Porque as series crean lectores, traemos hoxe aquí o número IV de Dragal, neste caso co título A estirpe do dragón.
Trátase dunha historia de longa traxectoria: a estirpe dos dragóns, a especie desaparecida que ha de volver da man dos dragalianos, e fronte a eles a gran Igrexa Inquisición (con este ou outro nome co que se recoñezan en cada momento), os grandes represores que os buscan para acabar con esa posibilidade. Os vellos códices nas casas dos descendentes, a igrexa de san Pedro coa súa cripta secreta, a poza da Moura, os ouroboros que cada dragaliano leva no brazo, a alquimia, os cabaleiros da Fraternidade, a telepatía, as viaxes no tempo, xente que se volve invisible e outros que ven as auras dos demais, as transformacións; o códice onde está o pasado, o presente e o futuro que se está a reescribir a cada instante... son elementos desta historia. E dentro desta, outra historia: a dun par de adolescentes namorados, con todos os ingredientes dun relato de amor e instituto: o acoso escolar, un embarazo non desexado, o melodrama de non acabar de confesarse nunca ese segredo que está aí pendente dun fío, as gravacións roubadas, ...
As grandes forzas do ben e do mal sobre o taboleiro da Historia ou do día a día.
Algunha chiscadela que nos moverá o riso como esa referencia á última novela do Xerais que alguén está a ler ou a necesidade de cantar A Rianxeira para desconectar... porque todo sucede neste tempo que estamos a vivir, sen dúbida.
Un libro de Elena Gallego, publicado por Xerais.
No hay comentarios:
Publicar un comentario