Forma parte da colección de referencia en temas de coeducación e igualdade “A favor das nenas”. Uns libros que apareceron hai máis de trinta anos pero que seguen con plena vixencia. Agora, aparecen dous deles, en galego, da man de Kalandraka. Artur e Clementina e Rosa Caramelo.
Falemos deste último. Na manda, as elefantas teñen os ollos grandes e brillantes e a pel suave e de cor rosa porque se pasan a vida comendo unicamente flores dentro dun xardín valado. Vístenas de cor rosa e ameázanas con que se non conseguen ser como as súas mamás, ninguén vai querer casar con elas. Mentres tanto os seus irmáns brincan, comen herba e batuxan na lama... fan o que queren. Por iso, a elefanta Margarida decide ser feliz e abandona o valado... as outras recollen o exemplo e pouco a pouco vanse indo, deixando atrás o xardín, os zapatos rosa, os colares rosa, os lazos rosa... e dende entón é moi difícil distinguir as elefantas dos elefantes.
Xa non hai rosa nin azul; non hai mulleres que traballan, unicamente, dentro das casas e homes que traballan, unicamente, fóra delas. O mundo vai cambiando grazas a que algunha femia da especie decide dar o salto e ser diferente. Magníficas ilustracións sobre fondo branco, prevalecendo as cores rosa e gris ao lado das mil tonalidades das flores e diferentes animais. Libros para gozar e falar.
No hay comentarios:
Publicar un comentario