26/8/14

Escritor portugués de alma galega

 

A Pedro Miguel Rocha téñeno definido como escritor portugués de alma galega, en base a que as temáticas, os personaxes a localización das súas historias e todo o tecido das súas obras teñen un inequívoco selo galego.
Ata o de agora, son catro os títulos dados a coñecer por este docente de Literatura Portuguesa, tamén editor na referencial Porto Editora e aínda investigador: Juntos temos poder (2009), Chegámos a Fisterra (2010), O eremita galego (2011, Prémio Literário Maria Ondina Braga) e os ben recentes Contos peregrinos (2014).
Os quince relatos que compoñen Contos peregrinos son un exemplo acabado de irmandade luso-galega, non só porque en varios deles o protagonismo e mesmo a localización sexan nosas, senón porque cada conto se acompaña dun posfacio escrito por diferentes autores entre os que se contan tres galegos (o novelista e profesor Carlos Quiroga, o narrador Séchu Sende e Armando Requeixo). Son, amais, historias que defenden a necesidade da utopía, das utopías, afirmando a confianza na consecución dun mundo futuro mellor, ecolóxico, onde o respecto pola diferenza sexa moeda común e o librepensamento a única bandeira. Neste sentido, as narracións de Contos peregrinos afincan moi visiblemente na práctica da pluralidade multicultural, no respecto idiomático e a convivencia dos distintos vehículos lingüísticos da área luso-galega.
O carácter peregrino desta narrativa, o que nela hai de alusivo aos camiños composteláns, é tamén un acerto que presenta a cidade do Apóstolo como símbolo e crisol de mundos, de culturas, un territorio común e universal, camiño aberto polo que transitar a vida e aprender dela.
Así se nos contaba!


No hay comentarios: