23/10/13

NOVIDADE XUVENIL...


Tal como contabamos, acaba de saír á busca de lectores a primeira entrega (Destino Xalundes) dunha anunciada triloxía (Ámote Leo A.) de Rosa Aneiros, publicada na colección Fóra de Xogo de Edicións Xerais de Galicia.
Libro de viaxes que bebe das fontes das mellores augas do xénero, volvendo a textos como O libro das viaxes imaxinarias de Xabier P. Docampo, As viaxes de Marco Polo (ou O libro das marabillas) e Las ciudades invisibles de Italo Calvino.
É a viaxe o eixe central da novela, a súa razón de ser. Unha viaxe ao longo do mundo en seis meses, nin un día máis nin menos, igual que sucedera coa Volta ao mundo en oitenta días de Julio Verne. Seis meses de liberdade, antes de incorporarse ao traballo e ás obrigas, un tempo iniciático entre os estudos e a vida laboral, un tempo para aprender a facerse grande sen axuda de ninguén, sen titor nin familia, sen amigos nin compañeiros... 
Leo viaxa soa, os tres amigos que se comprometeran á viaxe vólvense atrás e ela decidirá continuar co empeño, cargando o pesar de sentirse traizoada pero disposta a visitar as cidades que eles citaran e aquelas para as que consiga voos baratos en internet. De Santiago a Lisboa, Barcelona, Granada, Marrakech, Estambul... cada cidade coa xente coa que contacta, cada lugar coas sensacións que transmite,... todo pasado pola mirada da viaxeira / turista que a percorre.
Rosa Aneiros sitúase na novela xuvenil seguindo a estela da grandes autores do xénero como Agustín Fernández Paz ou Marilar Aleixandre, pero achegándolle a súa xuventude, a súa visión da mocidade desde a mocidade mesma, un tempo e unhas lecturas.
Ha dar moito que falar (e ler)!  

No hay comentarios: