27/6/12

LIBRO CON CURTA


Dúas letras, unha curta de Eloi Varela con guión de Fina Casalderrey, acaba de ser publicada pola editorial Galaxia. O volume recolle un DVD (coa curta e os seus extras en forma de entrevistas con director, guionista, primeira actriz, making off, localizacións…) e un libro no que acompañan o relato de Fina un par de textos de Víctor Freixanes e Francisco Castro sobre a emigración.
Unha película que xa recibiu varios premios (nos Festivais de Cine de Bueu, Primavera de Vigo e Cans onde recolleu o Premio do xurado dos veciños de Cans á mellor curtametraxe de ficción, Premio do público á mellor curtametraxe de ficción, e o Premio do xurado á mellor interpretación feminina)  e está realizada en branco e negro. Nela, nin os actores nin as actrices son profesionais pero conseguen facer real unha historia triste de emigración na que nai e fillo se comunican a través desas dúas letras que atravesan o Atlántico.
Vale a pena vela, por moitas razóns pero especialmente polo que supón de superación de obstáculos cando hai unha historia que contar e se quere facer a través dun medio tan caro coma o cine. Todo se pode superar cando se parte da creatividade, era a mensaxe do editor na presentación, e neste caso demóstrase de sobra. Con iso debemos contar e coa novidade de que por unha vez, se escriba o relato a partir dunha película e non ao revés, como é común.

No hay comentarios: