La Región (versión dixital 24/9/2015) |
O 8 de abril de 2011, na clausura dos Encontros PLAMBE, acompañounos Xosé Neira Vilas. Na presentación, Pilar Sampedro referiuse a el como o único clásico que aínda quedaba vivo. Nese ano estábase a celebrar o cincuentenario da publicación de Memorias dun neno labrego.
Neira Vilas falou da súa vida "emigro para ter libros" e da súa experiencia coa lectura, sobre todo cos libros para nenos e nenas.
Home xeneroso, sempre atendeu a chamada das escolas, visitando e apadriñando bibliotecas, dando charlas para rapaces e rapazas, acolléndonos en Gres de xeito agarimoso... actividades das que fomos dando conta en revistas escolares e blogs de bibliotecas.
Sempre firme na defensa da literatura galega e do ensino da lingua na escola, que coidaba fundamental para súa pervivencia.
O 26 de novembro de 2015, o noso clásico vivo, deixounos de xeito inesperado. Moitos dos seus proxectos están recén saídos como a nova edición de Cantarolas,da man da editorial Kalandraka e ilustradas por Leandro Lamas, que tivo a posibilidade de ver o día anterior á morte. Tamén ía presentar no Culturgal Romaría de historias, editado por Galaxia. Outros, aínda no forno, non terá ocasión de degustar, como ese disco con Roi Casal ou unha novela
sobre o mar. Serán outros os que rematen todo ese inxente traballo iniciado por el.
Ás bibliotecas escolares e á sociedade quédannos os seus libros para seren lidos, xa clásicos da literatura universal.
CONFERENCIA DE NEIRA VILAS NOS ENCONTROS DO PLAN DE MELLORA DE BIBLIOTECAS ESCOLARES 2010/2011
No hay comentarios:
Publicar un comentario