10/4/14

Rutas literarias, cidades de literatura, lecturas no camiño



Desde Dante ata Hemingway ou García Márquez, moitos escritores teñen escrito sobre Santiago, teñen citado a cidade e o camiño que a ela conduce nos seus libros.
O Concello de Santiago de Compostela quere recoller e resaltar estas citas e para iso a céntrica Alameda compostelá acollerá un "paseo literario" entre a Porta dos Leóns e a Estatua de Rosalía.
A iniciativa Paseo da literatura consistirá na instalación, ao longo do paseo dos Leóns, de pedras gravadas coas citas máis relevantes. As dúas primeiras serán unha de Dante en Vita Nuova ("Pero en verdade se chaman peregrinos en canto van á casa de Galicia porque a sepultura de Santiago fíxose máis lonxe da súa patria que a de ningún outro apóstolo") e unha de Rosalía sobre o Pórtico da Gloria ("¿Estarán vivos? / ¿Serán de pedra? / Aqueles sembrantes tan verdadeiros, /aquelas túnicas maravillosas, / aqueles ollos de vida cheos?"), ao pé da súa estatua. Serán polo tanto dous paseos, un no que se recollan as citas de autores galegos e noutro, do resto do mundo. 
Pero a integración da literatura non só se cinguirá á Alameda, senón que sairá a outras partes emblemáticas da cidade. Deste xeito colocarase un busto de Valle-Inclán na praza de Galicia, lembrando a súa presenza en Compostela o seu último ano de vida e os seus faladoiros no vello Derby. E non podería faltar a cita atribuída a Goethe "Europa fíxose peregrinando a Compostela", que se localizará na Porta do Camiño, onde xa se atopa unha placa coa declaración do Camiño como Patrimonio da Humanidade, e que poderá lerse en seis idiomas.
Esta actuación complétase co libro Compostela, mil anos de literatura, que recolle todas as citas e textos dos grandes autores da literatura universal sobre a cidade de Compostela e o Camiño. 
(Información do concello)

No hay comentarios: