15/5/15

Novidades en álbum ilustrado


Na colección O de OQO, dirixida a nenos e nenas de máis de 3 anos, acaban de publicarse os títulos A mellor sopa do mundo de Susanna Isern con ilustracións de Mar Ferrero, e tamén O avó de Zulaimar de Juan Carlos Méndez Guédez con ilustracións de Elsa Klaever.
A mellor sopa do mundo pode que sexa esa que facemos entre todos e repartimos entre os que chegan á casa un día de inverno. Porque non somos como Mafalda e gustamos da sopa, ese manxar líquido e quente que mornece os corpos, como o fai a mizade e o tempo compartido, por iso sabe tan ben... e nunca nos damos por fartos.
A autora, Susanna Isern, xa ten publicado en galego ¡Pilú! ¡Pilú!, Oso atrapabolboretas e ¿Onde estás caracol?
En O avó de Zulaimar, Juan Carlos Méndez Guédez bota man desas necesidades que todos e todas temos e da maneira na que tentamos cubrilas. Que facer cando che falta un avó? Pódelo pedir prestado ou podes inventalo, crealo, construílo... e niso andamos. Así comeza esta historia tan próxima:
"Zulaimar non tiña avó.
Pero todas as amigas tiñan un.
O de María era alto como unha palmeira.
O de Lucía, redondo como unha O.
O de Susana, cos ollos escuros coma o café.
Polas tardes ían con eles ao parque.
Tomaban xeados.
Facían debuxos na area."

No hay comentarios: