10/11/14

O último premio Jules Verne de literatura xuvenil

O Gran Reino, acadou o premio Jules Verne de literatura xuvenil, na última convocatoria.
O autor Eduardo Santiago xa contaba con obra publicada, 2044 na colección Costa Oeste e A teoría do tempo imaxinario en Urco.
Dicía o autor «Cando me comunicaron o fallo foi como unha liberación, a confirmación de que O Gran Reino é unha historia que paga a pena ser publicada, merecente ademais dun premio no que máis da metade do xurado está composto por mozas de menos de dezaoito anos.»
«Escribín O Gran Reino como unha reacción ao gran “boom” das novelas xuvenís de mundos paralelos dos primeiros anos deste século XXI. A idea deuma a miña filla Raquel, unha auténtica fonte de inspiración para min, que tamén estaba farta de ler sempre a mesma historia con distintos personaxes. Ocorréuseme que había un certo paralelismo co que acontecera a finais do século XVI coas novelas de cabalerías. E se daquela un famoso escritor colleu a pluma para novelar maxistralmente aquel sen sentido, por que non ía poder facer eu algo semellante, salvando as distancias, no século XXI? O Gran Reino é unha ficción na que se narran acontecementos reais, durísimos, mesturados con fantasías marabillosas, que farían as delicias de autores como Lewis Carrol.» 
Agora, xa publicada, é o momento de que os lectores e lectoras entren nese Gran Reino, que naveguen na autoestrada das diferentes dimensións, que paseen a súa imaxinación polos diferentes reinos ou polos psiquiátricos e nos digan as súas impresións. E sen esquecer as matemáticas, que van aparecendo detrás das portas ou os enigmas. Ollo!
Un reino que pode ou non ter relación con aquel ao que se refería Celso Emilio Ferreiro en Longa noite de pedra e que aparece recollido no dintel da obra:
"¿Cando
cando se perdeu,
iste gran Reino?"

No hay comentarios: