4/9/12

2012 ANO CELSO EMILIO FERREIRO, tamén para @s peques


O meu primeiro Celso Emilio Ferreiro é un libro con Cd ou un Cd con libro, como prefirades; o asunto é que conta cos dous soportes para achegarnos a este poeta que está de aniversario (ou mellor dito, de centenario). Hai cen anos que naceu e cincuenta que publicou o poemario Longa noite de pedra, un motivo máis que suficiente para que as editoriais publiquen obras interesantes en torno a este autor. Esta é unha delas, e no noso caso unha das imprescindibles.

Sorprende saber que as ilustracións son de María Manuela, a cantante que dou voz a parte destes poemas, e da que non coñecíamos esta interesante faceta coa que logra moi bos resultados. Non sorprende tanto, que a edición sexa de Xosé Lastra (profesor moi coñecido polo seu traballo no movemento de renovación pedagóxica: Nova Escola Galega, coautor dos textos do grupo Avantar, codirector da colección Merlín de Xerais...) e da súa filla Xiana Lastra (tamén coñecida polo traballo en Nova Escola Galega e na Revista Galega de Educación, así como cantante). Ambos, escriben unha pequena biografía e antoloxía do poeta de Celanova e participan na gravación deses oito poemas nos que tamén colaboran María Manuela, Mini e Mero,... e moitos outros que percorren o campo dos cantautores ao folclore e jazz de maneira colectiva e "con sumo gusto" pois así vai a boa xente.

Leamos e escoitemos esta pequena xoia mentres o 2112 non remata e nos anos que han de vir.

No hay comentarios: