9/12/13

Libros para cantar e bailar


Edicións do Cumio é unha editora especializada en temas musicais (entre outros), de aí que de cando en vez nos achegue produtos imprescindibles para atender eses campo. Xa coñecíamos Para cantar e bailar de Luís Prego e agora temos a ocasión de ver Xogos musicais, do mesmo autor, ambas na colección Música e multimedia.
A presentación editorial aclara:
"Este traballo pretende afondar un pouco máis nos xogos, recitados e cancións para os máis cativos da casa, converténdose deste xeito nun libro entregado por completo aos xogos musicais iniciáticos. O tratamento das cantigas e recitados que compoñen este libro foron escollidos con moito cariño para que sexan un bo material didáctico para os pais, non se centrando exclusivamente na faceta artística. As músicas son doadas de asimilar, e facilmente reproducibles por pais e nais que non sexan grandes intérpretes ou cantantes profesionais, e as súas letras repetitivas e, maiormente, con temáticas infantís teñen como único fin que poñades todo este material en práctica e a viva voz, sen necesidade de darlle ao “play”.
Contén un CD con 38 cancións."
As ilustracións de Marta Iglesias aportan ese outro compoñente plástico tan necesario cando se trata de ter o libro nas mans. Unha visión sintética e esquemática, unhas cores alegres que falan desa ledicia que todos sentimos cando cantamos e xogamos, a arte nas páxinas.
Un material de moito interese que ten un lugar de privilexio nas mochilas viaxeiras dos máis pequenos, para recuperar a tradición, para vinculala aos afectos, para xogar e xogar!
Outro título que debemos lembrar é Zampadanzas do mundo. Danzas á carta de Marta Pereira Coutinho, e lembrar que se pode descargar un capítulo de cada libro para catar.

No hay comentarios: