O premio Álvaro Cunqueiro para textos teatrais correspondeu á obra Raclette de Santiago Cortegoso, o premio Manuel María de literatura dramática infantil correspondeu a Antón Cortizas por Xogando con gatos. O Barriga Verde de textos para monicreques, na modalidade infantil, foi para O lobo e a lúa de Andrea Bayer, e na modalidade de adultos fo para a obra Ela, piedade dos suicidas de Xavier Lamas.
O xurado valorou...
No caso de Raclette: "a solidez da súa estrutura dramática, cun
logrado equilibrio entre a ironía e o humor, como no “sabiamente
dosificado” dramatismo co que transmite a realidade narrada. Partindo do
concepto orixinal da ‘raclette’ como a comida en comunidade ideada
polos pastores suízos para escorrentaren o frío e a soidade, Santiago
Cortegoso preséntanos aquí un mosaico de cinco personaxes arredor dunha
cea, a modo de ‘raclette’ urbana e contemporánea. En palabras do seu
autor, os seus cinco universos “reflicten as contradicións dunha
sociedade enferma que devora os seus integrantes”, chamando a atención
sobre problemas como a hipercompetitividade, a incomunicación ou a
sobreprotección".
"De Xogando con gatos, o xurado destaca como a obra enfía o rico acervo
popular de transmisión oral no que o protagonista é un gato (cancións,
contos, adiviñas, lengalengas...) nunha trama que pon de manifesto a
desaparición gradual de toda esa literatura relacionada co xogo e coa
vida social da infancia. Sobresae, así mesmo, a rica teatralidade deste
texto, na que teñen cabida o musical, a danza, o mimo, as marionetas e o
teatro de sombras, de xeito que –tal e como expón o ditame do premio–
constitúe un magnífico material para un traballo multidisciplinar nas
escolas, así como para un espectáculo escénico de gran formato".
"Así mesmo, de O lobo e a lúa, subliña o xurado a súa “innegable vontade escénica”, na
que se reflicte a experiencia da súa autora á fronte da súa compañía
Baobab Teatro e doutras formacións anteriores: “imaxes suxestivas e
precisas, xogos dinámicos ben inseridos na situación dramática,
personaxes de caracterización definida e unha temática axeitada para a
franxa de idade á que vai dirixida a peza”.
De Ela, piedade dos suicidas, "esta peza contén as claves dun proxecto escénico moi ambicioso, conseguido
mediante o recurso aos obxectos, ademais dunha elevada calidade lírica
dos personaxes, que dá moita profundidade a unhas figuras dramáticas
deseñadas cunha técnica moi rendible e pouco vista hoxe”.
Vía portal educativo.
No hay comentarios:
Publicar un comentario