15/7/14

Lecturas para a merenda e libros que a facilitan

 
"Os libros da merenda", publicados por Urco editora, son libros de carácter popular en canto ao seu prezo, apenas 2,5 euros a unidade, o seu pequeno formato convérteos nunha sorte de mini-libros nos que a calidade e o coidado dos textos, a cargo de Martinho Terrafría, e o tratamento acaído das ilustracións, responsabilidade de Vladimir Zatonski, resulta ben palpable. Os universos que se recrean e as historias que se relatan nestas catro entregas -Señor Fiz, o repolo feliz, Don Bento, o porco fedorento, Fariñeiro, o burro larpeiro e mais Xoana, a ra lacazana- mergúllanse en referentes constituídos por elementos propios da  flora e dos animais domésticos humanizados, recurso a priori atractivo para protagonizar sinxelas voltas e reviravoltas argumentais, que procuran conscientemente manter o ritmo narrativo e certa musicalidade baixo a vontade, a meu entender, de desacralizar a idea da lectura, de procurar o divertimento e de non dar nunca as costas ao humorismo. Á concepción inicial destes libros engádese a posibilidade de interactuar co mesmo incorporando deseños que posibilitan ser completados e coloreados polo lectorado."
Así os presentaba o Caderno da crítica.
E porque eles son “nutritivos coma un bocadillo, doces coma unha onza de chocolate, divertidos coma un ovo kinder e ao alcance de todos os petos”, animámosvos a metelos no peto e darllos na man a eses pequenos que tanta necesidade teñen deste alimento na nosa lingua.
 

No hay comentarios: