18/7/14

Libros trilingües para practicar a tradución

 Un neno na emigración / Un niño en la emigración / An immigrant child é o título do primeiro libro para nenos e nenas de Francisco Álvarez - Koki, con  ilustracións de Marta Iglesias Rodríguez, publicado por Edicións do Cumio.
Recollemos da presentación editorial:
"(...) recrea con sinxeleza e efectividade, en boa parte  a través das reviravoltas protagonizadas por un neno chamado Breogán, realidades que calquera persoa que viviu o esgazamento que supón a emigración puido experimentar. Breogán, no seu caso particular, chega ao barrio neoiorquino de Astoria con tres anos, saltarica e brinca por el, por espazos da terra de acollida como son as rúas e os parques próximos á súa casa, como o zoo de Nova York, ao que contrapón ou suma máis ben as impresións e todo aquilo que aprende nunha viaxe na que percorre Galicia, lugar sempre presente na súa educación e formación.
Alén destas vivencias Breogán resulta operativo para pensar e repensar asuntos como a propia emigración, os valores que representan o fomento e  o  respecto á multiculturalidade ou o poder que a lingua  propia posúe como depositaria da identidade, do que supón para sermos e estarmos, con autenticidade, no mundo."
O autor, radicado en Nova York desde hai anos,  é coñecido pola súa obra Ratas en Manhattan (Sotelo Blanco Edicións, 2007), e tamén por unha ampla obra poética en castelán e en galego con títulos como  Lexanías (1980),  Maruxía (1989) ou Máis aló de Fisterre (1991 e 2000).
    

No hay comentarios: