creador que leva publicando desde os anos setenta, escribindo para encher de contido as aulas e bibliotecas cando a elas entrou a nosa lingua. Un autor que tamén ten escrito sobre o fomento da lectura e participado cos seus textos na celebración do Día do Libro, como é o caso. Un autor que nos ten deleitado coas súas creacións para o primeiros lectores con marabillosos trebellos como Carpametacarpadeduna; Cuco, cuquelo, que tes no fardelo?; Deseñadora de hora en hora; Dez eran dez; Lobo lobo; Ten, ten, a mña casa ten... polo que merece esta mención sen ningunha dúbida.
Este mesmo galardón foi recibido, en edicións anteriores por Xavier Senín e David Otero, Xosé Neira Vilas, Agustín Fernández Paz e Fina Casalderrey.

No hay comentarios: