2/9/11

LIBROS PARA PERSOAS MIÚDAS

O segundo dos libros de cartón duro (que está a publicar factoría K)) é da autoría dunha mestra moi querida, Ana Mª Fernández – Abascal; unha muller de biblioteca escolar e apoio á lectura. Agora que os seus días son longos e libres de horario, esperamos que continúe achegando obras para nenos e nenas, co bo facer que a caracteriza.
O señor don Nicanor é un texto rimado e de estrutura circular. Unha historia encadeada cunha fórmula que se repite con pequenas variacións, para volver ao principio, alí onde as cousas comezaron e han de rematar. O libro que fala dun libro dentro do que hai outro libro e dentro deste outro no que se fala, de novo, do primeiro deles. O libro dentro do libro; os libros que falan de libros.
A mensaxe -porque a ten- valorando a lectura, afirmando o poder do libro cando a televisión só ofrece historias sen interese … daquela, en lugar de permanecer fronte a ela tragando o alimento dos cerebros planos o señor Nicanor, o lagarto Coleón ou o ratiño Fociñón collen un libro decontado para non aburrirse e manter o cabeciña en funcionamento. As ilustracións de Flavio Morais, no seu estilo no que conviven o pop coa estética fondamente popular coas raíces en Brasil; bebendo das fontes da tradición, do traballo de gravado en madeira que tanta divulgación tivo nos anos setenta e oitenta, xogando con fondos de cores fortes aínda que esvaídas por algo que semella o paso do tempo ou o descoido do destinguido; imaxes que nos remiten a outros tempos e lugares distantes, ao surrealismo e ao expresionismo máis eficaz. Xa coñecido entre nós, por Só un segundo, Flavio Morais retoma a relación co selo Kalandraka, para ilustrar esta historia.
Porque os telespectadores teñen criterio e opinan se unha película é boa ou mala, e porque o señor Nicanor nos chisca un ollo cómplice, acompañándonos nesa aventura que se chama libro e lectura.

No hay comentarios: