Seguimos atopando novidades en álbum ilustrado que aínda que publicado en Galicia está escrito e ilustrado fóra. Son os tempos!
Por unha banda Tres han de ser con texto de Darabuc e ilustracións de Fátima Afonso, tratando unha vez máis a aceptación das parellas desiguais, pouco comúns... Sol, a protagonista, quere casar cos seus tres amigos, nin cun nin co outro, cos tres. A nai, representante do convencionalismo envíaos polo mundo a que busquen un obxecto marabilloso, o que traia o mellor será o digno esposo da súa filla... Nesas andan os pretendentes (todos xuntos, iso si!) cando sucede algo que os obriga a volver, facendo uso dos seus tres obxectos, o que obriga a que o desenlace non poida ser como se esperaba. Será doutra maneira! A historia que parte de versións de vellos contos que se lembran baixo títulos como Os tres amigos ou Os tres maridos dálle unha volta á tradición.
Por outra O tren de Silvia Santirosi e Chiara Carrer traéndonos o tema da morte dun ser querido, a necesidade de aceptala aínda que non se entenda, a través do diálogo dun pai coa filla, no que aparecen os soños e os relatos e os símbolos universais como ese tren que se vai ou esa estrela que aparece no ceo. As ilustracións acompañan unha historia que non pode ser máis que triste pero que avanza a través do afecto e o tempo compartido.
1 comentario:
Gracias por la reseña. Personalmente pienso que sí son tiempos extraños, donde las oportunidades no siempre están cerca de casa y las amistades se crean saltando más kilómetros que nunca.
Un saludo cordial
Publicar un comentario