12/9/11

Anunciando próximas Letras: VALENTÍN PAZ ANDRADE





Galicia como tarea foi o título dunha das obras de Valentín Paz Andrade, a quen se homenaxeará o próximo 17 de maio, por iniciativa da RAG. Galicia como tarea, pode ser a mellor maneira de definir a traxectoria deste intelectual do que a nivel humano sempre se cita o seu papel na defensa e axuda aos perdedores da guerra civil.

Un home polifacético que escribiu poesía (formando parte da Xeración de 1925, con obras como Soldado da morte de 1921; Pranto matricial de 1954 con ilustracións de Seoane, Colmeiro, Maside e Souto na que evoca a morte de Castelao e que foi reeditada en 1975 en cinco linguas; Sementeira do vento de1968, Cen chaves de sombra de 1979 con limiar de Lorenzo Varela e ilustracións de Laxeiro; e Cartafol de homenaxe a Ramón Otero Pedrayo de1985 que podemos ler directamente no enlace; e ensaios (literarios, históricos e económicos). De oficio avogado, impulsou o grupo industrial Pescanova, técnico da FAO, organizador de parladoiros (con intelectuais e artistas como Carlos Maside, Laxeiro, Prego de Oliver, F. Fernández del Riego ou os irmáns Álvarez Blázquez), militante do partido galeguista que formou parte da Xunta Democrática, promotor e director de xornais como Galicia e revistas como Industrias Pesqueras. Unha boa escolla, de novo, por parte da Real Academia.

Seguro que desde as aulas e as bibliotecas saberemos dotalo, de novo, de todo o seu contido.

No hay comentarios: